Partidos políticos de principios do s. XX

Acción Republicana

            Escisión do Partido Republicano Galego, orixinada na provincia de Pontevedra.

 

Casa del Pueblo.

       A Casa del Pueblo,albergaba os locais do Partido Comunista e a Agrupación Socialista.

En xaneiro do 1932 agradece por carta ao deputado Alejandro Otero a doación de libros para a súa biblioteca. En abril dese mesmo ano o Concello decide subvencionar á Casa del Pueblo de cara a celebración do 1º de maio, festa do traballador. Entre os seus presidentes estivo Serafín Dacosta Paz. (Ver Alcaldes).

En abril do 1935 levántase a clausura que se tiña feita do seu local. A finais deste ano, o desemprego, agravado polo retorno de emigrantes principalmente de Estados Unidos trala crise de 1929, provoca que a Casa del Pueblo reparta o traballo das obras públicas entre os seus afiliados.

       Entre agosto e setembro de 1936 son detidos o seu presidente, Pompeyo Blanco Villar e o seu secretario, Manuel Bouzas Puertas. O 12 de agosto de 1937, sácanse a subasta os bens deste colectivo, quedando deserta por falta de compradores.

       En 1939 os seus locais convertíronse no cuartel dun destacamento de soldados de Infantería, que anteriormente ocuparan a casa de María García Senra. Tiñan a misión de vixiar o viaduto de Madrid, peza clave no abastecemento das tropas que estaban na fronte.

 

Centro Radical

          Sede do Partido Radical. (Ver máis abaixo)

En xaneiro de 1934 elixiu nova directiva: presidente Aurelio Adán; vice, Fernando González; secretario Tomás Docampo; vicesecretario Manuel David Pérez; tesoreiro, José Figueroa; contador, Jesús Figueroa; vocais, Bernardino Dacosta, Francisco Portela e José Araújo.

Para 1935 sería dirixida por: Presidente, Heliodoro Rivas Rivas; vice. Miguel Villar Sánchez; contador, Paulino García García; tesoureiro, Hermenegildo Casal Campo; secretario, Aureliano Adán Mos; vice, Florentino Pereira Míguez; vocais, José Crespo Rivas e Santos Fernández Lamas.


Centro Republicano Recreativo.

          Durante a II República. Nas súas instalacións se celebraban bailes ademáis de mitines políticos. Tamén promocionou o deporte coa celebración de campionatos de billar e a creación de equipos de natación e waterpolo.

        O 1 de Maio do 1932 organizou un mitin con 6 oradores entre eles unha muller, a señorita Las Heras, e un redondelán, Jacinto Díaz. Logo, elixiron unha nova directiva formada por: presidente, Antonio Ocampo Fraga; vicepresidente, José Fernández; tesorero, José Rodríguez; secretario, Manuel Martínez; vocais: Edmundo Villasanta, César Pazos e Jacinto Díaz. O 1 de xaneiro do 1933, da un discurso Alexandre Bóveda no seu local. En novembro do 1933 é elexido presidente da nova directiva José Rodríguez Casal. Xa en decembro tería gran éxito neste centro a actuación do grupo “Airiños d’o Tea”, continuando as festas do Nadal con bailes o 1 e 6 de xaneiro.

          En xaneiro de 1935, oCentro Recreativo Republicano nomeou nova xunta directiva: presidente, José Docampo; vicepresidente, Domingo Fernández; secretario, Fernando Pazos; contador, Juan Míguez; depositario, Bernardino Domínguez; bibliotecario, Telmo Tojeiro; vocal, Fermín Amil. Esta directiva presentaría a dimisión e tan só dous meses despois elíxese unha nova: Severo Rivas, presidente; Domingo Fernández, vicepresidente; Juan Míguez, secretario; Cándido Suárez, contador; Valentín Amoedo, tesoureiro; José Figueroa, bibliotecario e Bernardo Pazos, vocal.

          A súa derradeira directiva elexida en marzo de 1936 sería: José Méndez, presidente; Juan Molinos, vicepresidente; José Fontenla, secretario; Pompeyo Blanco, vicesecretario; Cándido Suárez, contador; Juan Míguez, tesoureiro; e Manuel Silva, Victoriano Míguez e Rafael Montero, vocais.


Confederación Española de Derechas Autónomas / Unión Regional de Derechas (C. E. D. A. / U. R. D.)

 

Falange Española

            Partido fundado en Madrid o 29 de outubro de 1933. Ao ano seguinte organizouse en Redondela encabezado por Juan Muíños Iglesias, que co tempo sería alcalde da vila e sería protagonista do intento de privatización da Praia de Cesantes.

            En 1937, Julián Ferrín Belandas sería o xefe local do partido que, xunto con destacados militantes provinciais, fala nun acto de autoafirmación nacionalista celebrado o 11 de abril na praza do mercado.

 

Federación Agraria de Redondela.

