Edificios e espazos públicos.

Alameda. Foto J. Migueles, 2010
Alameda. Foto J. Migueles, 2010

 

 

Alameda.

En 1915 inícianse as obras de canalización do río Alvedosa e no 1924 comezan os traballos de recheo que darán lugar ó Paseo da Xunqueira e a Alameda. Recibiu en 1.937 o nome de Paseo del Glorioso General Franco, recuperando ao pouco tempo o nome de Alameda.

 

 

 

Biblioteca.

            Para falar dunha primeira biblioteca pública debemos irnos ao ámbito escolar. O 22 de novembro de 1871, sendo director da escola de instrucción primaria de Redondela, Lorenzo Carballo Otero, a Dirección Xeral de Instrucción Pública concede unha colección de libros, formada por 155 obras, para a creación dunha biblioteca popular neste centro.

            A principios do século XX, contan con bibliotecas asociacións como o Centro Republicano, Casino...

            En marzo de 1932 a corporación municipal acordou adquirir unha biblioteca pública. En 1934 a pesares de contar cuns 2.000 libros, a biblioteca e moi pouco consultada, así como a da escola graduada.

As instalacións da biblioteca municipal de Redondela foron inauguradas en agosto de 1967 na pranta baixa do Concello co nome de Valle Inclán. En xaneiro do ano seguinte se dotaría con libros na espera dun bibliotecario. E, por fin, o 18 de xullo, día do Alzamento Nacional, é inaugurada polo Governador Civil. Nos anos 80, trasladouse á Casa da Cultura, na Praza José Figueroa (antigo cárcere). Actualmente, atópase no Multiusos da Xunqueira.

           A outra biblioteca municipal abriu as súas portas no 2005. Atópase no Multiusos Piñeiral do Crego en Chapela.

 

Antigo Cárcere na Praza Figueroa. Foto: J. Migueles, 2009.
Antigo Cárcere na Praza Figueroa. Foto: J. Migueles, 2009.

 

Cárcere.

            Antes das celas que a Policía Local tiña no edificio do Concello, a antiga Casa da Cultura e actual sede de Radio Redondela (Praza Figueroa), era o cárcere da vila. Estaba composta por dúas celas para homes e unha para mulleres. Ademáis contaba con vivenda para o funcionario ao cargo e a súa familia.

Esta cárcere sustituira ao chamado “cuarto de la cal”, creado en 1918 na antiga Praza de Abastos. Pequena cela onde os detidos estaban á vista da xente.

Anteriormente, no século XVIII existía unha picota ou rollo (que deu nome á rúa Picota) onde se expuñan á vergoña pública aos delincuentes e aos responsables das obras gremiais mal feitas. Consistía nunha rexa e alta columna cilíndrica montada sobre dous ou tres escanos anchos con 3 testas e 7 brazos, que representaban respectivamente o saber e o poder.

En marzo de 1910 ten lugar unha curiosa historia de amor. Unha parella de noivos naturais de Vigo dáse á fuga. Ao chegar a Redondela son detidos pola policía e a peripecia dos namorados remata en voda, que sería celebrada no propio cárcere da vila.

A principios dos anos 30 do século pasado son continuas as denuncias polo mal estado do cárcere de Redondela. En abril de 1932 o deputado a Cortes, Sr. López Varela, explica ao Ministro da Governación como en 12 metros cadrados convivían 7 homes, 3 deles enfermos aos que o médico tiña que tratar na porta por falla de luz no interior. Víanse obrigados a  durmir vestidos por non haber mantas e os xergóns estaban rotos e con pouca palla, ademáis tiñan que acostarse xunto ao retrete. Por todo isto solicita o traslado inmediata mentras se construe outra.

En maio de 1934 o cárcere seguía presentando un estado lamentable e nunha cela destinada a acoller a dous ou tres presos, convivían doce ou trece. Ademáis os menores de idade non dispuñan dunha cela aparte. Agardábase a construcción dun novo edificio e no seu lugar decretouse que o cárcere fora suprimido por non cumprir unhas condicións hixiénicas mínimas. Apesares disto o inicio da Guerra Civil en 1936 levaría á súa reapertura.

