Sucesos

 

1862, maio. Faleceu en Redondela o inspector de ferrocarril José Barral. O cura de Redondela negoulle sepultura e dous días despois o corpo continuaba sen enterrar. O finado traballara durante moitos anos como cocheiro para os Marqueses de la Vega de Armijo.

 

 

 

1892-xullo-14. Folga das mulleres da vila contra os consumos. O 23 e 24 folga en Pontevedra cun morto por baioneta e varios feridos de bala. Unha semana despois son as leiteiras as que se manifestan en Vigo, estando as de Chapela entre as máis exaltadas. Os disturbios chegarían a Ourense, morrendo un médico que presenciaba os sucesos dende un balcón.

 

 

 

1895 Prohíbense as fiadas do liño, que congregaban moita xente, por mor das pelexas que se producían. O alcalde J. M. Otero Milleiro multou ás donas das casas de Cedeira onde se seguían a celebrar.

 

 

 

1900, 15 de xuño. Onte á noite sen que se coñezan as causas, arderon dúas casas en Eidos. A pesares do auxilio prestado pola multitude que había con motivo da festa do Corpus, non se puido impedir que o incendio adquirira grandes proporcións.

 

Para axudar ás familias afectadas unha comisión composta polo párroco Sr. Couñago, o alcalde accidental, o médico e farmacéutico Sres. Otero e o mestre de obras Sr. García, recadando o primeiro día 540 pesetas. Tamén un grupo de albañiles prestouse a traballar gratuitamente na reconstrución. (19000620  Gaceta de Galicia  Diario de Santiago)

 

 

 

1900, 20 de outubro. O luns ás once da mañá delarouse un incendio nun forno da rúa Espíritu Santo propiedade do confiteiro Eduardo Sánchez Cerqueiro. Os danos calcúlanse en 1.000 pesetas.

 

 

 

1900, decembro. Por unha carruaxe cargado de gaseosas foi atropelado en Vilavella un neno de catro anos, que resultou ferido. Os conductores foron detidos.

 

 

 

1901, xaneiro. Roubaron no comercio “El Siglo XX” propiedade de Serafín Reboredo e fillo, 4 reloxos de aceiro e 226 panos de seda.

 

 

 

1901, 11 de xuño. A garda civil de Redondela detivo a un individuo que se adicaba a expender moeda falsa. Ao tentar conducilo ao cárcere o suxeito opuso resistencia. O garda para imporse desenfundou o seu revólver, que se disparou no forcexeo, ferindo ao detido na rexión glútea.

 

 

 

1901, agosto. Foi detido en Cabeiro, José Cabaleiro Álvarez, de 24 anos, casado e cesteiro de oficio, que atopándose na verbena celebrada o día 15 en Reboreda, maltratou bárbaramente ao neno de 13 anos, Apolinar Ricón Pérez, chegando a botalo ao chan e pisalo.

 

 

 

1902, agosto. Pola Garda Civil de Redondela foi detido Manuel Pazos, veciño de Soutoxuste (O Viso), de 38 anos e tratante de gando, como presunto autor da colocación de dous cartuchos de dinamita na parede da casa do seu conveciño, Manuel Joaquín Rodríguez. Un dos cales estoupou derribando parte da parede, sen que por fortuna houbera danos persoais. Á noite seguinte Manuel Joaquín faleceu atropelado por un tren, indicando todos os indicios que fora el o causante da explosión. O móvil era matar a súa muller e os fillos para casar cunha xoven de Madrid coa que mantiña relacións facéndose pasar por solteiro.

 

 

 

 

1912, 7 de setembro. Foron denunciados ante o Xuíz Municipal de Redondela, Florentino Broullón Santivirino e Manuel Riveiro Lage, por usar armas sen licenza, a quen lles ocupou a Garda Civil dous revólveres de cinco tiros sistema Smith.

 

 

 

1913, 24 de xaneiro. O cura de Redondela, Juan Álvarez, abofeteou en público ó ancián José Angulo, promovéndose por tal motivo un forte escándalo. No medio de gran tumulto, o pobo pedía a detención do cura, tendo que intervir a gardia civil. Témense novos disturbios.