            Partido político que en novembro de 1933 elixiu como candidato á alcaldía ao Tenente Alcalde Juan Martínez Vila.

            En febreiro de 1935 elixen presidente a Sabino Villanueva, contando xa con 997 afiliados repartidos en 10 sindicatos dependentes.

 

Federación Republicana Gallega-Organización Republicana Gallego Autónoma (F.R.G.-O.R.G.A.)

            En outubro de 1932 convertiuse no Partido Republicano Gallego.

 

Frente Popular

            Pacto suscrito o 15 de xaneiro de 1936 entre partidos e sindicatos de esquerda. Na provincia de Pontevedra aglutinaba a: Unión Republicana, Izquierda Republicana, Socialista, Galeguista, Agrario e Comunista.

 

Izquierda Republicana Redondela

         Partido fundado, a nivel nacional, en 1934 por Manuel Azaña Díaz. Un militante destacado en Redondela foi Alfredo Lorenzo Martínez.

 

Juventudes Comunistas.

            Constituido de forma legal en Vigo en noviembre de 1931. En Redondela estaba formado por mozos de familias pouco favorecidas. En 1934, fixeron pintadas na estrada da praia de Cesantes, na praza de abastos e outros sitios céntricos, denunciando a represión dos mineiros asturianos e criticando ós axentes da Garda Civil da vila. Serían detidos como autores: Manuel Martínez Barreiro, Enrique Puertas “Serrano” e José Gómez “Loreto”. Outros militantes serían: Manuel Barros “Xabelón”, José Sánchez Domínguez e Manuel Migueles Esteiro “Repolo”.

 

Juventudes Socialistas.

            Xunto co Grupo Galeguista envían un telegrama urxente ao Presidente do Concello de Ministros solicitando axuda para os damnificados polo asulagamento de Redondela do 24 de setembro de 1932.

 

Juventudes Unificadas.

            Fusión das Juventudes Socialistas e Comunistas.

 

Mocedades Nazonalistas Galegas.

            Xuventudes do Partido Galeguista. En xaneiro de 1936, Raimundo Cal é elexido Responsable de Propaganda da provincia de Pontevedra. Entre outros eran membros deste grupo en Redondela, Rafael Hermida e Bernardo Fernández, que xa formara parte de Ultreya. En xuño dese ano Raimundo Cal e Rafael Hermida representan a Redondela na III Asemblea desta formación, con vistas á campaña a prol do Estatuto.

 

Partido Comunista de España.

            Constituido de forma legal en Vigo en agosto de 1931.

En xaneiro de 1936 consegue, incriblemente, dar un mitin en Redondela sen ser interrompidos polas forzas do orde. Falaron ante 150 persoas Antonio Moscoso, Manuel Martínez e José Robles.

 

Partido Galeguista de Redondela.

         Formouse en abril do 1932,sendo dos primeiros grupos organizados do Partido Galeguista na Galiza, e hai constancia de que pertenecen como mínimo Avelino Cal Fernández, Xose María Blanco Alfaya, Lois Carballeira Fernández, Sebastián Muíños Blanco, Fermín Blanco Alfaya e Francisco Pereira Fernández. O 6 de novembro dese mesmo ano inauguran o seu novo local na rúa García Hernández (actual R. Ribeira),  onde anos máis tarde abriría as súas portas a xoiería Groba. Asistiron ó acto Castelao e Paz Andrade.

         Foron presidentes deste partido: Xosé María Blanco Alfaya (1932), Francisco Pereira Fernández (1933) e Avelino Cal (1934, 35 e 36). Xosé María Blanco Alfaya sería o 1er  concelleiro galeguista de Redondela en abril do 1933. Presentou unha moción que conseguiu que por primeira vez a bandeira galega ondease na Casa do Concello o 25 de xullo de 1933. Pola súa parte Avelino Cal propuso a creación dun xornal que representara ó partido, este sairía a rúa o 16 de abril de 1933 baixo o nome de “Terra!” e co propio Avelino como director.

 

Partido Radical.

En novembro de 1931 estrea unha nova sede (coñecida como “Centro Radical”) na rúa Isidoro Queimaliños.

En novembro de 1932 organizan unha conferencia na que fala Emiliano Iglesias Ambrosio, avogado que ocupou importantes cargos no Estado como o de deputado. En agosto de 1934 a este orador fixéronlle unha homenaxe na Illa San Simón. Daquela a xunta xestora do centro estaba formada por Aureliano Adán, presidente; Fernando González, vicepresidente e Paulino García García, contador.

O Partido Radical, en sesión celebrada o día 27 de xaneiro de 1935, tomou a decisión de expulsar do partido por indisciplina aos concelleiros do mesmo: José González Gómez, José Figueroa Salgado, José Blanco Guisado e Claudio Rodríguez Mouriño.

          En agosto de 1935 o Partido Radical asiste a unha homenaxe no Centro Radical de Moaña.

