Século XV. Loitas territoriais.

Brasóns dos Sotomayor conservados no Castelo de San Antón (A Coruña)
Brasóns dos Sotomayor conservados no Castelo de San Antón (A Coruña)

 

          O XV foi un século marcado pola revolta Irmandiña e as loitas sostidas entre os nobres e os altos cargos da Igrexa para facerse co poder territorial. Unha idea desta situación amósanola o seguinte documento do 22 de febreiro do 1412: “Requerimiento hecho por Vasco Fernández de Valladares, en nombre de su hermano Pedro Álvarez de Valladares, a Pedro Álvarez de Sotomayor, para que no quebrante una carta del rey Enrique III en que los instaba a no agredirse entre ellos ni a sus gentes. Ante Fernán Rodríguez, notario público de Redondela”.

En Redondela os maiores enfrontamentos estiveron protagonizados por Alonso II de Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela (1464-1506), e por Pedro Álvarez de Sotomayor, conde de Soutomaior e Camiña, e que pasaría a historia como Pedro Madruga porque madrugaba mais que os seus enimigos para sorprendelos.

Efixie de Alonso II de Fonseca.
Efixie de Alonso II de Fonseca.

 

En xullo de 1466 Bernald Eanes de Moscoso chega a sitiar a catedral de Santiago. O asedio rematou co exilio de Alonso II de Fonseca que en 10 anos non poderá voltar á diócese. Decide entón cumprilo en Redondela que, si ben pertence a Santiago, no espiritual é propia da diócese de Tui.  

No 1468 Pedro Álvarez, fillo ilexítimo de Fernán Yañez de Sotomayor, faise co título de conde de Soutomayor trala morte do seu medio irmán Álvaro Páez de Sotomayor asediado en Tui polos irmandiños. O perigo obriga a Pedro Madruga a refuxiarse en Portugal onde casa cunha nobre portuguesa, Teresa Távora. Despois dun ano en terras lusas regresa encabezando a reacción dos nobres dende Portugal que suporá a derrota dos irmandiños, aos que obriga a reconstruir os seus castelos de Soutomaior e Vilasobroso.

Monte de A Peneda
Monte de A Peneda

            Como regalo de bodas Enrique IV entregáralle un xuro de herdade de 150.000 marabedís sobre as rendas das vilas de Redondela, Vigo e Pontevedra, pertencentes naquel tempo ó bispado de Compostela. Isto provocou as protestas do prelado e o rei revocou o privilexio. Ante tal afronta en 1474 Pedro Madruga toma pola forza estas tres vilas.

En xaneiro do ano seguinte morre Enrique IV e comeza a pugna polo trono entre a raíña proclamada, Isabel (a Católica) irmá do finado e Xoana (a Beltranexa) filla do defunto e futura esposa de Alonso V rei de Portugal. A primeira tiña o apoio do arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca II, e a segunda de Pedro Madruga. Co apoio de algunhas forzas portuguesas, o conde de Camiña proclamouse vizconce de Tui e probocaba ós partidarios de Isabel. Mentras que, Pedro de Mendaña, que fora alcaide de Castro-Nuño e o capitán Chichorro apodérase de Baiona.

O 6 marzo do 1475, o Reis Católicos, xa no trono, ordean a Pedro Madruga devolver as vilas de Redondela, Vigo e Pontevedra ao arcebispo de Santiago.

Reis Católicos, autor descoñecido. Imaxe: Wikipedia
Reis Católicos, autor descoñecido. Imaxe: Wikipedia

 

 

En 1477 Pedro Madruga é apresado polo Conde de Benavente e retido en Castela. Alonso II de Fonseca xunto co xeneral da armada Ladrón de Guevara aproveitan a situación para reconquistar Baiona, construíndo o monasterio de Oia. Neste mesmo ano o arcebispo, desta volta co conde de Monterrei, aproveita para recuperar Redondela e outras poboacións. Co fin vixiar de preto o castelo de Soutomaior, propiedade de Pedro Madruga, construe a fortaleza de Castrizán no Monte da Peneda. Estaría formada por unha torre e probablemente por outras construccións menores, rodeado todo o conxunto por un muro defensivo. Pouco tempo despois Pedro Madruga xa en liberdade destrue esta fortaleza (dela tan só deixou os cimentos sobre os que se construiu anos máis tarde unha capela), recupera Redondela e Vigo, destrue o monasterio de Oia e construe o castelo de Tebra. En menos dun ano, un contraataque do prelado compostelán e os seus aliados devolveríalles a posesión da vila de Redondela.  

En 1479 fírmase o tratado de paz entre España e Portugal. En 1482 Madruga vese na obriga de firmar un auto de concordia con Diego de Muros, bispo de Tui. Debilitado refúxiase en Portugal dende onde trata de desherdar ao seu primoxénito Álvaro, sumiso aos reis casteláns. Un ano despois, no 1483, desaparece sen deixar rastro, o último que se sabe de el é que se dirixía a Alba de Tormes para congraciarse cos Reis Católicos. Este feito deu lugar a numerosas hipóteses, uns autores cren que se retirou a Portugal. Outra teoría chega a afirmar que Pedro Madruga e Cristobal Colón son a mesma persoa.

Sepulcro de Alonso II de Fonseca Foto Ansede, 1930-La Esfera
Sepulcro de Alonso II de Fonseca Foto Ansede, 1930-La Esfera

Pola súa banda, Alonso II de Fonseca en 1481 foi nomeado presidente do Consello dos Reis Católicos. Co condestable Pedro Fernández de Velasco, recibe a investidura de Virrey de Castilla. Prepara coa Raíña Isabel a conquista de Granada. En 1501 acompaña á Infanta dona Catalina a Londres, cando esta ía casar co Príncipe de Galec. En 1507, xa vello, promoveu para a sucesión do arzobispado ó seu fillo Alonso de Fonseca y Ulloa, nado dos seus amores cunha dama de Cambados de alta linaxe, Dona María de Ulloa. Tamén coñecido como Alonso III de Fonseca, accedería ó cargo despois dun breve mandato de Pedro Luis Borgia, por mor da pohibición de que un fillo sucedera ó seu pai. Pola súa banda, o pai, Alonso II de Fonseca, nado en Salamanca e da linaxe de Monterrey, falecería o 12 de marzo de 1512, na súa cidade natal. Os seus restos descansan no convento de Las Úrsulas de Salamanca, do que fora fundador.

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 25-12-2013

Escribir comentario

Comentarios: 0