Orfeóns, Corais e Rondallas

 

 

Orfeóns.

 

Primeiros Orfeóns.

 

En 1880 xa existían orfeóns en Galicia.

 

En agosto de 1891 estáse a organizar unha masa coral en Redondela para participar nun certame en Vigo. A seguinte noticia, en marzo de 1892, danos conta da creación dun orfeón dirixido por José Sánchez. En maio dese ano fálase da idea de crear un orfeón para actuar na festa da Coca.

 

En setembro de 1895 un grupo de afeccionados atopábase ensaiando para dar unha función a beneficio da virxe dos Dores en Redondela. En outubro de 1897 estase a formar un orfeón composto por trinta voces e dirixido por Marcos Sotomayor.

 

 

 

Orfeón Redondelano.

 

En 1906 o Orfeón Redondelano actúa nas festas da Coca. Ao ano seguinte anúnciase que o orfeón pasará a formar parte dunha nova sociedade, probablemente o Centro Científico Deportivo, que sería fundado en 1908.

 

No 1915 era dirixido por Manuel Martínez, cura párroco de Redondela.

 

 

 

Orfeón Infantil

 

En 1912 organízase un orfeón infantil dirixido por Marcos Sotomayor, que interpretaría cantigas galegas na Festa da Confraría do Señor de Vilavella, cumpríndose os desexos de José Fernández López emigrante en América.

 

 

 

Orfeón Redondelano (do Círculo Recreativo de Arte e Cultura)

 

En decembro de 1921 o mesmo sacerdote Manuel Martínez e o procurador Generoso Muíños atópanse organizando un festival para recadar fondos para o “Aguinaldo del soldado”. Celebrariase no Círculo Recreativo e actuaría o cadro de declamación e un novo orfeón dirixido polo propio Manuel Martínez, baixo o nome de Orfeón Redondelano. En 1922 rende homenaxe ao seu presidente honorífico, Avelino Giráldez. Nese mesmo ano durante as Festas da Coca, este orfeón integrado por 80 voces mixtas interpretaba marchas e motetes. En setembro, como vimos anteriormente, actúa co cadro de declamación en Mondariz Balneario, interpretando o Himno Galego, Primaveira, Os teus ollos, Regreso a la patria, Boga barquilla mía e Veira do mar. En novembro cantan na misa celebrada durante a festa de San Andrés en Cedeira. Disolveuse en xaneiro de 1923 por un intento de darlle un caracter diferente.

 

Orfeón ¿?

 

En 1925 atopo referencias a un orfeón dirixido polo sacerdote Rufino Fernández y Fernández Menéndez.

 

 

 

Orfeón Veira d’o Mar.

 

O mesmo sacerdote, Rufino Fernández, forma un novo orfeón que actúa por primeira vez na noite de fin de ano de 1928, dando serenatas a Saturno Cal Muíños, Avelino Giráldez Pazó e a Buenhijo Pérez Sobrino. En abril de 1929 esta agrupación organízase, redactando un reglamento, nomeando unha xunta directiva e tomando o nome de Orfeón Veira d’o Mar. En outubro de 1929 participa nunha homenaxe a Reveriano Soutullo en Ponteareas. Non podía ser doutro xeito, xa que o nome do orfeón é tomado dunha obra deste compositor. Días despois homenaxea ao seu director polo seu traslado a Vigo. A finais de mes, actúan no salón do extinto Círculo Mercantil, interpretando entre outras "Veira d'o Mar", na que son dirixidos polo propio Reveriano Soutullo. En febreiro de 1930, este orfeón atópase organizando un cadro de declamación.

 

 

 

 

 

 

 

 

Corais

 

 

 

En agosto de 1891 formouse en Redondela unha coral co obxeto de participar nun certame en Vigo. En 1899 créase outra masa coral composta por trinta xóvenes dirixidos polo músico Sr. Patiño.

