Crónica Negra.

 

1851-Novembro-21. Incendiouse unha casa en Redondela resultando morta a súa dona. Foi atopada nunha alacena envolta nun cobertor e co rosario nas mans. A criada salvouse rompendo unha táboa para saír á rúa.

 

 

 

1880, Febreiro. Nun camiño de Trasmañó foi atopado o cadáver dun home. Despois dun recoñecemento estableceuse que a causa da morte fora a fame e o frío.

 

 

 

1883-Outubro-14. A unha xoven de 18 anos cortáronlle as orellas e o pelo, ademáis de mutilarlle brutalmente varias partes do corpo. Crese que non sobrevivirá. Os tribunais tentan esclarexar o caso.

 

 

 

1887-Outubro-20. Morre un pirotécnico e dous dos seus fillos nunha explosión na súa casa.

 

 

 

1895. Na parroquia de Candeán, distrito de Mos, apareceu degolado Ramón Gil de Cabeiro. 

 

 

 

1895-Xuño-27. No Chan das Herbas (Negros) aparece morto Manuel Ramiro Álvarez Crespo natural de Cabeiro, coa cabeza esnaquizada cunha gran pedra. Foron detidos o seu irmán Constante, e a súa muller Teresa García, posta en liberdade tras o pago dunha fianza de 2.500 pesetas.  O xuízo causou gran espectación na época. Finalmente o reo foi declarado inocente e posto en liberdade. Á súa saída da audiencia de Pontevedra varios veciños de Redondela tentaron linchalo. O mesmo pasaría co cura e varios veciños de Cabeiro que ó chegar á vila tiveron que escapar por debaixo das viñas. Unha copla da época reflexa o sucedido:

 

En Cabeiro andan a tiros,

 

Constante matou a Ramiro.

 

En Cabeiro andan a paus,

 

Constante matou ó irmao.

 

 

 

1898, 28 de novembro. Un incendio destruiu completamente unha casa en Redondela. Faleceron dúas nenas e a súa nai sufre graves queimaduras. O pai despois detraballar sen descanso por apagar o lume quedou trastornado e tentou poñer fin á súa vida.

 

 

 

1900, 26 de maio. Atopándose na taberna de Bernardina Castro (en Quintela), Ramón Muíños e Manuel Barral, repatriados de Cuba, e Bienvenido Suárez e Castor Garrido, todos mozos daquela parroquia. Tamén había varios mozos de Redondela, entre eles Manuel Otero Alén e Francisco García Soliño co seu fillo Jesús. Por unhas sardiñas comezou unha discusión entre Muíños e Otero. A cousa pasou a maiores resultando Francisco García ferido grave por varias puñaladas en diferentes partes do corpo. Trasladado á súa casa faleceu pouco despois, sendo detido como presunto autor dos feitos, Manuel Barral.

 

 

 

1900, 31 de xullo. Un xoven de Vilar de Infesta duns 21 anos, recibiu un forte golpe cun pao na cabeza estando na romería de Santiago en Guizán (Mos). O infeliz caeu o chan ao ser ferido, quedando sen coñecemento. Volveu en sí aos dous días pero faleceu pouco despois. O agresor deuse á fuga.

 

 

 

1900, 27 de setembro. No barrio de Alxán (O Viso), atopábanse cavando nunha trincheira Santiago Martínez, Francisco Martínez e Manuel Lorenzo, cando un desprendemento sepultou aos tres homes. Deseguido chegaron moitos veciños que tan só puideron sacar con vida a Manuel, aínda que con feridas moi graves.

 

 

 

1900, 22 de agosto. En Vilar de Infesta un porco matou a unha nena de 6 meses, coméndolle os dedos dunha man e parte da cara.

 

 

 

1901, 10 de xaneiro. Faleceu en Redondela o neno, Francisco Villar, a consecuencia das feridas que días pasados sufriu ao ser atropelado por unha carreta.

