Música e baile tradicional - Folk (Historia)

     

Gaiteiros e outros

 

          No “Cancionero Musical de Galicia” recóllense 28 cantigas de Redondela, das cales 24 foron recollidas por Casto Sampedro. Entre outros colaboradores da nosa vila para este traballo contou con tres gaiteiros: Xaquín (de Vilar de Infesta, según me contan era coñecido como Vilar “O Jaiteiro” e un tataraneto seu seguiu a tradición tocando a gaita no grupo Os Quintela), Parada o Vello (de Negros) e Parada o Xoven (tamén de Negros, fillo do anterior e de segundo apelido García). Ademáis destes, nunha anotación Sampedro fala de gaiteiros en Santo Paio, O Viso e A Portela.

 

En xaneiro de 1949, por mor da celebración das Festas de San Isidro, en Pontevedra, celébrase un concurso de gaitas, vencendo os Irmáns Figueroa, de Redondela.

 

En varias parroquias repítese o alcume Jaiteiro que poden provir de antigos gaiteiros, mais polo de agora non puiden acadar máis información.

 

 

 

No Viso tocaban:

 

Daniña - Manuel Vidal. Faleceu na década dos 20 do século pasado, sendo xa ancián. Exerceu o oficio de canteiro de labra fina. Son obra súa o cemiterio do Viso (zona vella) e as sepulturas e tampas esculpidas que se expoñen no adro da igrexa parroquial. Foi un virtuoso da gaita e do clarinete, chegou a tocar na Banda de Arcade, e contan que viñan a chamalo de tódolos sitios para amenizar festas. Como gaiteiro foi famosísimo. A súa dona faleceu sendo xoven e quedou ao cargo dunha chea de fillos, un deles eivado. Esta descendencia é aínda coñecida como “Os do Gaiteiro”.

 

Paíño - Canteiro e tamén gaiteiro que viviu en Saramagoso (O Viso). Casado coa "Pita".

 

Xanote - Foi un famoso acordeonista que amenizaba as festas do Viso nos anos 30-40 do século pasado.

 

 

 

En outubro de 1910 foi denunciado polo cabo de gardas, Valentín Gradín, daquela alcalde de barrio de Rande, por tocar o acordeón nun baile que se celebrou sen permiso na taberna de Prudencio Barcia Pení en Rande.

 

            O grupo de gaitas Los Cuarentas, estaba formado por membros da Asociación de Hijos de Redondela, fundada en Río de Janeiro (Brasil) en 1910. Os compoñentes eran José Figueroa (bombo), José Amoedo (tambor), Enrique Figueroa (ferriños), Américo Amoedo (clarinete) e Alfredo Pérez (gaita). Destacar que a José Figueroa dalle nome á Praza Figueroa (Ver Toponimia>Redondela) e ao auditorio do centro da 3ª idade da Xunqueira (Ver Historia>Edificios Públicos).O grupo debeuse crear antes que a asociación porque o escritor redondelán Ernesto Padínadicoulles en 1909 o seguinte poema:

Pra gaiteiros os Cuarentas,
nativos d'a miña terra,
d'aquela vila fermosa,
que se chama Redondela.

Son eles tan arriesgados
qu'hastr'os mares atravesan
dand'á conocer mui lonxe,
nosa gaita feiticeira.

Benditos eles qu'o tempo
d'a nosa múseca, levan
membranzas par'a os paisanos
que pol'a vida pelexan.

 

 

 

A danza das espadas e as penlas.

 

A danza das espadas xa se bailaba en Redondela durante as festas do Corpus ou d Coca durante o século XVI. Está formada por 25 homes: 1 Maestro ou Xefe (faixa verde), 4 Rabelas ou Rabelos (faixa azul) 4 Primeiros ou Guías e 16 Espadas (ambos faixa vermella). Ademáis os acompaña a música tocada, polo menos, por un gaiteiro e un tamborileiro. Realizan diferentes figuras cada unha das cales ten a súa propia simboloxía, estas serían: reverencia ó Santísimo, pase liso ou en cadea, camiño de Santiago, oito, estrela, mapoula, áncora, R (inicial de Redondela) e volta á praza. O momento máis especial do baile é cando o Xefe abandoa o grupo e danza el só diante de Santísimo e a Virxe da Gabacha da igrexa de Vilavella.