 

 

 

1915 Arturo Rodríguez de Pazos Prata, alias “o Sabio”, que curaba por hipnotismo, foi detido pola garda municipal por adicarse ó meigallo. Posto en liberdade coa promesa de tomar o tren a Portugal, como así fixo. 

 

 

 

1917, 14 de abril. Na casa do cura párroco de Negros, D. Ángel Villar Álvarez, entraron a roubar, cando se atopaba ausente na parroquia de Teis. Os ladróns levaron unha cantidade importante de cartos. Na vivenda atopábase a sirventa, Carmen Vázquez, quen non se enterou de nada. 

 

 

 

1917, 24 de maio. En Negros, foi detido Domingo Acuña Pérez, veciño de Cedeira de 34 anos, por disparar cun revólver contra Domingo Portela Alonso, de 46 anos, causándolle lesións.

 

 

 

1918 Foi denunciado e sometido ós tribunais de xusticia o xornal “El Pueblo” por insertar o artigo no que denunciaba que as eleccións de Vigo-Tui non se efectuaran. O artigo titúlase “Sigue el escándalo”.

 

 

 

1918-marzo. Na fábrica de aserrar madeira que na marxe do río de Os Valos ten Manuel Pereira, declarouse un incendio. As perdas calcúlanse en 3.000 pesetas.

 

 

 

1918 decembro. Por entrar e intentar roubar no domicilio do veciño de Cesantes, Nicanor Soto Ochoa, foi preso o xornaleiro Julio Mesa López, de 16 anos, residente na parroquia de Teis.

 

 

 

1923, 2 de novembro. Ingresou no carcere de Redondela o secretario municipal don Albino Loqueiro a consecuencia da visita de inspección.

 

 

 

            1924, 31 de outubro. Por rivalidade do oficio reñiron os veciños de Negros, Antonio Amoedo Castro e Jesús Graña, resultando o pimeiro con feridas na cabeza producidas cunha regla de canteiro.

 

           

 

            1924, 7 de decembro. Foi detida a veciña de Cesantes, Teresa López Louzal, de 36 anos, por pelexar coa súa veciña Eva María da Silva, de 24, resultando esta con varias lesións na cabeza.

 

 

 

            1924, 12 dedecembro. Dunha finca de Juan Cabaleiro Álvares, veciño de Cabeiro, foron talados roubados 5 pinos, 1 carballo e 1 castaño valorados en 45 pesetas. Foi detido o labrador daquela parroquia, Manuel Álvarez Rodríguez.

 

 

 

            1926, 2 de outubro. Jesús Rodríguez Lage e Eduardo Lage Reguero foron procesados polo xulgado de Redondela, por entrar na noite do 13-4-1925 na bodega de Juan Reguera Veiga, de Saxamonde, de onde levaron carne de porco por valor de 96 pesetas.

 

 

 

1926, 10 de outubro. O venres noite ocurriu un incendio en Chapela, na casa da sogra de Antonio López Cabaleiro. As perdas foron de consideración, apesares de que os veciños acudiron a sofocar lume.

 

 

 

1927, 4 de xuño. Na entrada do pobo un automóvil ocupado polo vicepresidente da Diputación de Pontevedra, acompañado da súa dona e fillas, chocou contra un carro matando á parella de bois que levaba uncidos. Do accidente resultaron ilesos o carreteiro e os ocupantes do automóvil.

 

 

 

1928, 18 de setembro. Pola garda civil de Redondela foi denunciada a veciña de Cesantes, Benita López Loural, de 40 anos, por ser sorprendida roubando 60 plantas de maíz que xa cortara nunha finca de Antonio Barciela, de Cedeira.

 

 

 

1928, 08 de novembro. O ómnibus da liña de Castromil que pasa por Redondela as seis da tarde cara a Vigo, volcou en Cabanas (Trasmañó). Afortunadamente non houbo desgrazas persoais.

 

 

 

1929, 2 de marzo. Cando o párroco de San Martín de Ventosela se atopaba dicindo Misa, foi asaltada a casa retoral levándose os ladróns 1.775 pesetas. Horas despois a garda civil detiña en Arcade ós ladróns que resultaron ser Pedro Ramírez e Francisco Yañez, ocupándoselles o diñeiro roubado, unha ganzúa e outros efectos.

 

 

 

1929, 2 de maio. Os ladróns penetraron na xastrería de Joaquín López Frajeiro, veciño de Redondela, apoderándose de 1.330 pesetas.