 

 

 

1902, 05 agosto. Pola Garda Civil de Redondela foi detido Manuel Pazos, veciño de Soutoxuste (O Viso), de 38 anos e tratante de gando, como presunto autor da colocación de dous cartuchos de dinamita na parede da casa do seu conveciño, Manuel Joaquín Rodríguez. Un dos cales estoupou derribando parte da parede, sen que por fortuna houbera danos persoais. Á noite seguinte Manuel Joaquín faleceu atropelado por un tren, indicando todos os indicios que fora el o causante da explosión. O móvil era matar a súa muller e os fillos para casar cunha xoven de Madrid coa que mantiña relacións facéndose pasar por solteiro.

 

 

 

1904, 18 de febreiro. En Vigo, o fotógrafo daquela localidade, Sebastián Marco asasinou á súa amante Matilde Lage, de Redondela, e despois se suicidou. Os cadáveres foron atopados por unha curmá da vítima, Teresa Figueroa, tamén de Redondela.

 

 

 

1904, 1 de marzo. En Coto Ferreiro, Cabeiro, apareceu morto Manuel Rodríguez, de oficio carpinteiro. O cadáver presentaba feridas na cabeza causadas cunha chave inglesa. O corpo estaba mollado polo que se cree que foi asasinado noutro lugar.

 

 

 

1906, 31 de xullo. Dous estudantes de Menciña e Veterinaria aproveitando as vacacións levaron en coche ás súas noivas ás festas de Arcade. Á volta empeñáronse en dar un paseo nunha zona con vistas á Illa de San Simón. Ante a negativa das mozas que tiñan medo de chegar tarde, as levaron arrastras ata unha carballeira ameazándoas cun revólver. Unha delas defendeuse cunha pedra e escapou, pero na súa fuxida caiu por un desnivel onde quedou inconsciente ata o mencer, cando por fin logrou chegar polo seu pé ata a casa onde agardaban os seus pais. A outra moza apesares de defenderse foi maniatada e os dous amigos abusaron dela mentras estaba desmaiada. Logo a montaron no coche e a deixaron preto do domicilio do pai, que rexenta unha farmacia. Dáse a circunstancia de que á nai da moza déronlle morte hai catro anos en Vigo, suicidándose o asasino. Crese que os autores dos feitos fuxiron cara a Portugal. Os seus nomes José Carreira e Florentino Pereira.

 

 

 

1907, 04 de abril. Un violento incendio destruiu en poucas horas a casa-comercio de Francisco Castro, na rúa Loureiro. Parece que o incendio foi casual, calculándose as perdas nunhas 8.000 pesetas.

 

 

 

1908, 4 de Marzo. Avaro morto. En Redondela encontrouse morto de fame e de frío un mendigo. Rexistradas as ropas que vestía encontráronselle nos petos 300 pesetas en billetes e algunha prata.

 

 

 

1909, 5 de Febreiro. No sitio de Pousadouro apareceu morto o xoven Perfecto Molinos. O cadáver atopábase tendido no chan sobre un cable de alta tensión. Sospeitase que a morte se produxo por efecto dunha descarga eléctrica. Era natural de Redondela, solteiro, de 27 anos e de oficio albanel.

 

 

 

 

1913, outubro. Foi condeado a cadea perpetua Juan Relín López coñecido como “El Brujo”, natural de Cedeira, onde a xente lle atribue todo tipo de miragres. Foi acusado de que o 28-12-1912, envelenou con arsénico na taberna da Barromba, en Redondela, a Emilia Vilaboa, de 26 anos, veciña de Trasmañó, por despeito de que esta mantiña relacións cun canteiro chamado José Pérez.

 

           

 

1915 O garda municipal Juan Varela evitou que tres individuos entraran ás dúas da noite nunha casa de Vilavella. Dous o suxeitaron polos brazos, mentras o terceiro o empurraba cara á Xunqueira, alí puido soltarse dándose os individuos á fuga. 

 

 

 

1917-xullo. Cando unha muller chamada Paulina Pérez Lourido pasaba pola calzada de Teis (Vigo), levando unha cesta na cabeza, foi atropelada por un tranvía, ó intentar cruzar a vía. O automotor deulle tan forte golpe na rexión occipital, que foi recollida do chan sin sentido. Conducida á súa casa no barrio da Bouza, da parroquia de Chapela, dixou da existir sen poder articular palabra, según comunica ó xuzgado o facultativo que a asistiu ata o derradeiro momento. As autoridades xudiciais ordearon á garda civil que practique averiguacións para saber o número do tranvía que causou tan mortais feridas.   

