Historia da Illa de San Simón

Illa de San Simón, 2009. Foto: J. Migueles
Illa de San Simón, 2009. Foto: J. Migueles

Saqueos e comunidades relixiosas.

No 997 Almanzor asalta a fortaleza de Pontesampaio, os seus defensores fuxen ata a illa de San Simón onde son masacrados. A continuación virán unha serie de saqueos por parte de corsarios, piratas... Os máis documentados serán o do vikingo Olav Harraldson, no 1014, e o do normando Easl Ulf no 1032. 

No século XII os Caballeros Templarios (orde de monxes guerreiros) habitan a Illa de San Simón. Construen nela a igrexa chamada San Simón que lle da nome ata os nosos días. Trala disolución da orde o 22 de marzo de 1312 a Illa deixa de pertencer ós templarios, pasando á Coroa.

Mendiño escribe a cantiga de amigo que fala da Illa de San Simón, obra do século XIII ou XIV.

O 14 de setembro de 1317 o rei Enrique II dóalle ó Bispo de Tui, Juan de Castro, Vilavella e a Illa de San Simón xunto co castelo de Entenza e a vila de A Guarda.

O século XV é a época da revolta irmandiña é a loita dos señores pola posesión de territorio. A ría de Vigo será o lugar de enfrontamento entre o Arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca e Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro Madruga). A illa pertence ós señores de Soutomaior ata que en 1507 as súas forzas son expulsadas polos veciños de Redondela.

Norberto Velásquez, constructor do Lazareto. Foto: Historia de las Rías
Norberto Velásquez, constructor do Lazareto. Foto: Historia de las Rías

En 1517 o franciscano andaluz Fr. Juan Pascual, fundador dos Padres Pascualinos Recoletos de San José, aproveita a antiga igrexa dos Templarios para crear o cenobio Custodia de los Pascualinos de San Simón. Logo visitaría a illa Fr. Pedro de Alcantara, o seu segundo Custodio. Os ataques do corsario inglés Francis Drake, en 1585 e 1589, provocan que os pascualinos abandoen a Illa.En 1596 os monxes benedictinos de San Juan de Poio instálanse na illa de San Antón fuxindo dunha epidemia. Cinco anos máis tarde os franciscanos voltan á Illa de San Simón e fan prevalecer os seus dereitos sobre os benedictinos que se ven na obriga de marchar.

A illa de San Simón sofre novos saqueos trala batalla de Rande coa vitoria da flota anglo-holandesa sobre a franco-española en 1702. Despois de numerosas invasións a orde franciscana obten licencia para abandoar a illa no 1724. Pero non sería ata finais do 1746 cando se trasladarán ó lugar de Vista Real de Agrelo en Cesantes, doado polo duque de Soutomaior.

 


Lazareto

A illa permanece abandoada ata que María Cristina de Borbón, coa Real Orde do 6 de xuño de 1838, concede permiso para a construcción dun lazareto na Illa de San Simón, co fin de tratar ós enfermos dos barcos que debían pasar a corentena. Pasa deste xeito a depender do porto de Vigo, colaborando ó gran desenrolo económico desta cidade. As obras e os dereitos de explotación serían concedidos ó comerciante asentado en Vigo Norberto Velázquez Moreno. A illa de San Simón é unida mediante unha ponte á illa de San Antón, que dará acollida ós enfermos máis graves. No 1854 o lazareto pasa a depender do Estado debido a súa baixa rentabilidade. 

Mariscando enfronte á illa, 2009. Foto: M. Migueles
Mariscando enfronte á illa, 2009. Foto: M. Migueles

          O 5 de xullo de 1898 España é derrotada por Estados Unidos trala perda da escadra do contralmirante Cervera na bahía de Santiago de Cuba. O porto de Vigo convértese daquela nun lugar idóneo para a repatriación de Cuba e Santo Domingo das tropas por ser o máis occidental da Península, ter o calado suficiente e dispor do lazareto de San Simón. Durante a travesía moitos morreron de febre amarela, outras enfermedades que traían eran disentería e paludismo. O 28 de agosto chega o vapor Isla de Luzón. Saíra de Cuba con 2.213 persoas e xa deixara 32 mortos polo camiño. Desembarcan en San Simón 2 mortos máis, que son enterrados no cemiterio da propia illa, e 414 enfermos. O día seguinte trasládanse outros 50 doentes graves, quedando aínda no barco 30 enfermos dos que morren 3. Pasada a corentena varias gabarras levan ó porto de Vigo a 800 homes do barco e a 200 do lazareto, case todos necesitan angarellas e na illa aínda quedan 42 enfermos graves. A historia se repetiría ata a chegada do derradeiro barco o 6 de outubro. En pouco máis dun mes chegaron ó porto de Vigo 7.215 soldados e oficiais, sendo moitos os mortos durante a viaxe e a corentena, dos que 148 descansan no cemiterio de Pereiró (Vigo).