 

 

Cemiterios de Redondela.

            Antigamente, os enterros realizábanse tanto no interior como no exterior das igrexas. No enlousado das igrexas pódense observar nas sepulturas (algunhas numeradas) unha fendeduras para facilitar a extracción. Na capela de San Sebastián da Igrexa Parroquial de Redondela existe un sarcófago cunha estatua xacente e un brasón. Adosados aos muros das igrexas de Reboreda, Ventosela e Vilar tamén podemos observar sarcófagos.

            Por outra banda, o Convento de Vilavella tiña o seu propio cemiterio. Nos anos 40, os restos dos exteriores das Igrexas Parroquiais de Redondela e Vilavella trasladáronse ao Cemiterio dos Eidos. Construido en 1833, nel podemos observar numerosas tumbas do século XIX. En maio de 1936 derribouse un muro que separaba a parte civil da católica. Quedaría en desuso en 1988, cinco anos despois de que se inaugurara o cemiterio de Mañó en Quintela.

Outros Cemiterios.

            En sesión celebrada pola Xunta provincial de Sanidade o 23 de novembro de 1926, acordouse non autorizar a apertura do cemiterio de Cabeiro, ata que se construa un cemiterio civil, unha capela e unha sala de autopsia, que debe levarse a efecto no prazo de 4 meses.

            No cruceiro do cemiterio de Trasmañó lese o ano de “1948”.

            Na década dos 50 trasladáronse os restos do arredor da igrexa de Quintela, ao novo cemiterio parroquial. O cemiterio de Vilar inaugurouse no 1966.

            Máis info: Que ver>Cemiterios antigos

 

 

Centro médico

            Ocupou parte das instalacións da Casa do Mar ata a construcción do centro actual.

Clube de Xubilados. Foto: J. Migueles, 2009.
Clube de Xubilados. Foto: J. Migueles, 2009.

Clube de xubilados.

            Atopábase na rúa Ribeira no local que fora ocupado pola Sociedade de Mariñeiros. A principios dos 90, trasladouse ó antigo Grupo Escolar Figueroa no Paseo da Xunqueira. (Ver Grupo Escolar)

 

 

Casa do Concello. Foto: J. Migueles, 2009.
Casa do Concello. Foto: J. Migueles, 2009.

 Casa do Concello.

            No século XVI, e poida que no XV, o concello atopábase na Porta da Vila, que se pode corresponder co actual cruce das rúas Cruceiro, Telmo Bernárdez e Isidoro Queimaliños. Nos séculos XVII e XVIII, non existe un edificio se empregue como concello de forma permanente. Probablemente se empregasen casas propiedade do concello ou se alugaran vivendas privadas, eran denominadas: Casas de Ayuntamiento, Casa que sirve al Ayuntamiento, Casa que sirve de Consistorio, Casas Capitulares... No século XVII tamén se celebraban “concejos abertos”, ou sexa, plenos ós que podían asistir todos os veciños interesados. O lugar empregado para este fin era un campo cun gran carballo que deu nome á rúa Carballo.

En 1788 iniciouse a construcción do primeiro concello de Redondela, nun solar onde estaba o antigo alfolí (estanco ou almacén de sal). A obra rematouse 1789. O edificio é o actual nº 2 da Rúa Reveriano Soutullo. Nos anos 80 e 90 foi empregado como auditorio.

En 1911 o concello aluga por 1.400 pesetas a Casa da Torre a José Contreras González. O motivo do cambio é a clausura da escola de nenos por non reunir as condicións mínimas, xa que por falta de local se instalara no baixo do Concello. A todo isto sumábase a falla de espacio xa que as dependencias municipais compartían a primeira pranta co xulgado. Nun principio transládanse á pranta baixa do novo edificio as oficinas municipais e o xulgado de primeira instancia e instrucción, e destínase a primeira pranta para a escola pública de nenos. En 1918 a escola abandoa o edificio e en 1935 o xulgado fai o propio, quedando a Casa da Torre totalmente ocupada polas dependencias municipais do Concello.