 

Existen outras danzas parecidas noutras vilas galegas. En Redondela os danzantes levaban espadas de metal ata 1834, ano no que se produxo unha liorta que acabou con varios feridos e coa imaxe de San Xoán no río Alvedosa, sendo sustituidas por espadas de madeira. En 1904 a nosa danza dirixida por Juan Puerta, derrotou á de Marín nun certame musical celebrado na Praza de Touros de Pontevedra, gañando un premio de 250 pesetas como grupo que mellor bailaba a danza das espadas. En 1926 foron contratados para actuar nas festas do Apóstolo en Santiago. Nos anos setenta a falta de mozos dispostos a participar na danza levou á entrada de mulleres na formación durante un par de anos.

 

As penlas son dúas nenas que bailan nos ombros de dúas mulleres chamadas burras. Simbolizan o baile das nais coas nenas salvadas polos mariñeiros que mataron á Coca. Antigamente, o papel de burras realizábano as panadeiras de Porriño e os danzantes pertencían ao gremio de mariñeiros de Redondela.

 

 

 

 

Acompañamento da Danza das Espadas

(Ver Festas da Coca)

 

En 1904 cando a danza participou nun certame celebrado na praza de touros de Pontevedra, estaba acompañada polo gaiteiro de Vilar, Francisco Figueroa e o tamborileiro Antonio Figueroa. Pouco despois o trío de gaiteiros que acompañaba á Danza das Espadas nas Festas da Coca estaba formado por Andrés Parada, Joaquín Figueroa e Manuel Figueroa. En 1917 son sustituidos polo mozo de O Muro, Sobrino Figueroa Otero, acompañado coa caixa por Manuel Mosquera, que xa fixera o propio cos anteriores durante 60 anos.

 

O alcume “Os Martas”, fai referencia a uns irmáns que formaron un grupo de gaitas. As malas linguas contan que as actuacións nas diferentes romerías explican que o alcume Martas se atope espallado por case todas as parroquias do concello. O que hai de certo e que nos 50 "Os Martas" acompañaban á danza, coa que actuaron na inauguración da rúa Redondela en Ribadavia en 1952. Este grupo aínda actuou nas Festas da Coca de 1964. A tradición seguiu e aínda en 1990 tocaba o tambor Manolo "O Marta".

 

Nos anos 60 soían acompañar á danza “Os Gorechos”, tamén chamados “Os Ismaeles” que tamén acompañaban á “Sección Femenina” e animaban outros días da festa da Coca como veremos máis abaixo.

 

As gaitas na Festa da Coca

 

 

Os gaiteiros foron perdendo cos anos relevancia nas festas de Redondela. A principios do s. XX na Festa da Coca actuaban gaiteiros de Reboreda, Oitabén, Coiro.... Na maioría dos programas desta e outras festas da época e nas noticias dos xornais fálase de “grupos de gaitas” sen especificar máis.

 

Na festa do Corpus de 1902 organizouse un certame de gaitas, cantos e bailes populares. O certame celebrariase na Xunqueira e os premios serían: 80 pesetas ao gaiteiro que mellor toque a Alborada, en gaita sen chaves nin barquín, e unha peza de libre elección, acompañado soamente dun tamborileiro. 40 pesetas ao segundo mellor gaiteiro. 40 pesetas á parella que, vestida con traxe típico do país, baile mellor a Muiñeira. 20 pesetas á parella que, sen o traxe esixido, a baile mellor. 25 pesetas á comparsa de 6 ou máis persoas que mellor cante o Alalá. 10 pesetas á segunda mellor comparsa.

 

En 1903 actuou na nosa vila o famoso Gaiteiro de Ventosela e os non menos coñecidos Trintas de Póvoa de Trives, que repetirían varias veces nas seguintes edicións. En 1905 tamén se contrata ao gaiteiro de Xeve, Pepe Poceiro, que viña de colleitar aplausos en Madrid. En 1906 tivo moito éxito o espectáculo cómico “Gaita infernal de Povoa” (Portugal). En 1912 contrátase ás gaitas de Arcade e Areas (Ponteareas). Cando menos nas festas da Coca de 1927 e 1928 tocan as gaitas de Vilar e Saxamonde, ademáis das de Calvos e Coiro. Na edición de 1930 as gaitas de Vilar e dúas de Negros.

 

Nos anos 60 soían tocar “Os Gorechos” que como xa indicamos tamén acompañaban á danza das espadas. Outro grupo que soía actuar por aquela época nas festas eran os vigueses “Los Tranquilos”.

 

 

 

As gaitas noutras festas

 

 

      Nas Festas do Santo Cristo das Maravillas e a Purísima Concepción, en Chapela, en 1924, actúan os gaiteiros “Os Tornillos”, de Tirán.