 

 

 

1929, 8 de abril. O noso conveciño Juan Manuel Otero, de profesión tipógrafo, atopábase cuns amigos na ponte que da saída á R. Alfonso XII cando foi atropelado. Sufriu a fractura dunha perna permanecendo ingresado 5 meses no hospital de Pontevedra. Dende aquela camiña con dificultade arrastrando a perna.

 

 

 

1929, 22 de abril. Un camión que viña á feira desta vila entrou na Praza Figueroa batendo contra unha columna que sostén a luz, botándoa abaixo. Unha muller que alí se atopaba quedou suxeita por unha man a un dos cables, que aínda que de baixa tensión lle produxeron o conseguinte susto. Foi atendida na farmacia de don Pedro Otero Milleiro, podendo pouco despois continuar as súas faenas.

 

 

 

1929, 15 de agosto. Un incendio no monte Buxel, en Reboreda, recentemente povoado pola Deputación provincial, queimou 950 pinos e 25 eucaliptus.

 

 

 

1929, 21 de agosto. Roubaron 8 galiñas e 2 galos nunha finca en San Juan de Arcal, propiedade de Ramona Fernández Míguez.

 

 

1931, 17 de xullo. Folga de Teléfonos. Nas proximidades de Redondela verificouse outro acto do sabotaxe na rede telefónica, sendo cortados algúns fíos. Por esta razón o servizo funciona con bastante retraso, facéndose activos traballos para restablecer a normalidade nas comunicacións.

 

 

 

1931, 18 de setembro. Onte atopábase traballando na fábrica de Vilavella, propiedade de Manuel Otero, a xoven Carmen Lago Crespo, de Vilar, que ao saír do local que ten dita fábrica enfrente, foi atropelada por un coche, teméndose que faleza.

 

 

 

1932, febreiro. Un aparatoso accidente automobilístico colma a paciencia da Corporación. O vehículo M-25506 con cinco veciños de Pontevedra, que quedan mal feridos, dá de fociños contra unha árbore no paseo de Santa Mariña por exceso de velocidade; isto motiva que tomen unha decisión que chega aos nosos días: crear un talonario de multaspara infraccións na circulación de automóbiles; tendo tempo tamén para acceder á petición do Rexistro Civil de mercar un libro para a sección de nacementos.

 

 

 

1932, 14 de setembro. O veciño de Redondela, José Cambronero Castro vendeulle o mes pasado un cabalo a José Rodríguez, de Peares (Ourense). Onte presentouse o cabalo na porta da casa do seu antigo dono despois de percorrer máis de oitenta kilómetros completamente só. O animal deu mostras de ledicia ao ver a José.

 

 

 

1932, 16 de setembro. Unha tormenta azota toda a provincia, en Redondela os danos serían os seguintes. En tan só 15 minutos a choiva inundou as rúas e o vento arrincou árbores, rompeu ventás e derribou galerías. A vila quedou a escuras polas grandes averías no alumeado. O furacán levantou o tellado da fábrica de camisas de Regojo causando danos que ascenden ás 8.000 pesetas. Tamén sufriu desperfectos a conserveira de Manuel Otero. A colleita no campo dase por perdida. As estradas a Pontevedra e Fornelos quedaron cortadas pola caída de pinos e postes de telégrafo. Os trens chegaron á estación con ata 45 minutos de retraso.

 

 

 

1932, 24 de setembro. Inundación das rúas, alcanzando as augas unha altura de metro e medio, derrubando as pontes de Pasais e do Carballo, así como outras das que non se lembran os nomes. As colleitas de millo e viño quedaron destruidas e morreron moitas cabezas de gando e aves. As parroquias que sufriron maiores consecuencias foron Redondela, Cedeira, Vilar, Saxamonde, Reboreda, Cesantes, O Viso e Ventosela.

 

 

 

1933. Os gardas municipais trocan o anticuado sabre por revólveres.

 

 

 

1933, 27 de xuño. A garda civil de Teis detivo e entregou á de Redondela, aos alemáns Franz Samp e Johann Creisel, e ao checoeslovaco Marcina Sime Martin. Son os autores do roubo na reitoral de Cedeira. Tamén roubaron unha caixa de ferramentas no garaxe do chalet que preto da estación ten Alejandro Lanzós, e que deixaron abandoada xunto ao estanco de Ricardo Contreras no que tamén tentaron entrar.