En sesión do 11 de xaneiro de 1943 acórdase encargar os planos do edificio actual ao arquitecto Emilio Bugallo Orozco, quen xa presentara un anteproxecto en marzo de 1942. Despois de numerosos retrasos adxudícase a primeira fase das obras o 4 de outubro de 1952 e a segunda o 28 de xullo de 1954. O único licitador sería o contratista residente en Redondela, Domingo Fernández Dominguez. As obras rematarían a mediados de 1955 e o traslado das oficinas rematariase a principios de 1956. O 6 de xullo de 1956, xunto á escola de Ventosela e a Praza de Abastos, inaugúrase o edificio, baixo a presidencia do gobernador civil. Ese día asisten moitos veciños, mais cando os falanxistas comezan a cantar o “Cara al sol” prodúcese unha gran desbandada.

 

Buzón da antiga oficina na rúa Meixón Frío. Foto: J. Migueles, 2008
Buzón da antiga oficina na rúa Meixón Frío. Foto: J. Migueles, 2008

 Correos e Telégrafos.

            A referencia máis antiga que atopo do servicio de Correos en Redondela é de 1880, cando había queixas porque o correo de Castilla chegaba ás 6 da tarde e non se entregaba ata as 8 da mañá do día seguinte.

En marzo de 1897 noméase un carteiro coa obriga de verificar o reparto nas parroquias de Cesantes e o Viso, sendo estas as primeiras parroquias, despois de Redondela, en disfrutar deste servizo.

A principios do século XX, Correos estaba na Praza Constitución. En novembro de 1910 trasladábase á unha casa propiedade de Nicolasa Mos na actual rúa Reveriano Soutullo.

Trala instalación do teléfono, téntase suprimir a estación telegráfica de Redondela, desestimándose en abril de 1933. No 1935 Telégrafos atopábase na rúa Fermín Galán (actual Alfonso XII).

En 1964 instálanse por primeira vez xuntos os dous servicios na rúa Meixón Frío, onde permanecen ata os anos 90 trasladando a atención ao público ao Paseo da Xunqueira e a cartería á Rúa Hospital.

           

           

Praza de Abastos. Foto: J. Migueles, 2008.
Praza de Abastos. Foto: J. Migueles, 2008.

 

 

 

Feiras e Mercados (Praza de Abastos)

 

Nas Ordenanzas Municipais de 1605 se establecía que os cereais se almacearán e distribuirán na alfóndiga para a súa posterior venda ó por menor por mercaderes e tendeiros.

 

No Catastro de Ensenada de 1752 atopamos o seguinte: ...un Mercado que se hace el Jueves de cada semana de todo género de cosas vendibles y además de ello una Feria que se hace en el primer día de cada mes en el sitio y Campo llamado del Hospital”.

 

Descripción económica del Reyno de Galicia, 1804: “En Redondela hay un mercado semanal los jueves, de granos, cerdos, gallinas, carneros, pollos, manteca y otros comestibles. En el sitio de Portela hay una feria mensual el 24 a donde concurre ganado”.

 

Por Real Orde de 16 de novembro de 1838 concédese autorización para celebrar unha feira en Redondela o 21 de cada mes.

 

En novembro de 1855 o Concello anuncia a creación dunha feira en Reboreda o 14 de cada mes. Realizarase nas inmediacións da igrexa, para a venda de gando e productos agrícolas e industriais.

 

Os xornais de 1891, dannos conta de feiras de gandos moi animadas con moitas transaccións. A industria avícola gaña importancia e calcúlase que do distrito de Redondela envíanse a Madrid unhas 12.000 galiñas ao ano, o que supón unhas 28.800 pesetas.

 

En agosto de 1910, a dirección xeneral de Agricultura concedeu unha subvención ao concello de Redondela para a celebración dunha feira de gandos.

 

En 1921 unha comisión de comerciantes de Redondela pediulle ao Gobernador Civil que permitise a apertura dos seus comercios os domingos pola mañá, por celebrarse mercado na vila. A petición foi desestimada por incumplir a lei de descanso dominical.

 

O 30 de maio de 1923 concédese a Redondela mercado todos os domingos e feira o 6 e 21 de cada mes. Nesta época xa se celebraba tamén a feira en Chapela, os días 14 e 28.