 

 

 

1917-outubro. Unha cuadrilla de malfeitores asaltou a casa reitoral de Saxamonde. Entre a unha e as dúas da madrugada, atopándose na cama o párroco don Ricardo Sampedro Folgar, ancián de 72 anos, foi sorprendido por dous individuos, que lle deron cun azadón un formidable golpe na cabeza, sen dúbida con ánimo de asesinalo ou inutilizalo para a defensa. Logo obligárono a levantarse da cama para que lles entregara o diñeiro que gardaba.Vacilando e chorreando sangue, chegou o ancián ata unha cómoda, da que, aproveitando un descuido dos bandidos, sacou unha navalla de grandes dimensións; pero antes de que puidera usala, perdeu o coñecemento. A criada do cura, que acudira ó lugar en que se desenrolaba a tráxica escea, recibiu tamén unha tremenda contusión na cabeza, que a fixo caír sen sentido. Xa donos da casa os asaltantes, abriron os mobles e efectuaron un concienciudo saqueo, levándose todo o que acharon dalgún valor. Logo fuxiron nun coche.     

 

 

 

1917-novembro. Atópase fóra de perigo o cura párroco de Saxamonde, don Ricardo Sampedro Folgar, vítima do audaz atentado e roubo daquela retoral. Polo de agora non foron achados os cobardes ladróns apesares das activísimas xestións que practican as autoridades do distrito. 

 

 

 

            1919, 08 de setembro. Os serranchíns portugueses Joaquín Domínguez, de 20 anos de idade, e Juan Serrano, de 26, causando o primeiro ao segundo cunha machada varias lesións de pronóstico reservado. Joaquín foi detido e posto a disposición do xulgado.

 

 

 

1923, 07 de agosto. En Reboreda, por unha discusión polos regos das fincas, Antonio Amoedo (sen segundo) golpeou co seu azadón na cabeza a Valentín Amoedo Reguera producíndolle a morte.

 

 

 

1923, 14 de novembro. Continúan as investigacións para clarexar o asasinato de Eulogio Lago Iglesias cometido en Redondela. Declararon os veciños de Vilar, Nolino Barciela e Cándido e Albino Cabaleiro. Un deles entregou ao xuíz un revólver que atopou preto do lugar onde caiu a vítima.

 

 

 

1925, 26 de decembro. O depositario do Concello, Justo M. Tojeiro, dirixíase á súa finca de Reboreda, cando o xoven Vicente Mariño Rodríguez, fillo de Manuel Mariño, que ten perturbadas as súas facultades mentais, lanzoulle un poste de pedra dun metro seguido dunha choiva de pedras. O sr. Tojeiro foi conducido á súa casa con feridas de pronóstico reservado, falecendo ás 8 da noite. O loco ingresou no cárcere.

 

 

 

1927, 8 de novembro. Á entrada de Redondela un automóvil atropelou ó neno de trece anos José Alfonso Domínguez, causándolle graves feridas.

 

 

 

1928, novembro. Na veira da estrada Pontevedra-Camposancos, en Cesantes, apareceu unha recén nacida que faleceu pouco despois. Non presentaba indicios de violencia e crese que foi abandoada por alguén que chegou en automóvil.

 

 

 

1928, 29 de decembro. Na parroquia de Saxamonde entraron a roubar  na casa

 

de Dolores González Alonso, de setenta años, solteira, que vive sola e ten fama de rica.

 

Os ladróns sorprendérona na cama, atándoa de pes e mans. Logo rexistraron os mobles e colchóns, apoderándose de 40 pesetas, as únicas que tiña en casa. Mentras os ladróns maniobraban Dolores simulou estar desvanecida para evitar que a asasinaran.

 

 

 

1929, 3 de setembro. Por unha disputa polos regos das suas leiras, maltratáronse de palabra e obra os veciños de Reboreda e Redondela, José Couñago Veiga e Juan Amoedo Rivas, resultando este con gravísimas coiteladas no ventre, polo que foi trasladado ó hospital de Pontevedra. O agresor foi detido.