 

 

 

1933, 16 de setembro. O veciño de Redondela, José González Tojeiro, atopábase remolcando co seu coche outro vehículo da súa propiedade conducido polo seu conveciño José Pérez Portela, cando en Chapela, por evitar chocar cun tranvía deu un volantazo. O remolque atropelou á nena de 12 anos, María Castro Boullón, que estaba lavando nunha fonte, provocándolle unha ferida de pronóstico reservado nunha perna.

 

 

 

1934, febreiro. Aparecen na Rabadeira (Cedeira) as pegadas dun oso, que serían expostas na farmacia de Pedro Otero Sestelo. Dando lugar ó consello das veciñas: “Non vaias á Rabadeira que te pode saír o oso” e a unha copla (Ver Música>Cancións de Tasca e Furancho1). Realizáronse batidas pero nunca se atopou o oso.

 

 

 

1934, 7 de abril. Cando o panadeiro de Redondela Nicanor Rodríguez Couto se dirixía á aldea de Cedeira, lle saíron ó paso uns descoñecidos, con pistolas, obrigándolle a entregar cincuenta pesetas que levaba. Despois, os atracadores fuxiron en automóvil, con dirección a Vigo.

 

 

 

1934, 13 de maio. A estrada Redondela-Fornelos queda cortada, porque no km. 3, en Reboreda, un corremento de terras produciu un furado de 15 metros de longo por 6 de largo e outros 6 de profundidade, con gran alarma da veciñanza e con moitos piñeiros e carballos caídos.

 

 

 

1934, 14 de maio. Por efectos da tormenta en Saxamonde se derrubaron dúas trincheiras da vía férrea, polo que estivo detido durante varias horas o tren correo descendente de Madrid. Nas parroquias de Louredo (Mos) e Quíntela descargou ao mesmo tempo unha forte granizada que arrasou os viñedos e os sembrados. Os perxuicios son enormes. Tamén en Redondela se desbordou o río, acadando o metro de altura na rúa principal As augas arrastraron animais domésticos e destruiron os sembrados. As perdas son importantísimas. Cinco días despois visitou a zona o gobernador civil quen informou dos danos ao ministro.

 

 

 

1934, 29 de maio. Onte de madrugada descargou sobre esta vila unha tormenta eléctrica. En Cesantes un raio penetrou nunha casa e feriu a unha muller.

 

 

 

1934, 24 de xullo. En Cesantes, cando se dirixían á feira que se celebra en Redondela, tres mulleres foron atropeladas por unha camioneta, resultando gravemente feridas. O conductor foi detido.

 

 

 

1934, agosto. Hai uns días na praia de Cesantes, estábase a bañar a nena de 3 anos, María Freire. Ao adentrarse no mar estivo a piques de afogarse, de non ser pola intervención do neno, José Borines Táboas, de 10 anos e fillo do industrial José Borines.

 

 

 

1934, 24 de decembro. A Garda Civil de Redondela detivo ao veciño da nosa vila, Ramón Pereira Otero, de 26 anos, acusado de intentar raptar á súa noiva, Dolores Jiménez Míguez, de 17 anos, á que tentou facer entrar violentamente nun coche que tiña situado no kilómetro un da estrada a Fornelos. Tamén se detivo a unha veciña de Redondela acusada de ser complice en ditos feitos.

 

 

 

1935, 16 de xaneiro. En Redondela esta mañá incendiouse unha casa propiedade de Bernardo García, na rúa de Salmerón, quedando destruida. Crese que a orixe do sinistro foi por depositar unhas cinzas nunha cuadra da leira. Resultou ferido un neno de corta idade, fillo do inquilino Moisés Rafael. Pediuse auxilio ós bombeiros de Vigo, que se negaron a prestar auxilio, o que produxo indignación e obligou a pedir auxilio ós de Pontevedra, que acudiron e impidiron que o fogo destruira as casas colindantes.

 

 

 

1935, 28 de febreiro. No Campo das Redes derrubouse unha casa propiedade de Francisca Paz. Non causou desgrazas persoais, apesares de atoparse na cama enfermo un neno de corta idade.