 

En 1925 o xornalista italiano Renzo Massarani describía así á nosa feira: “En Redondela hai un mercado animadísimo no que se move un xentío de mulleres vestidas de negro. Sobre a estrada, pouco antes do triángulo de herba na que está o mercado, hai unha fila duns sete ou oito desgraciados que mostran as pernas tortas e as caras desfiguradas pola lepra ou por non sei que enfermidade: Non se vira xamáis espectáculo tan  triste”.

 

En 1931 a feira segue a ser o 6 e 21, pero o mercado celébrase todos os xoves e domingos.

 

En maio de 1939 o alcalde e un concelleiro foron sancionados porque as peixeiras aínda non empregaban básculas.

 

Na actualidade a feira segue a celebrarse os días 6 e 21 de cada mes. E en Chapela os días 2 e 16 de cada mes.

 

 

 

Praza de Abastos de Redondela.

A construcción da primeira Praza de Abastos acordouse o 7-11-1886, en sesión presidida polo daquela alcalde Juan Rodríguez Bouzón. As obras foron concedidas ao contratista da vila, José García Vidal, comezando o 3-4-1887 e rematando o 24-3-1888. Prodúcese daquela a reclamación dos 3 médicos da vila por taparse 7 dos 15 ollos da ponte de Lima e impedir a entrada das mareas, non contando o proxecto con estudos técnicos ao respeto e padecer numerosos defectos lexislativos. Isto provoca o retraso da súa inauguración ata o 25 de xullo de 1891, sendo alcalde Ramón F. Pardo. A construcción consistía nun tellado de zinc sostido por 24 columnas de ferro e estaba ubicada no solar onde hoxe se atopa o Concello. No centro desta praza creouse en 1918 o “cuarto de la cal”, que era onde se encerraba ós que infrinxían a lei para escarnio público. Naquela época cara a banda do río había varias carnicerías: a da señora Marcelina, a da señora Elisa, a de Bernardo Biquillos e a de Venancio. Tamén estaba a casa da Vilas vendendo fruta e caramelos e as Porriñesas con grandes bolas de pan que traían en cabaleirías. Cando chovía durante as Festas da Coca, as bandas ou grupos tocaban debaixo do tellado da Praza.

Na primeira metade do s. XX na praza da Alfóndiga existía un tellado con tella do país e estructura de madeira. Debaixo se montaban os postos de venta de millo, palla... Do mesmo xeito, a rúa Isidoro Queimaliños era coñecida popularmente como Rúa da Herba porque nela tamén se vendían productos derivados da agricultura. A Praza do Peixe, antes dos recheos atopábase no peirao da Ribeira. Nos anos 50 as instalacións contaban con dous “kioskos”, nun vendían pan “as Marconas” e o outro era unha tenda de lambonadas onde triunfaban uns caramelos con cancións no envoltorio. Outros puntos de venta serían a praza da Leña e a do Leite.

A decisión de construir o actual Concello no solar ocupado pola Praza de Abastos provoca a necesidade dunha nova construcción. O mesmo arquitecto, Emilio Bugallo diseña as dúas edificacións. O 21 de marzo de 1944 firma os primeiros planos, que serán actualizados en abril de 1952. Este ano comezou a construirse a Praza de Abastos na actual rúa Ernestina Otero, ubicación que sería moi criticada. A finais de setembro de 1953 as obras quedan paralizadas por rescindírselle a adxudicación das mesmas a Miguel Martíns Fernández por incumprimento dos prazos e das indicacións da dirección técnica. O 17 de outubro de 1953 contrátase a José Fernández Pereira que remata a praza o 15 de maio de 1954. A inauguración oficial tería lugar, xunto a da escola de Ventosela e a Casa do Concello, o 6 de xullo de 1956. Posteriormente este edificio sería reformado e ampliado.

Mercado de Chapela. Foto: J. Migueles, 2010
Mercado de Chapela. Foto: J. Migueles, 2010

 

Praza de Abastos de Chapela.