 

 

 

1930, 21 de xuño. Esta noite fronte á Chicharra un carro tirado por mulas que ocupaban José Pío Vázquez, domiciliado en Chapela,  e os seus tres fillos, Antonio, Adolfo e José, e que regresaban a Vigo dende Redondela, despeñouse por un terraplén, debido a que se asustaran as mulas, caendo o vehículo e os seus ocupantes á vía férrea. Os tres rapaces de entre 6 e 10 anos  resultaron gravemente feridos e o seu pai ileso.

 

 

 

1930, 3 de xullo. No barrio de Tuimil (O Viso) apareceu o cadáver de María Alján Rodríguez de 60 anos, presentando produndos tallos nas pernas e grandes feridas na cabeza. Horas despois detívose a Teresa Alján de 70 anos, irmá da morta, por sospeitas, pois a detida tiña uns zapatos rotos manchados de sangue e na súa casa atopouse un azadón tamén manchado de sangue. Teresa nega rotundamente que matara á súa irmá.

 

 

 

1930, 5 de xullo. David Dacosta Ferreira que viaxaba na baca dun autobús caiuse na estrada cerca do pobo de Redondela, por mor de tropezar cun arame que cruzaba o camiño a seis metros do chan. David sofre graves feridas.

 

 

 

1930, 12 de agosto. Os bois que arrastraban o carro que guiaba Clemente Figueroa asustáronse. Levaron por diante ó coitado Clemente, sobre o que pasou o eixo matándoo.

 

 

 

1932, xaneiro. Na fonte da Ribeira tres mozos, un deles borracho, intentaron abusar dunha servinte, acudindo os veciños a auxiliala.

 

 

 

1932, xullo. O turismo que conducía Manuel Iglesias Pérez atropelou no alto de Cesantes á nena de catro anos, Carmen Bastos Barreiro, que sufriu unha fractura na base do craneo,  falecendo pouco despois.

 

 

 

1933, xaneiro. O día 20 pola noite foron colocadas varias bombas no barrio de Rande. Estouparon dúas que provocaron pequenos danos materiais nas casas de Manuel Cabaleiro e Carmen Rodríguez. Unha terceira causou danos por valor de máis de mil pesetas. Sospéitase que este suceso forma parte da presión que veñen sofrendo ás obreiras que traballan na fábrica de Portané en Vigo.

 

 

 

1933, 14 de xullo. Faleceu afogado en Redondela, o veciño Félix Barral Otero, de 13 anos. Mentras se bañaba, crese que unha das veces que se botou á auga lastimouse na cara, perdendo o coñecemento.

 

 

 

1933, 30 de decembro. Fai uns días disputaron Encarnación González e Ricardo González, porque ela cunha filla de 16 anos chamada María lavaba a roupa nun pozo que Ricardo pretendía cegar. Durante a disputa Ricardo golpeou a María no ventre e faleceu onte a noite. Practicada a autopsia, o médico forense dictaminou que a morte foi natural. O vecindario da parroquia de Quintela, onde vivía María, esta indignado por crer que a rapaza faleceu por mor dos golpes de Ricardo. O Xulgado interven no asunto. 

 

 

 

1934, 7 de abril. A Benemérita deteu ao demente Juan Paz, fugado do Manicomio de Conjo. Estaba recluído por sentencia da Audiencia de Pontevedra, por asesinato dunha veciña súa. No momento de ser detido, montaba nunha bicicleta, e acompañáballe un portugués, que se deu á fuga. O xefe do cárcere non se comprometeu a recibilo, por inseguridade da mesma, quedando nos calabozos municipais.

 

 

 

1934, 14 de agosto. Un neno faleceu afogado no Muro. Francisco Montero Cabaleiro de 15 meses de idade era cuidado por unha nena menor de idade cando nun descuido caiu nun lavadoiro. Era fillo de Francisco Montero e Cándida Cabaleiro.

 

 

 

1935, 2 de maio. Celebrouse unha carreira ciclista en Redondela. Ao chegar os corredores á meta o coche do xurado quiso adiantalos, índose contra un grupo do público, atropelando a dezaseis persoas na súa maioría nenos. Resultaron feridos graves Isidoro Buceta, Castor Castro, Antonio González, e Marcial Pereira. Os demáis menos graves.