 

A nivel individual en febreiro de 1883 atopamos unha noticia na que aparece Jacinto Mos Figueroa: "Varios escolares de Santiago organizaron unha masa coral e despois de vencer algunhas dificultades se constituiu baixo a dirección do avantaxado artísta Jesús García. Nomeouse ademáis a xunta directiva: presidente, Néstor Pardo; vicepresidente, Jacinto Mos Figueroa; secretario, Manuel Valdegama; tesoreiro, José Louzao". 3

 

Tamén a mestra Araceli Otero Sestelo (Redondela, 1910/1951) colaborou na Coral Polifónica de Pontevedra, cantando xunto a Castelao e Bóveda.

 

En febreiro de 1959 comeza a ensaiar unha nova masa coral dirixida polo señor Buján.

 

A Coral Santiago Apóstol de Redondela foi fundada en 1971. Pouco despois, en 1973, formouse a Coral "Frol Nova" de Chapela.

 

Posteriormente irían xurdindo: Coral Alvedosa (do Clube de Xubilados de Redondela), Coral O Piñeiral (Chapela), Coral Pedra Blanca (Cesantes), Coral San Esteban (Negros, 1996), Coro polifónico Corazón Joven (Cesantes), Coral do C. C. de Trasmañó e Coral Airiños da Peneda (O Viso). En decembro do 2012 preséntase a Coral A Raíña, do Centro Cultural de Cedeira.

 

            Entre as corais que teñen actuado en Redondela podemos citar a Casablanca, de Vigo (Festas Reboreda 1958).

 

 

 

As Rondallas

 

 

 

A primeira referencia que atopo en Redondela é en marzo de 1896 cando nun banquete de benvida ao Xeneral Rubín, actuaron dúas bandas de música e unha rondalla. É posible que se trate da Rondalla do Centro Científico Deportivo que xa existía a principios do s. XX.

 

En marzo de 1910 fórmase a Rondalla Armonía dirixida polo mestre Marcos Sotomayor, no seu primeiro pasarrúas visitaron á súa presidenta María Amoedo, ao alcalde Avelino Giráldez, ao párroco Bernardino Couñago e ao rexistrador da propiedade Fermín Díaz.

 

En marzo de 1932 a Rondalla Los Calaveras, dirixida polo señor Lino Muíños, adícalle unha serenata ao señor Blanco e a súa esposa Aurora Soutullo que ían marchar a Montevideo. O 6 de novembro de 1932 o Partido Galeguista de Redondela inaugura o seu novo local. Logo dos discursos de, entre outros, Castelao e Paz Andrade, voltou a actuar a Rondalla Los Calaveras que interpretaron o Himno Galego e A Internacional.

 

En 1934 despois de triunfar na radio, participa na homenaxe celebrada no teatro García Barbón de Vigo na honra de Reveriano Soutullo.

 

A principios dos anos 40, aínda co mesmo director, actuaba nos entreactos das actuación do cadro de declamación de Organizaciones Juveniles de Falange, cantando composicións de Reveriano Soutullo e García de Cote.

 

Rondalla de Educación y Descanso. Pouco despois da súa creación, en xaneiro de 1944, deu un concerto para Radio Pontevedra, interpretando obras de Reveriano Soutullo e García de Cote. En 1952 participa nunha velada teatral organizada para recadar fondos para a Festa da Coca.

 

En decembro de 1951 a Rondalla de Frente de Juventudes actúa nun festival a prol do Auxilio Social, con motivo da festividade de Reis.

 

 

 

Os Ranchos de Reis.

Na zona sur da provincia de Pontevedra, as rondallas conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal. A localización é moi restrinxida. Hainas cara ao sur de Redondela, e Vigo, Mos, Porriño e Ponteareas. En Lugo e en Ourense hai outras agrupacións con este nome, pero son diferentes. En 1920 xa están rexistradas. Estes grupos, que noutros tempos contaban con ata trinta membros e que na actualidade poden congregar máis de oitenta participantes, executan, con instrumentos tradicionais, pezas do folclore coma muiñeiros, fandangos ou pasodobres e, ultimamente, tamén pezas actuais.