 

            En 1927 a Illa deixa de funcionar como lazareto, convertíndose en lugar de veraneo da crase alta viguesa. Atrás quedaban 12 anos de funcionamento nos que pasaron por ela 2.349 naves.

Ao ano seguinte, a Gaceta do 1 de marzo de 1928 publica o proxecto de establecer o Aeroporto Nacional de Galicia en As Gándaras de Budiño (Porriño) e o Aeroporto Marítimo Nacional de Galicia na enseada de San Simón. Tamén se prevé o futuro traslado do aeroporto cando se rematen as obras de recheo no aeroporto marítimo de Cesantes. Por sorte para o ecosistema e ás xentes do mar non chegou a realizarse.

 

            

Cárcere.

Tras o comezo da Guerra Civil o xeneral Martínez Anido decide converter a illa en prisión, entrando en funcionamento o 1 de outubro de 1936. O primeiro director do centro e  mais o médico estorsionaban as familias dos reos que decidían fusilar. A situación normalizouse cando, o seren descubertos, despois dun consello de guerra foron pasados polas  armas. Outros momentos duros serían cando coa Caída do Norte fondeou xunto a illa o buque prisión vasco Upo Mendi e tamén cando, no 1938, trasladan á illa ós presos máis vellos das restantes cárceres españolas. A humidade, a fame e a masificación (chegou a acoller 2500 persoas) acabaría coa vida de moitos deles. No 1943 deixa de funcionar como cárcere, abandoando as instalacións os últimos presos.

 

Albergue Nacional.

Despois de cinco anos de deshabitada a Secretaría General del Movimiento decide que a  illa sexa empregada como Albergue Nacional para uso e disfrute da Garda de Franco nos periodos vacacionales. O 22 de agosto do 1955 morren 43 homes da garda de Franco ó volcar a lancha, chamada Monchita, que os conducía dende a Illa de San Simón ata Cesantes para ir xogar un partido de futbol. O cruceiro que hai no Cobreiro (rochas cercanas á Illa) lembra o sucedido. O albergue sería pechado en 1958.

 

Hogar Méndez Núñez.

Uns anos antes, en 1952, a Delegación provincial de Auxilio Social proxecta ubicar na illa o “Hogar de Formación Marinera”, por iniciativa do delegado Luis Huesa Pérez, e co apoio do Governador civil, Elías Mario Palao Martialay. Non sería ata a Orden Ministerial do 27 de maio de 1955 cando se decide instalar na illa o Hogar Méndez Núñez para acoller ós orfos dos mariñeiros e de familias pouco favorecidas.

Outra Orden Ministerial, esta do 9 de abril de 1963, ordea o traslado dos nenos á Residencia Santo Domingo Savio, coñecida popularmente como a Casa dos enanitos, sita na Xunqueira no lugar que hoxe ocupan os Xulgados. A Illa é novamente abandoada.

 

Abandono e rehabilitación

En 1966 pasou a depender do Ministerio de Información e Turismo, a intención era convertilo nun centro turístico pero nunca se levou a cabo. Este non é mais que un exemplo dos moitos proxectos plantexados dende os anos 20 ata o día de hoxe polos diferentes sectores da administración pública ós que pertenceu a illa, outros serían: parador de turismo, casino, museo marítimo, facultade de Ciencias do Mar...   

Nesta época comezou un contencioso entre Redondela e Vigo pola propiedade da illa. Finalmente, o 21 de decembro de 1981, o Ministerio de Administración Territorial dalle a razón ó concello de Redondela. 

O 18 de xullo de 1992 os creadores do documental “Aillados”, que narra os anos en que a illa funcionou como cárcere, organizan unha visita a San Simón para os superviventes que estiveron alí presos.

En 1997 a illa de San Simón e declarada Ben de Interese Cultural, ó ano seguinte a Xunta, sendo Conselleiro de Cultura o redondelán Jesús Pérez Varela, comeza os traballos de rehabilitación.

            Estado actual: Que ver>Illa de San Simón.

 

 

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 02-04-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0