 

 

 

1935, 13 de decembro. Nunha praia de Chapela atopouse o corpo do empregado de Telefónica, Alejandro Rojo, casado, de Victoria, de 47 anos de idade. Persoáronse no lugar o xuíz, o actuario Sr. Pintos, o oficial Sr. Pereira e o forense Sr. Torrado. A autopsia determinou que a causa da morte foi a asfixia. Crese que se trata dun suicidio porque días antes se despedira dos seus compañeiros de traballo.

 

 

 

1936, 7 de xaneiro. Á saída de Pontecaldelas precipitouse por un barranco unha camioneta cargada de aves. Dous dos ocupantes saíron despedidos sufrindo feridas leves. O terceiro, Luis Iglesias Domínguez, de 21 anos, natural de Ourense e veciño de Redondela, foi trasladado ao Sanatorio Marescot en estado crítico, falecendo ao día seguinte.

 

 

 

1938. Os familiares dun finado solicitaron a exhumación do cadáver por botar a faltar un obxecto valioso. Tan estraña petición foi concedida, e cal sería a súa sorpresa ó comprobar que ó morto faltáballe o traxe. Despois descubriuse que fora o sepultureiro municipal quen llo roubara.

 

 

 

1941, 31 de marzo. Incéndiase un almacén de materias inflamables que os propietarios da fábrica EIMA, lle tiñan alugado a Lloves, habendo varios mortos.

 

 

 

            1942, 15 de xullo. Nunha canteira dos astaleiros de “Lorenzo y Compañía” sita no lugar do Espiñeiro, en Guixar, o contratista Antonio Costas Bugarín estaba colocando un barreno, que fixo explosión alcanzándoo, así como ao obreiro Herminio Rodríguez, de Chapela. Horas despois faleceron os dous a causa das feridas recibidas.

 

 

 

 

1950, 13 de xuño. Un mozo de Vigo perece afogado no “Pozo” ao tentar salvar ao seu irmán, que sería rescatado por un amigo.

 

 

 

1950, 22 de agosto. Aos 37 anos de idade, faleceu en Redondela, vítima de tráxico accidente, o debuxante valenciano Pascual Llop.

 

 

 

1955, 26 de febreiro. Un autobús da empresa “Pé de Pote” ocupado por viaxeiros que se dirixían a feira de Ponteareas volcou en Cans. O accidente prodúxose ao perder a dirección e bater o vehículo cunha pedra de gran tamaño que provocou que volcase e o inmediato incendio. O fogo propagouse axiña ao departamento de viaxeiros que na súa maioría estaban aprisionados e sen poder saír. A cifra total alcanzou o número de 31 mortos e 8 feridos. Dos falecidos sete eran do Concello de Redondela, elevándose a cifra a oito tralo falecemento poucas horas despois dunha veciña de Vilar. A veciñanza acudiu axiña ao auxilio dos accidentados, sen que poidera facer nada por salvalos, xa que o autobús ardía totalmente. É motivo de eloxio o heroísmo do mestre de Cans don Carlos Díaz Álvarez que foi o primeiro en acudir e logrou salvar algunhas persoas. Ó lugar do suceso acudiron o Gobernador Civil, o xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e os alcaldes dos pobos inmediatos. Tamén chegaron ambulancias de Vigo e servicios sanitarios de Pontevedra, Vigo e a comarca de Porriño. O Cónsul de Arxentina visitou ao Gobernador Civil, entregándolle unha importante cantidade en metálico para o que crea convinte. Varios particulares tamén contribuiron con diñeiro e aportando camións e outros socorros. O conductor, Antonio González Cabaleiro, que resultou con lixeiras lesións, foi detido e incomunicado.   

 

 

 

1955, 21 de maio. Para proceder á realización duns análisis, o farmacéutico e químico Luis Pereira Otero trasladouse á Fábrica de aceites da estrada da Portela, acompañado do seu fillo de 4 anos. Nun descuido o neno caiu nun pozo onde se acumulan aceites. Apesares de socorrelo rápidamente non puido facerse nada por salvarlle a vida.