 

 

 

1935, 27 de decembro. O temporal derrubou numerosos árbores que dificultan o tránsito polas estradas e a vía férrea de Redondela a Vigo

 

 

 

1935, 31 de decembro. Noites pasadas foi roubada a fábrica de conservas de Vilavella propiedade de José Otero González. Os ladróns entraron por unha fiestra, levándose unha máquina de escribir valorada en 1.700 pesetas.

 

 

 

1936, 30 de xaneiro. A Policía deteu a Ramón Reyes Pérez, veciño da parroquia de Cedeira. Practicado un rexistro no seu domicilio, foron encontrados dous fusís Remington e 68 cartuchos con bala de chumbo.

 

 

 

1936, 24 de xuño. A Benemérita de Teis instruiu un atestado con motivo dun incendio que se produxo na casa da veciña de Chapela, Emilia Reboreda Covelo, que se atopaba traballando en Vigo nunha conserveira. As perdas calcúlanse en 7.000 pesetas. Non puido salvarse nada e crese que o incendio se iniciouse por unha chispa saída do lume da cociña.

 

 

 

1947, decembro. Foi denunciado á Garda Civil un veciño de Redondela que estafou 7.500 pesetas, co fin de facer compras en Vigo, para contraer matrimonio cunha xoven á que abandonou na citada cidade. O home resultou que estaba casado.

 

 

 

1949, 10 decembro. O Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movimento fixo entrega no seu  despacho oficial do  donativo de tres mil pesetas que S. E. o Xefe do Estado envía á  veciña de Redondela, Dolores Figueroa Pereda, que acaba de dar a luz tres nenos.

 

 

 

 

1951, setembro. O Xeneral Franco pasa por Redondela en dirección a Porriño. Un vehículo da súa comitiva sofreu un accidente na ponte de Quintela, co resultado de varios feridos, entre eles un alto mando da Garda Civil.

 

 

 

1960, 12 de xaneiro. A Garda civil de Vigo rexistrou unha casa no Coto (Cesantes), atopando: 365 caixas de tabaco rubio (182.500 paquetes), 208 despertadores de mesa, 55 transistores, 140 pilas, 120 camisas de nylon e 36 pistóns para coche. En total 5.640 kg. valorados en 2.100.000 pesetas.

 

 

 

1961, 21 de outubro. O Tenente do Exército do Aire, don Juan Gagane, que procedía de Salamanca, pilotando unha avioneta, non pudo entrar no aerodromo de Peinador a causa da falta de visibilidade. Voou depois sobre Redondela e intentou tomar terra na estrada de Reboreda, pero cando ía a facelo pasou por alí un camión e obrigouno a aterrar nun campo de millo. Unha das ás da avioneta bateu contra un cable do tendido do alumeado eléctrico, e fíxolle capotar. O piloto resultou con feridas na cabeza e a fractura dun brazo. Saiu á estrada polo seu propio pé e nun coche foi trasladado a Vigo, donde foi hospitalizado.

 

 

 

1964, 06 de setembro. As sete da mañá declarouse un violento incendio na fábrica de Copiba. O lume orixinouse ao porse en funcionamento unha das novas cámaras frigoríficas que se están a instalar. Axiña acudiron os tres coches do corpo de bombeiros e os equipos anti incendios do buque-factoría “Galicia” e da empresa Hijos de J. Barreras. Os traballos de extinción prolongaríanse ao longo do día.

 

 

 

1968, 21 de setembro. Pola Garda Civil do posto de Bouzas foi detido, despois de laboriosas pesquisas, Ramón Carro Navia, de 37 anos, natural de Vilagarcía, que se facía pasar por oficial da Mariña Mercante. Descubriuse que este individuo roubou un día unha maleta na estación marítima de Vigo que correspondía, efectivamente, a un oficial da Mariña Mercante e que contiña dous uniformes —un branco e outro negro— que empregaba según as circunstancias. Foi detido na estación de Redondela cando se dirixía en tren a Vilagarcía. No seu domicilio foron encontrados numerosos obxetos procedentes dos seus roubos. Con este mesmo truco contraeu matrimonio nesta misma provincia, simulando no seu fogar que os obxetos sustraídos eran regalos á sua volta de viaxes por mar, que non facía. Calcúlase que os obxetos roubados sobrepasan en valor as 200.000 pesetas.