O tradicional era que os Ranchos pasaran a noite de Reis a percorrendo rúas e camiños ata ben entrado o día, sendo agasallados polos veciños con comida, bebida e, se había sorte, algunha moeda. A mediados do século XX a Redondela acudían rondallas de casi todas as parroquias: O Viso, Cabeiro, Vilar, Saxamonde ou Cesantes. Esta última actuaba sempre preto da Capela de Santa Mariña. Tamén acudían rondallas de fóra da vila, unha delas era a de Louredo (Mos).

Unha noticia do Nadal de 1925 danos conta dunha destas rondallas, neste caso do Viso: "A xuventude de ámbolos dous sexos do lugar do Cadaval celebrou unha festa campestre co recadado a víspera de Reis. A chuvia desluciu o festival que foi amenizado por unha sección da música de Arcade." Ao ano seguinte, na mesma parroquia "Os xóvenes da Sociedade de Agricultores do Viso que se adicaron a obsequiar coa interpretación de bonitos villancicos, foron moi agasallados na casa do prestixioso veciño de Cesantes, don Constantino Sequeiros, quen entregou ao coro 100 pesetas. Con todo o reunido celebraráse unha festa".

Nos derradeiros anos rondallas de Saxamonde, O Viso e Reboreda seguen mantendo viva esta tradición.

 

Comparsas de Entroido.

 

Nas primeiras Ordenanzas Municipais da Vila das que se teñen constancia, 1852, aparecen os seguintes artigos:

 

Artículo15º. Estando prohibidas las máscaras y los disfraces, únicamente se podrán usar en los casos y en la forma en que se sirva conceder su permiso el Sr. Gobernador de la provincia como única autoridad competente al efecto; aún en este caso se prohibe el uso de vestiduras sacerdotales y hábitos de las extinguidas órdenes religiosas, juntamente con trajes e insignias militares usados en el día.

 

Artículo 16º. Ninguna persona disfrazada podrá llevar armas de ninguna especie; y solamente la autoridad y sus delegados podrán mandarle quitar la mascarilla en el caso que no hubiese guardado el decoro correspondiente y hubiese causado cualquier disgusto en el público.

 

 

 

A principios do século XX, as diferentes sociedades da vila organizaban bailes de entroido, pero nas rúas non había tanta animación. Así por exemplo, en 1910 tan só houbo en Redondela tres comparsas: unha de Porriño que cantou diante do Concello, outra que levaba entre outros instrumentos tres bombos e unha formada por nenas.

 

Em 1916, unha noticia daba conta de que: "La comparsa titulada "La Capa Española", que fue una de las notas más sobresalientes del Carnaval callejero de Vigo, irá el domingo próximo a Redondela. Hoy irá una comisión de "La Capa Española" a Redondela para nombrar allí presidenta honraria de la agrupación."

 

Estas festas nunca foron do agrado da igrexa católica polo que en 1922 fíxose público que: “O domingo, luns e martes de entroido expúsose nas igrexas desta vila a S. D. M., para desagraviar ao Señor das ofensas que contra El se cometen nestes días de loucura”.

 

En 1923 unha noticia danos conta de que: "O martes recorreu as rúas unha comparsa de Porriño chamada "Pierrots y Colombinas". Outra noticia de 1923: "El domingo recorrió las calles una comparsa compuesta por diez individuos, titulada "Los Segadores", entonando con bastante afinación algunos cantos de corte regional."

 

Despois do golpe militar de Primo de Rivera o entroido de 1924 non se celebrou na rúa pero os bailes do Casino, Círculo, Redondela F. C. e Sociedade de Mariñeiros estiveron moi animados. A festa seguiu restrinxíndose aos locais das sociedades. Habería que agardar a 1928 para que o Círculo Mercantil sacara de novo o entroido á rúa.