 

 

 

1955, 8 de xullo. O neno de Cesantes, Bernardo Crespo Fontán, de sete anos de idade, trasladárase ao pobo de Redondela para visitar a uns parentes e ao regresar aprobeitou a oportunidade dun camión que ía a pasar por Cesantes  e montouse nel sin ser visto polo ninguén Ao chegar o camión a Cesantes o neno tirouse do mesmo en marcha, sen que o conductor nin ningún dos ocupantes o advirtiran e o caír quedou morto no acto na estrada. Un automóvil que pasou pouco despois polo lugar do suceso descubriu o cadáver e deu conta ás autoridades do feito.

 

 

 

1955, 3 de agosto. A Garda Civil de Redondela atopou na vía férrea restos humanos diseminados nun traxecto de cen metros. Pola gorra foron  identificados como pertencentes ó sereno dunha fábrica chamado Agustín Otero Collado, de 40 anos, natural e veciño de Trasmañó. Parece que ó atravesar a vía para dirixirse ó traballo foi alcanzado polo tren. 

 

 

 

1962, 28 de setembro. En a Concheira (Rande) chocaron un taxi de Pontevedra e un turismo de Vigo. No accidente perdeu a vida o texista e resultaron feridas sete persoas, tres delas nenas menores de idade.

 

 

 

1965, 9 de xullo. Perfecto Castro González, de 60 anos, casado e domiciliado en Chapela, caiu onte da segunda pranta dun edificio en construcción en Chapela. Trasladado á residencia Almirante Vierna, ingresou cadáver.

 

 

 

1965, 29 de decembro. O veciño de Redondela, Víctor López Carrera, conducía unha moto pola Travesía de Vigo (Chapela) cando ao cruzarse cun camión desviouse atropelando a José Bastilleiro Rodríguez, de 61 anos e veciño de Caldas de Reis, que faleceu, e a Manuel González Duarte, que resultou ferido.

 

 

 

1966, 15 de novembro. Catro falecidos ao caer ao mar un taxi no peirao de Guixar.  Os pasaxeiros eran empregados de Butano S. A. que se dirixían a realizar un trasvase de gas dende un buque aos depósitos que a empresa posee en Guixar. Un deles era Rafael Gómez Jorge, natural de Vigo e veciño de Riofrío (Chapela).

 

 

 

1985, 25 de setembro. Dous militares faleceron despois de que o helicoptero que  ocupaban batera contra un dos tirantes da ponte de Rande. As vítimas foron o alférez de navío da reserva Juan de la Torre Sierra e o gardamariña de segunda Jesús Velarde Echevarría. Voaban nun aparato da base militar de Rota e participaban nunhas manobras.

 

 

 

1987, 11 de xuño. Incendio na rúa Reveriano Soutullo. Unha casa de dúas plantas queda destruida sen rexistrarse danos persoais.

 

 

 

1991, 20 de maio. Intento de secuestro dunha nena, o autor resultaría ser o asasino doutra rapaza en Candeán.

 

 

 

1998, 25 de maio. Dous delincuentes que feriran dun tiro a un cabo da garda civil, son perseguidos ata Redondela. Tras bater co coche comeza un tiroteo, logrando a fuxida a pé. Desprégase entón un dispositivo formado por Garda Civil, Policía Nacional, Policía Municipal de varios Concellos, motos, helicopteros... A mañá seguinte unha muller descubre no seu galiñeiro, xunto ó río Maceiras, a un dos homes. Comeza un novo tiroteo que termina coa detención do delincuente. O outro sería detido horas máis tarde en Vigo.       

 

 

 

2002, 5 de novembro. Un artefacto explosivo mata a un matrimonio en Redondela, dous horas despois de que outra bomba en Vigo ferira a un neno de 12 anos e o seu pai.

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 12-04-2016

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

Galiciana => Gaceta de Galicia, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Progreso...

 

www.boe.es => Gaceta Oficial de Madrid

 

www.consellodacultura.gal => Eco de Galicia (A Habana)

 

Ministerio de Cultura http://pares.mcu.es/

 

             El Correo Salmantino, La Correspondencia de España, El Lábaro (Salamanca)...

 

Escribir comentario

Comentarios: 0