Bandas de Música

          Grazas á prensa temos numerosas referencias de actuacións de bandas nas festas de Redondela a finais do s. XIX. Daquela non só participaban nas procesións, senon que tamén ofrecían concertos e animaban os bailes nocturnos. As obras que interpretaban variaban dende a música clásica (Wagner, Shubert...) ata pasodobres e zarzuelas, preferentemente as compostas por Reveriano Soutullo. A situación trocaría a partires de mediados do século pasado, cando as orquestras e conxuntos musicais empezan a quitarlle protagonismo. A pesares diso en 1974, para as Festas da Coca, contratáronse 5 bandas de música, 5 orquestras e 4 conxuntos de moda.

 

 

 

 

 

 

 

Bandas de Redondela desaparecidas

 

 

Banda de Música de Cabeiro.

 

A referencia máis antiga que atopo desta banda é cando en 1912 participou xunto á de Vilar na Festa da Confraría do Señor de Vilavella. Seis anos antes na Festa da Coca actuou unha banda dirixida polo señor Lorenzo e podería tratarse xa da de Cabeiro.

 

En 1913 resultou vencedora nun certame de bandas celebrado na praza de touros de Pontevedra. As outras bandas participantes serían a de Cangas e “La Popular” de Pontevedra, sendo esta última descalificada porque entre os seus integrantes había varios músicos da banda municipal de Pontevedra.

 

Nas décadas dos 20 e 30 esta banda vive os seus momentos de maior actividade participando en numerosas festas da contorna e nos actos oficiais do Concello de Redondela. Nunha noticia de 1928 aparece o nome completo do seu director, Manuel Lorenzo Cabaleiro. A maior competencia entre as bandas dábase nas festas de Candeán e Cabral, onde as bandas tocaban e os veciños aplaudían, gañando a máis ovacionada, que era acompañada polos veciños polo monte ata a súa parroquia. A de Cabeiro era a que máis veces gañaba, sendo as súas maiores competidoras as de Guláns, A Lama, Arcade e Candeán, esta última, pese a non ter grande calidade, amosaba gran resistencia.

 

Dende 1930 nas súas actuacións exhibían unha batuta de prata gañada nun concurso celebrado en Pontevedra. A súa peza máis destacada foi "Faena del Cuartel", na que o trompeta saía da banda e desprazábase ata un campanario, dende onde contestaba á banda. Chegaron a tocar en Caminha (Portugal) e en Zamora, a onde se desprazaban nun camión, cobrando entre 80 e 100 pesetas por actuación.

 

Entre os músicos que pasaron por esta banda destacaron Saladino Castro "O do Ghallo" e José "Nicholas". Outros músicos serían: Alejo Amoedo Barros, José Balado Castro "Maniobras", José Castro "Pailán", José Fernández, Vicente Fernández “O do Tene”...

 

Semella que a principios dos anos 30 o director tivo papeiras pero como tocaba actuación nas festas da Coca e ademáis viña outra banda de recoñecido prestixio, non dubidou en anuarse un pano á cabeza e saír a escea.

 

A finais de 1934, problemas internos provocan unha división da que xurdiron dúas bandas dirixidas por dous irmáns: Manuel e Ramiro Lorenzo Cabaleiro “Baillador”. A de maior éxito foi a de Manuel, que anos mais tarde sería dirixida polo seu fillo Plácido “de Baillador”.

 

A primeira actuacións da nova banda dirixida por Ramiro podería ser a das festas de San Mauro de Nespereira, en xaneiro de 1935.

 

Mentras tanto, a dirixida por Manuel actuaría en maio na festa da Coca e, en xullo, xunto á banda de música “La Cueva” dirixida por Filiberto Sobral, na de San Bieito en Vilar. Outras actuacións dese ano foron no enterro do xeneral Rubín e na inauguración das novas instalacións da Sociedade de Agricultores de Reboreda.

 

Co gallo desta división, Manuel escribiulle a seguinte copla ao seu irmán Ramiro:

 

No seas pavero hombre ignorante

 

que es una vergüenza ser un mangante.

 

Te conoces poco en la profesión

 

y haces tu papel de hombre chulapón.

 

Ay Jesús que tontería,

 

ay Jesús que tonto eres,

 

eso le pasa a hombres que se guían por mujeres.

 

Siempre andabas reclamando que te dieran la peseta,

 

como no te han considerado te hicieron la puñeta

 

Na época da posguerra, en Redondela os rapaces para amolar aos compoñentes da banda cantábanlles:

 

A banda de Cabeiro

 

non sabe tocar.

 

Paparaba-papá,

 

paparaba-papá.

 

En 1961 estaba dirixido polo mestre Lorenzo e actúa en numerosas festas da contorna: Reboreda, Quintela, Cedeira, Nespereira... Pouco tempo despois a banda disólvese.