Tralo inicio da guerra civil incautouse a sede da Sociedad Agraria de Chapela “La Progresiva”, que se convertirá no Mercado desta parroquia en 1951.

 

Matadoiro.

            Nas Ordeanzas de 1605 establecíase que debía haber un lugar específico para o sacrificio das reses.

A principios do s. XX, estaba na Ribeira. En xaneiro de 1926 a construcción dun novo matadoiro é adxudicada a Juan López Fragueiro en 33.787 pesetas. O 30 de outubro de 1926 o Xefe de Gobierno, acompañado do Ministro de Fomento, inaugura o matadoiro municipal na actual Avenida Mendiño, no solar onde hoxe se atopa o centro médico.

A Comisión Provincial de Servizos Técnicos, en decembro de 1956, rexeita unha proposta do Concello de Redondela, para construir un estercoleiro onde aproveitar os residuos do matadoiro.

O matadoiro sería pechado en 1984, por non cumprir as medidas hixiénicas básicas.

Cuartel no s. XIX. Foto: J. Migueles, 2008.
Cuartel no s. XIX. Foto: J. Migueles, 2008.

Fortes e Cuarteis.

            A primeira construcción en Redondela para acoller tropas sería a fortaleza de Castricán construida no século XV no monte de A Peneda (O Viso). Pouco tempo despois sería destruida por Pedro Madruga. (Ver Historia>S. XV)

A fortaleza de Rande xa se atopaba en ruínas cando se empregou durante a batalla de Rande en 1702. Tamén no s. XVIII, se construiu un apostadeiro na Portela, no que estivo destiñado John O´Doherty, un dos heroes da batalla de Pontesampaio.  

Máis recentemente tamén se empregou como cuartel a casa que fai esquina entre a Rúa Telmo Bernárdez e a R. dos Eidos.

A principios do s. XX, construiuse a Casa Cuartel da Garda Civil na Subida á Estación. Nos noventa a Garda Civil reduce os seus efectivos en Redondela, pasando a ocupar parte das instalacións da Casa do Mar, que compartiría logo coa Policía Nacional. Este corpo ata daquela tan só tiña presencia na vila cando había feira e un día a semana para tramitar os DNI nun despacho do Concello. No 2008 a Garda Civil deixaría de ter efectivos en Redondela. As súas estancias serían ocupadas en maio do 2009 pola Policía Municipal que anteriormente tiña as súas dependencias no Concello.

 

Grupo Escolar

            (Ver tamén Cargos públicos>Mestres)

En setembro de 1907 exhíbese nas oficinas municipais o proxecto do grupo escolar realizado polo arquitecto Sr. Borrajo. Para esta obra o Estado concedera daquela 28.610´15 pesetas pero en 1911 suspéndese esta subvención polo que non chega a realizarse.

A falta de local, en abril daquel ano, decídese instalar provisionalmente a escola pública de nenos nos baixos do Concello, o que provoca a súa clausura dous meses despois  por non cumprir as condicións mínimas. Pouco tempo despois a situación mellora cando o Concello e o xulgado  trasládanse á Casa da Torre, establecéndose a escola pública de nenos na primeira pranta. 

            En 1918 a escola de nenos de Redondela trasladouse ao Paseo da Xunqueira, pasando a chamarse Grupo Escolar José Figueroa. En 1920 pasa a estar composto por dúas escolas graduadas (nenos e nenas), divididas en tres seccións cada unha. Recibe o nome de José Figueroa Montero, quen presidira a Asociación de Hijos de Redondela en Brasil, colectivo que cedeu este edificio (Ver Persoeiros>Outros).

Na actualidade o edificio Figueroa é empregado como centro da terceira idade.

 

 

Habilitación do Maxisterio.

            En abril de 1923 trasladouse á praza Figueroa.

 

Brasón na rúa Cruceiro que se cree que pertenceu ao hospital.Foto: J. Migueles, 2008
Brasón na rúa Cruceiro que se cree que pertenceu ao hospital.Foto: J. Migueles, 2008

 Hospital.