          Nas festas de San Antonio, no Viso en 1926, os gaiteiros de Arbo. Nas festas da Asunción, de Reboreda, de 1931 "Aires d’a terra", da Artística de Vigo

          Nas festas da Ascensión do Señor celebradas en Quintela en 1958, tocan “Los Terribles”. Ao ano seguinte nas da Virxe do Carme, en Cesantes, "Los Celestes", de Ponteareas.

 

Baile

           

En xullo de 1932 unha agrupación de bailaríns de Redondela participou en Santiago na “Cabalgata Histórica”. Nesta ocasión bailaron na Praza do Hospital, e na “Festa de Galicia”, na que actuaron na Praza da Quintana xunto a un grupo de Betanzos, os coros “La Artística” de Pontevedra e “Queixumes dos pinos” de Vigo, e a Banda Municipal de Santiago.

 

 

Froles Mareliñas (Chapela)

Agrupación Folklórica formada en 1957 e que ese mesmo ano xa actuou nas Festas da Coca, repetindo nas edicións de 1968 e 1971. En febreiro de 1959 inaugura novo local social, sendo daquela dirixido por Juan García Irradia. O delegado provincial de Sindicatos asistiu ao acto, que foi apadriñado polo presidente da agrupación, Alfonso Santos e Fita Costas.

En 1964 xunto á Coral Polifónica de Porriño realiza unha xira pola Bretaña Francesa. En 1969 estaba dirixida por Ángel Cabaleiro Lago e xa tiña bailado en: Lisboa (no Tetro Nacional e na Televisión Portuguesa), Oporto, Braga, Coimbra, Barcelona, Madrid, Bilbao, San Sebastián e A Coruña. Esta agrupación aínda segue existindo na actualidade.

http://www.chapela.org/?idpage=froles

 

 

 

 

Grupo Folklórico de la Sección Femenina de Redondela

 

Grupo folklórico creado en xaneiro de 1968 e dirixido polo vigués Wenceslao Cabezas del Toro “Polo”, que tamén tocaba a pandereta e cantaba. O acompañamento corría a cargo de “Os Gorechos”, tamén coñecidos como “Os Ismaeles”, grupo formado por Ismael á gaita, natural de Moraña, e os seus fillos: Manolo, tambor; Paco, gaita; e Luis, bombo. En 1972 serían sustituidos por: Avelino Figueroa, gaita; Manolo “Gaiteiro”, tambor; José Couñago “Pepe Marta”, bombo; Francisco López, gaita: e José Barros “Pepe Gorello”, bombo.

 

En 1969, este grupo baila a Danza das espadas na Festa da Coca, sendo a primeira vez que danzaban mulleres.

 

En 1972 esta agrupación deu un salto de calidade ao gañar o Campionato Provincial e ser finalista (elexíanse 10 grupos non se proclamaban gañadores) no Campeonato Nacional de Coros y Danzas, o que lles valeu actuar en Madrid ante os Príncipes D. Juan Carlos e Da. Sofía. Tamén en 1972 actuaron a modo de exhibición no I Festival de la Oti, celebrado en Madrid en 1972, e no que representou a España Marisol que acadaría o terceiro posto.

 

En 1973 no Campionato Galego consiguiron as medallas de ouro ao mellor grupo folclórico, mellor grupo de gaitas e mellor parella de baile.

 

En 1975 gañan o Campionato Provincial, o que lles leva a ser de novo finalistas do Campeonato Nacional de Coros y Danzas.

 

Compoñentes: Aurora Bastos, Merchi Iglesias, Marivina Reboredo, Lola Acuña, Ana Alén, Marisa González, Malena Reboredo, Concha Pérez, Eladio Ramonet, Juan José Muíños, Juan José Panejo, José Garrido “Xirelo”, Gerardo Pérez “Chicho Rollo”, Manuel Soto “Sotiño”, Serafín...

 

 

 

Grupo Tradicional da Ponte de Rande.

A finais dos anos 70 era un grupo de xóvenes bailaríns cun acompañamento formado por músicos veteráns.

 

Outros Grupos de Baile.

 

Nos anos 60 do pasado século contábamos ademáis cos grupos: Airiños Gallegos (de Quintela), Los Chavales, Escuela de Villar e Sociedad Atlética Redondela (S.A.R.).

 

 

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 20-01-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios autores, 2013

Ernesto Casto Padín Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Lola Míguez. Ed. Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros educativos de Redondela.

Seren nº6. Notas dispersas sobre Isidoro Queimaliños Queimaliños. Amado Ricón Viruleg

Aportacións: José Luis Cofán e Cándido

Galiciana=> El noticiero de Vigo, La Noche, El Pueblo Gallego, Galicia diario de Vigo, El Correo de Galicia,

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0