 

 

 

1969, 18 de xaneiro. En Redondela inundáronse algunhas rúas de Vilavella, e tamén a estrada xeral de Vigo a Pontevedra, impedindo o paso dos vehículos lixeiros, por chegar a auga á altura dos tubos de escape. Entre os inmobles afectados está a Central de Teléfonos, na que a auga chegou a alcanzar unha altura de 30 a 35 centímetros. Nembargantes, en ningún momento quedou interrumpida a comunicación telefónica, ó ser retirados os equipos a lugares máis altos, evitando así que foran deteriorados polas aguas.

 

 

 

1969, 3 de setembro. Nun incendio no monte "Mirallo", en Redondela, arderon 1.500 pinos de tres anos de plantación, que foron valorados en cincuenta mil pesetas.

 

 

 

1974, 9 de setembro. O grupo escolar de Redondela, disposto para 32 unidades e que leva en funcionamento dous anos e medio, tivo que ser desaloxado. O curso non puido comezar, porque se descubriron repisos, cedemento de vigas e tamén apareceron boquetes, o que fixo que se considere perigosa a estancia dentro do recinto. Dase a circunstancia de que o arquitecto que planeou a obra faleceu e ninguén quere asumir a responsabilidade de dictaminar cal pode ser o futuro do edificio. Ademais dos defectos de construcción, unha das razóns que produciu os repisos e cedemento de vigas, poido ser que o edificio se construira sobre pilotes no que antes fora una marisma.

 

 

 

 

 

1976, 24 de agosto. Tormenta en Redondela. Unha chispa eléctrica destrozou instalacións do servicio telefónico. A avería afecta a unha amplia zona do sur de Pontevedra. Diversos técnicos e persoal de servicios especializados, traballan intensamente para solucionar este grave problema.

 

 

 

1977, 2 de maio. Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once escolares, desprendeuse do seu engranaxe, cando o vehículo circulaba na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias persoais, mais os escolares resultaron lixeiramente contusionados.

 

 

 

1980, 9 e 11 de febreiro. Varios traballadores do Grupo de Empresas Regojo secuestran a mandos intermedios durante todo o día 9, e o 11 reteñen á dirección. Trataban de evitar a regulación de emprego de Confecciones Niza S. L.

 

 

 

1985, 23 de novembro. O ex-ministro de Asuntos Exteriores, Fernando Morán, resultou ferido onte á tarde nun accidente de circulación ocurrido en Redondela. Testigos presenciales manifestaron que o actual embaixador de España ante a ONU parecía encontrarse ben, non presentaba feridas externas, mais se queixaba dun golpe no peito. O accidente prodúxose cando Morán regresaba a Santiago de Compostela despois de participar nun mitin da localidade de Chapela. O vehículo do ex ministro bateu frontalmente contra un camión cando adiantaba a un automóvil e o coche-escolta Peugeot PO-2163-N que seguía ó do ex ministro, bateu lixeiramente coa parte traseira do Renault-9 C-7046-V no que viaxaba Fernando Morán. O conductor do camión, matrícula PO-2960-V, Humberto Lage González, vecino de Vigo, permaneceu no lugar del accidente sin aparentes síntomas de lesión pero, posteriormente, acusou dores nun seonllo, polo que foi levado a un centro médico. O accidente se produxo ás 19,40 horas, na curva coñecida como “do pájaro pinto”, pola existencia dun bar con ese nombre. Nese establecemerito, según informou a Policía Municipal, Fernando Morán foi atendido polas persoas que alí se atopaban ata a chegada da ambulancia, que o trasladou, xunto co seu conductor, á clínica Nuestra Señora de Fátima, en Vigo.

 

 

 

1988, 2 de xullo. Un veciño de Cedeira gaña 904 millóns no sorteo da Lotería Primitiva.

 

 

 

1990, 7 de abril. Un veciño de Reboreda é agraciado con 1.198 millóns de pesetas o maior premio ata a data  dado pola Lotería Primitiva.

 

 

 

2008, 19 de abril. O tellado dun instituto en Redondela (Pontevedra) desprendeuse a consecuencia dunha tormenta de  vento e choiva.

 

 

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 12-04-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0