            O hospital atopábase no solar ocupado, dende hai anos, polo cemiterio dos Eidos. Construido para dar asistencia ós peregrinos do Camiño Portugués. Existen referencias a este hospital do 1502. Mentras que o relato do peregrino alemán Xerónimo Münzer, que chega en 1494 e tense que albergar na casa dun compatriota por falta de albergue, demostra que aínda non entrara en funcionamento.

Era xestionado polo Concello, que llo cedeu ó bispo de Tui en 1741. A finais do século XVIII queda en desuso, empregándose a principos do XIX como escola.

Posteriores proxectos de construir un hospital na nosa vila fracasaron. Foi o caso da iniciativa de José Figueroa (Ver Persoeiros>Outros), que remataría trala súa morte coa construcción do Grupo escolar que levaría o seu nome, obra máis modesta. Outro intento se daría en xuño de 1911,  cando Juan Rodríguez, veciño de Nespereira. deixou toda a súa fortuna, calculada entre as 400.000 e 500.000 pesetas, en usufructo a unha veciña. Á súa morte estes cartos deberían ser empregados para a construcción dun hospital en Redondela ou, en caso de non realizarse en catro anos, para repartir entre os pobres.  

 

 

Oficina de Información Turística

            Abriuse por primeira vez durante o vran de 1967 nas dependencias do Concello. En xullo dese ano convócase un concurso de fotografía co que poder facer unha exposición no local con imaxes de Redondela.

 

 

Oficina de Recadación de Contribucións

            A mediados dos anos 40 do pasado século estaba ubicada na rúa Juan Manuel Pereira. Logo situouse na Casa do Concello, e trala privatización do servizo na rúa Ernestina Otero.

 

Teléfonos.

            En novembro de 1926 inaugurouse a central de teléfonos en Redondela. Os invitados e autoridades foron recibidas polo alcalde, Saturno Cal, e os señores Avelino Giráldez, Manuel Elías Barros Martínez, José Novas e Heliodoro Rivas. A estación foi bendecida polo coadxuntor de Redondela, Rufino Fernández.

As oficinas instaláronse no primeiro piso da casa que os herdeiros de Justo M. Tojeiro, poseían na rúa Alfonso XII, enriba do Café Royalty. A primeira encargada foi Teresita Rúa. Alí traballaron Nenola, Teruca, Mari Carmen...

 

 

Xulgados. Foto: J. Migueles, 2009
Xulgados. Foto: J. Migueles, 2009

 Xulgados

A principios, do século XX as oficinas do xulgado están ubicadas na Casa do Concello.

En 1911 o concello aluga por 1.400 pesetas a Casa da Torre. Nun principio transládanse as oficinas municipais, o xulgado de primeira instancia e instrucción, e destínase a primeira pranta para a escola pública de nenos.

En 1935 o xulgado foi trasladado á rúa Fermín Galán (actual Alfonso XII), no segundo piso da casa onde se atopaba Telégrafos.

O 5 de novembro de 1951, procédese á inauguración de novas instalacións do xulgado, na Praza Constitución.

Nos anos 60 atópabase na rúa Meixón Frío, no edificio no que en 1964 se estableceu na pranta baixa o servicio de Correos e Telégrafos.

A finais dos anos 60 trasladarase ao Paseo da Xunqueira á Residencia Santo Domingo Savio coñecida como Casa dos enanitos por haber sido empregada polo Fogar Méndez Núñez, institución que acollía ós orfos dos mariñeiros e de familias pouco favorecidas e que anteriormente estivera ubicada na Illa de San Simón.

Nos anos 90, este edificio sería derrubado para construir as instalacións actuais.

 

 

 

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 21-01-2016

BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo.  Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

SEREN

Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.

Nº5. Xardinería pública en Redondela; a Alameda Redondelá. Rosa Mª González Carballás e J. Luis Míguez Acuña.

Nº6. Arquitectura rexionalista no Concello de Redondela. José Ramón Iglesias Veiga.

ABC

http://www.abc.es/hemeroteca

La Vanguardia (dende 1881)

www.lavanguardia.es/hemeroteca

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

1804 Descripcion economica del reyno de Galicia

www.boe.es

Galiciana => Varios xornais

Aportacións orais

 

Escribir comentario

Comentarios: 0