 

En 1932 saíron variadas e boas comparsas destacándose a de Los locos cantores.

 

 

 

Agrupación Artística de Redondela.

 

A principios dos anos 30, foi fundada a Agrupación Artística de Redondela. En 1933 destacáronse no entroido redondelán, sendo invitados a actuar en Vigo. A finais dese ano xa contaba con preto de 50 compoñentes, chegando máis tarde a 64. En febreiro de 1934 actuaron en Ponteareas seguíndolle outras vilas e capitais de provincia.

 

En 1952, Félix Fernández e o músico Lino Muíños conseguiron refundar a Agrupación Artística Redondelana. Actuando ao ano seguinte en vilas como Pontevedra ou Tui. Esta rondalla tocaba no entroido coros a catro voces, pasodobres, fox-trot... Cantaban tanto en castelán como en galego, algo meritorio dada a situación política naqueles anos.

 

 

 

 

En 1935 destaca unha nova comparsa infantil chamada Los Piratillos Viaducticos dirixida por Pepito Bernárdez. Trala Gerra Civil prohibiuse que a xente se disfrazara pero, cando menos en Redondela, a xente seguiuno a facer. As forzas do orde tiveron que ceder ante as tradicións do pobo, mais cando alguén saía da casa coa cara tapada deseguida aparecían os gardas para quitarlle a máscara.

Ademáis das citadas anteriormente, outras comparsas famosas en Redondela serían: Los Angelitos, Los Estudiantes, Las Madamas, Los Peperetes, Los Postineros... Todas elas cantaban cancións cargadas de crítica e humor, algo parecido ao que se segue a facer en Cádiz. 

 

 

Outras agrupacións e coros históricos.

 

Arpegios.

 

Sociedade fundada en abril do 1932 adicada ó fomento da música e o canto. En xuño dese mesmo ano esta agrupación deleitou ao pobo de Redondela cunhas serenatas que sorprenderon polo seu amplo repertorio e a súa afinación. Ao ano seguinte tamén actuaría nas festas da Coca. Entre os seus compoñentes estaba Félix Fernández.

 

 

 

Los Choqueiros, Último Cuplé e Trío Carrascal.

 

Coros de Redondela que en 1957 actuaron en Radio Vigo. Poucos días despois Los Choqueiros e Trío Carrascal celebraron un concerto no Sanatorio Rebullón.

 

 

 

 

Varias actuacións

 

1921, decembro. O Círculo de Mariñeiros organizou un festival a beneficio do “Aguinaldo del Marinero”. No que actuou o orfeón de Redondela e un grupo de mozas. O mesmo día pola noite celebrouse no Círculo Recreativo unha velada teatral a prol dos pobres. Actuou o orfeón interpretando cancións tradicionais galegas e “Canción del soldado”.

 

1922, maio. O orfeón dirixido polo xoven sacerdote Manuel Martínez, obsequiou ao seu Presidente honorario, Avelino Giráldez, coas mellores cancións do seu repertorio: Os teus ollos, de Chané; El regreso a la patria, de Monasterio; e Barcarola, de Varela Silvari. O señor Giráldez invitou aos orfeonistas e covidados a pastas e licores, entregando ademáis ao director un sobre con 250 pesetas.

 

1922, setembro. Actúan no Balneario de Mondariz o orfeón e o cadro de declamación do Círculo Recreativo, xogándose ademáis un partido de futbol entre un equipo de Redondela e outro daquela vila. O orfeón cantou “Himno galego”, “Primaveira”, “Os teus ollos””Regreso a la patria”, “Boga barquilla mía” e “Veira do mar”.

 

1922, decembro. O Orfeón do Círculo Redondelano de Arte y Cultura, executa a misa cantada nas Festas de San Andrés en Cedeira.