 

Toca Cabeiro

 

toca por Dios,

 

que o baile de ladrillo,

 

non vale pa nós.

 

 

 

 

Banda de Música de Vilar

 

A primeira referencia que atopei desta banda é cando en 1912 participou xunto á de Cabeiro na Festa da Confraría do Señor de Vilavella. Seguía en activo en agosto de 1923, cando actuou nas Festas de Sta. María e San Roque en O Viso.

 

 

 

Banda do Corpo de Exploradores

 

Banda de cornetas e tambores que chegou a gañar un concurso provincial celebrado en Pontevedra. O consello local de exploradores constituiuse en outubro de 1917. Chegou a reunir a uns oitenta nenos que realizaban marchas e colaboraban na asistencia aos máis necesitados. En 1924 a banda de tambores e cornetas encabezou o recibimento dado ao xeneral Primo de Rivera na súa visita a Redondela. En outubro de 1927 este corpo desfilaría en Pontevedra ante o rei Alfonso XIII e a raíña Victoria.

 

Tamén visitarían a nosa vila os corpos de exploradores de Pontevedra, Vigo e Marín coas súas bandas.

 

 

 

 

 

Bandas de Redondela en Activo

 

 

 

Banda Municipal de Redondela.

 

Según os datos aportados por José Suárez, frautín da banda, a Casto Sampedro, a Banda Municipal de Redondela foi fundada na década de 1840 polo seu pai, tamén chamado José Suárez, secretario do Concello que tocaba o clarinete. Ademáis dos anteriores formaban a agrupación: Severo Suárez (tamén fillo de José), requinto; os irmáns, Agustín Otero (corneta de chaves), José Otero (o flige) e Tomás Otero; Martín Sampedro, clarinete; Antonio Sestelo; Ángel Sestelo, fillo do anterior; Modesto Gándara e X. Pereira. O primeiro director sería o músico maior do Rexemento.

 

Pouco tempo despois debeu ter un parón para voltar a formarse en 1866, como se desprende do feito da celebración do seu centenario entre os días 17 e 18 de decembro de 1966. Co correr dos anos disolveuse por segunda vez ata que en 1892 José Manuel Fortes, mestre de música residente en Ponteareas e que xa dirixira a banda na etapa anterior, proponlle ó concello crear de novo a banda municipal. Nese mesmo ano de 1892, xa como director da Banda Municipal, José Fortes, nunha carta en “La Integridad” agradece a Andrés Gaos a calidade dos instrumentos “Schuster” que lle encargou o alcalde.

 

En abril de 1899, é nomeado director Ramón Patino, residente en Redondela e requinto da banda “La Unión”.

 

En 1910 esta banda dirixida por Isidro Puga participa nas procesións de Semana Santa, na Festa de San Xosé en Cabeiro, Festa da Coca, Festa do Santísimo Sacramento de Vilavella, Festa de San Bernardo en Cedeira, Festa da Inmaculada en Redondela...

 

En maio de 1912 unha sección desta Banda para conmemorar a Festa do Traballo recorreu as rúas deste pobo tocando alegre diana.

 

En 1924 era dirixida por José Figueroa, en 1927 por Manuel Lorenzo e en 1932 por Arsenio Lorenzo, que seguía no cargo en 1934.

 

En xuño de 1933, actúan nas festas da Coca as dúas bandas do Concello a de Redondela e a de Cabeiro.

 

En 1936 tocan alboradas nas Festa da Coca, probablemente a súa derradeira actuación antes do estalido da guerra.

 

Trala Guerra Civil a Banda volve a formarse en 1952, chegando a un acordo co Concello para recibir unha subvención a cambio de tocar nas festas do Corpus, Semana Santa, Inmaculada e 18 de Xullo. O director da banda sería Victor Wenceslao Ureña, persoa que da nome ó conservatorio de Redondela trala súa colaboración con esta institución nos anos 90. En 1960 deixa a dirección, sendo sustituido por Antonio Baquero González, quen xa dirixira ás bandas de Silleda e Guláns. En 1963 colle o relevo Enrique García Rey, natural de Ortigueira, que en 1966 deixa o cargo para dirixir a Banda Municipal de Pedro Muñoz (Ciudad Real). En 1967 faise cargo da batuta Raimundo Otero Castro. En 1998 pasa á dirección Jesús Martínez Álvarez, quen no 2015 sería homenaxeado ao cumprir 65 anos nunha banda na que entrou aos 10 anos.

 

Banda de Música de Chapela
            O 26 de outubro do ano 1991 nace a Asociación Cultural e Social de Chapela que crea a Escola de Música de Chapela, co fín de formar unha banda de música. Deste xeito, o 11 de Febreiro de 1995, fai a súa presentación oficial a Banda de Música de Chapela, sendo o seu primeiro director Juan Carlos Díaz Álvarez. No seu primeiro ano, 1996, realizou unha xira polos centros culturais de Venezuela. Este mesmo ano, gravou o seu primeiro CD con pezas variadas do repertorio galego. Dende aquela teñen actuado en numerosas vilas tanto de España como de Portugal.