En xaneiro de 1936 o Partido Radical de Redondela chega ó seguinte acordo: “disolver el Centro Radical y dejar en libertad a sus afiliados, en vista del abandono en que les tuvo el Comité ejecutivo provincial”.

Partido Republicano Galego

            Xurdiu en outubro de 1932 a partires da Federación Republicana Gallega-Organización Republicana Gallego Autónoma (F.R.G.-O.R.G.A.)

 

Partido Socialista Obrero Español.

            Neste partido destacouse na vila Alejandro Otero Fernández que chegou a ser Deputado a Cortes.

            En setembro do 1934 organizan dous mitins en Cinema Royalty, o primeiro do madrileño Felipe García Moure e o segundo de Margarita Nelken, ex directora xeral de prisións.

 

Sección Femenina de Falange

 

Sindicato Español Universitario de Falange Española Tradicional y de las J.O.N.S.

            O 9 de febreiro de 1939 celebra a homenaxe aos “estudiantes caídos”., sendo o xefe local o mozo Claudio Contreras.

 

Ultreya.

            Grupo de xóvenes formado na vila de Noia, de alí extendeuse a outras vilas galegas (Santiago, Vilagarcía, Ourense...). Fundamentábase nos valores do estudio, o deporte, a vida saudable e o galeguismo. En Redondela estaba composto por rapaces que estudan en Pontevedra e Vigo: Bernardo Fernández, Xosé Rodríguez, Manuel Pena, Xosé Fontenla, Xosé Torrado... A partires de abril de 1933 estarán coordinados por Lois Carballeira Fernández, membro do Partido Galeguista.

            O 22 de xullo dese mesmo ano inauguran un cicro de conferencias iniciado por Xosé Torrado, que falou da figura de Cervantes. Días despois, sería Bernardo Fdez. Soto o que faría o propio referíndose á poetisa Rosalía de Castro.

 

Unión de Derechas Femeninas de Redondela.

            En abril de 1932 e coincidindo co 1º aniversario da República organizou un mitin con oradores de Pontevedra e Vigo desprestixando á República. Varios mozos de Redondela boicotearon o acto creándose un barullo que non chegou a maiores.

 

Unión General de Traballadores (U.G.T.)

            O 5 de outubro de 1934 o U.G.T. convoca  unha folga xeral que en Redondela, si ben non foi das vilas nas que houbo máis repercusión, acabou coa detención do carpinteiro Mingos Fernández “Farrucacho”, Juan “da Patrona”, Julio Sánchez Cadavieco, o perruqueiro Antonio Amil e Francisco Darriba. Xulgados en Pontevedra, foron postos en liberdade grazas ás declaracións de varios comerciantes que declararon ao seu favor. Outros detidos serían Francisco Muíños e José Ramón Amoedo da Sociedade Agraria do Viso, que sairían a rúa baixo fianza pagada por esta entidade.

 

Unión Regional de Derechas (U. R. D.)

            Integrado na Confederación Española de Derechas Autónomas (C. E. D. A.). O 21 de abril de 1932, a mestra Carmen Bermúdez Otero presenta en Redondela un mitin de Victor Lis de Pontevedra, no que tamén falou Javier Navarrete, de Vigo.

Unión Patriótica.
        En 1926 era presidente Avelino Giráldez, que seguía no cargo no 28. En outubro de 1927, fixéronse os seguintes nomeamentos: Presidente, Avelino Giráldez; vocais: Pedro Otero Milleiro (farmacéutico), José Sátiro Redondo Cal (párroco de Vilavella), Saturno Cal Muíños (alcalde), Ricardo Contreras Valiñas (vocal de Somatén), José Pereira Míguez (médico) e Manuel Elías Barros Martínez (avogado e secretario do Concello).
        En outubro de 1928 anúnciase para o 9 de novembro unha manifestación e un mitin. Entre os oradores estará José del Río Jorge administrador da Beneficencia de Vigo, ex-delegado gubernativo de Redondela,  ex-gobernador de León e fillo adoptivo desta vila. Pola tarde un autobús trasladará a Pontevedra aos afiliados a Unión Patriótica, co fin de asistir aos actos que alí se celebrarán. O presidente, Avelino Giráldez, e o alcalde, Saturno Cal, asistirán o día 13 á manifestación que se celebrará en Madrid.
        Outros presidentes deste partido serían Pedro Otero Milleiro e Ricardo Contreras Valiñas.

Texto: J. Migueles

Actualizad: 06-04-2015

Escribir comentario

Comentarios: 2
  • #1

    Chelo (jueves, 03 septiembre 2015 23:39)

    Nunha foto mirase un mitin do 1936 polo estatuto ¿ Sabes quen deu o mitin ? ¿ Quenes estaban no palco e que decia a pancarta ? Agradecería calquer información- saudos e grazas.

  • #2

    Anecdotario Redondelán (martes, 08 septiembre 2015 12:02)

    Se queres información sobre a foto consulta:
    Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
    Podes atopalo na Biblioteca Municipal de Redondela. Saúdos.