 

1929, outubro. Nos salóns da extinguida sociedade Círculo Mercantil, deu un concerto o orfeón local Veira d'o Mar na honra dos seus socios. Pouco antes xa deran un concerto de despedida ao seu director Rufino Fernández, ademáis de participar en Ponteareas na homenaxe a Reveriano Soutullo. Na primeira parte cantaron: “Veira do mar”, de Reveriano Soutullo, que el mesmo dirixiu sendo aplaudidísimo; "Barcarola", de Varela e Silvari; "O sol d'a primaveira", de Torres Crec; e coro da ópera "Lombardi", de Verdi. Na segunda parte: "As lixeiras anduriñas", de Montes; "Canción de abril", de Laurent de Rillé; "Os teus ollos", de Chané; e "La mi Virgen", xota aragonesa de G. Golfart. O concerto remata coa interpretación do Himno Galego.

 

1933, outubro. Celébrase un baile no Centro Republicano Recreativo no que actúa a Agrupación Artística de Redondela.

 

1940, 21 de novembro. Promovida pola Organización Juvenil da Falange, represéntase no Cine Imperial unha función teatral na que participou a Rondalla “Los Calaveras”. Tivo tanto éxito que houbo que repetir a función e meses máis tarde sería posta en escea en Pontecaldelas.

 

1941, 30 de marzo. Interprétase no Salón Nacional, daquela de Paulino García, a obra de Linares Rivas “La mala ley” e “La leyenda del beso” de Reveriano Soutullo, con Finita Criado e Juan N. Cardama como figuras e a actuación de “Los Calaveras”.

 

1951, 28 de decembro. O Concello, en colaboración coas delegacións locais da Sección Femenina e o Frente de Juventudes, organiza un festival no Cine Redondela a prol dos nenos e anciáns acollidos ao Auxilio Social con motivo da festividade de Reis. Actuaron os grupos de coros e danzas da Sección Femenina, e teatro e a rondalla do Frente de Juventudes, completándose o programa coa proxección dunha película.

 

 

 

 

 

 

 

Outras agrupacións e coros actuais.

 

 

 

AMURON (Asociación Musical Ronsel)

 

Grupo de Vigo con algún músico de Redondela. Tocan versións entre outros de: Víctor Jara, Fuxan os Ventos, Carlos Cano, Víctor Manuel...

 

Formación: José Ramón (voz, percusión), Francisco (voz, guitarra), Julio (voz, guitarra), Juan (voz, contrabaixo), Rubén (voz, percusión), Carlos (percusión, bandurria), José Carlos (bandurria, mandolina, violín), Carlos (bandurria), Emilio (laúd, catro), Miguel (laúd, requinto) e Alejandro (teclado, percusión, laúd)

 

 

 

Estudio Lírico.

 

Grupo de canto formado en Chapela e que no 2013 pasa a formar parte da Asociación Cultural e Social de Chapela.

 

 

 

Rondalla de Redondela

 

No 2010 presentouse no festival Meixón Music a Rondalla de Redondela, coa intención de recuperar as antigas cantigas da vila, principalmente da Agrupación Artística Redondelana. Trátase dun grupo de voces acompañado por bandurrias.

 

 

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 22-01-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es: El Áncora (Pontevedra), Almanaque Gallego (Bos Aires), El regional diario de Lugo, El Correo de Galicia (Bos Aires), La correspondencia gallega (Pontevedra), El Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, Ecos del Distrito, Gaceta de Galicia (Santiago), Hoja Oficial del Lunes (Vigo), La Idea, La Idea Modernaa (Lugo), El Lucense, Marín, La Noche (Vigo), El Noticiero de Vigo, El Progreso (Pontevedra), El Pueblo Gallego, El Regional (Lugo), La voz de la verdad, El ideal gallego, La Integridad diario católico (Tui)

 

Escribir comentario

Comentarios: 1
  • #1

    Marta (domingo, 06 septiembre 2015 11:27)

    Disculpa pero la Coral "San Esteban" de la parroquia de San Esteban de Negros lleva desde 1996,es decir casi 20 años.