Entre os premios acadados destacan:
- 2º Premio no “XI Certame Nacional de Bandas de Música Ciudad de Murcia” (2001).
- 3º Premio na sección 3ª  “III Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Pontevedra” (2003).
- 2º Premio no “V Certame Provincial Bandas de Música Deputación Pontevedra” (2005).
- 2º Premio no “VI Certame Provincial Bandas de Música Deputación Pontevedra” (2006).

- 2ºpremio na  sección 3ª no “Certame Galego de Bandas de Música” (2010).

            Tamén destacar que no 2009 foi a representante galega no I Encuentro de Bandas de Música Españolas.

Entre maio do 2000 e febreiro do 2003 faise cargo da dirección Lourenco Filipe da Silva Cruz, que sería sustituido por Francisco Abal Rosales. Entre 2007 e 2010 a Banda de Música de Chapela foi dirixida por Severino Pedrosa Núñez. Dende setembro do 2011 leva a batuta Santiago Barreira Davila.

Na actualidade (2013), a “Banda de Música de Chapela” conta con máis de 40 músicos, con idades comprendidas entre os 9 e os 34 anos. Ademáis conta cunha escola de Música, onde se imparten clases de música tradicional, clásica e moderna, con 170 alumnos polo que o relevo está asegurado.

 

 

Banda de Música Victor Curbera do Conservatorio de Redondela

       Banda de recente creación.

 

Bandas Militares

 

Dende finais do s. XIX e a principios do XX, soía actuar na nosa vila a Banda do Reximento de Murcia, batallón destinado en Vigo, por mor do conflicto con Estados Unidos e como reforzo ante un posible ataque naval. É de supor que pola proximidade formaran parte desta banda músicos redondeláns. Ata o de agora atopei a seguinte noticia de xaneiro de 1922: “Terminado o disfrute de licencia regresou a Tetuán, o xoven desta vila, Ceferino Fernández Ubeira, corneta do Batallón Expedicionario de Murcia.” Tamén formou parte desta banda na súa xuventude Reveriano Soutullo.

 

Seguro que houbo moitos outros músicos redondeláns noutras tantas bandas militares, a finais do s. XIX, atopo a Evaristo Lusquiños como corneta do Reximento de Burgos.

 

Outras bandas militares que actuaron en Redondela foron: a do Reximento de Zaragoza, nas Festas da Coca e nas do Cristo de Vilavella, en 1926; ou a da 82 División, na Coca de 1940..

 

 

 

 

Bandas Foráneas

 

Unha banda que por proximidade e calidade ven participando nas festas da vila é a Banda de Arcade. Como exemplo en 1892 fora contratada para a Festa da Coca e, en agosto de 1910, participa nas festas das Angustias e San Roque. Pola súa proximidade era habitual o seu concurso nas festas do Viso. Nos anos 20 tamén atopo noticias de festas en Cesantes e Reboreda. Houbo músicos de Redondela que tocaron nesta e outras bandas de fóra do noso Concello. En 1875 fíxose cargo da dirección desta banda Manuel Martínez de Erena, que pouco despois cedeu o cargo ao redondelán José Pereira, pero este xa vello, renuncia e llo transfire ao seu fillo de mesmo nome, e que máis tarde será sustituido por Jesús Reguera.

 

A principios do século XX, a Banda do Porriño tiña fama de tocar moi ben, dirixida daquela por Marcelino Giráldez e posteriormente por Zúñiga. En 1911 é contratada a xa laureada “La Lira” de Ribadavia, que repetiría nas seguintes edicións, e ao ano seguinte a municipal de Santiago. Outras serían as bandas de Lavadores, Mondariz Balneario, Paredes, Celanova, A Lama, Vilagarcía e tamén varias portuguesas. Nos anos 30 as de Ponteareas, Lantaño, A Estrada, Beade, Coia...

 

Unha banda que viña a miúdo ás festas de Redondela a mediados do s. XX e que gozaban de moita sona era a xa citada “La Lira” de Ribadavia. Outras bandas menos asiduas eran as de Celanova, Ponteareas, Mondariz, Lantaño, Porriño, Beade, Vilanova dos Infantes, Cuntis, Aloncos (Ourense) ou Silleda.

 

 

 

Instalacións.

 

En 1924 construiuse o que probablemente sexa o primeiro palco da música do Concello de Redondela. Trátase do ubicado na praza do Cruceiro, no Viso. A obra realizouse grazas a colaboración de varios veciños, encabezados polo acaudalado capitalista, Antonio Sotelino Táboas.

 

 

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 20-01-2017

Escribir comentario

Comentarios: 0