Orquestras e Murgas

Orquestras

 

Nas festas celebradas no concello de Redondela veñen actuando orquestras dende finais do s. XIX. Por desgraza, os xornais da época na maioría dos casos non facían máis que referirse a eles como unha orquestra sen dar máis datos. En realidade eran pequenos conxuntos similares aos grupos de gaitas, diferenciándose na ausencia deste instrumento e no tipo de temas interpretados. Todo isto leva a que anos despois aparezan nos programas das festas tan só murgas e charangas. Como exemplo, a finais do s. XIX soía tocar na festa de San Bernardo, en Cedeira, a música dirixida por José María que tocaba o clarinete, acompañado por “Doctor” de Cabeiro, que tocaba bombo e platillos, e Parada de Negros, que tocaba o tambor. Interpretaban temas como: “No me mates”, “Entré niña en tu cuarto” ou “Adonde vas hermosa del pelo teñido

En novembro de 1910 regresou de Panamá despois de 4 anos o frautista Bernardino Oliver.

No anos 20, dirixía unha orquestra o afamado acordeonista de Chapela, Gumersindo Castro.

 

Alejo Amoedo, pai do pianista Alejo Amoedo Portela, foi trompetista da Banda de Música de Cabeiro e da Banda Municipal de Redondela, e posteriormente tocou a trompeta e o trombón nas orquestras “Los Rítmicos” e “Gran Casino”.

Precisamente o primeiro mestre de solfeo de Alejo Amoedo Portela sería Amador Pérez Zabaleta. Tocaba o acordeón entre outros instrumentos. Alá polos anos 50 e 60 do pasado século, percorreu países como Grecia, Líbano, Exipto, Somalia ou Israel con diversas orquestras, entre outras formou parte da “Orquesta Florida” de Pontevedra. A pesares de nacer en Saxamonde, non sería ata 1965 cando se anunciou a súa primeira actuación na nosa vila no I Festival SAR. Tamén actuou na "Orquesta Florida" Luis Medal de Cesantes.

Nos anos 50 e 60, Joaquín “Llan” cantaba na orquestra de Pontevedra “Los chicos del Jazz”. Nesta época tamén tocaba o saxofón e o clarinete, na orquestra de Paredes “Los Hermanos Lorenzo”, Germán “o do Pájaro Pinto”.

 

Nos 60 actuaba a orquestra de Redondela Nuevos Ritmos e ademáis empezaron a xurdir en Redondela pequenos grupos que actuaban nas salas de baile e nas festas tocando os temas de moda.

 

Nas Festas da Coca de 1965 e 1968 actuou “Radio Internacional TV”, de Vigo, da que formaba parte Argimiro “Mirito” Fuentes, que ao ano seguinte cantaba na “Cortegada”, de Vilagarcía.

 

Outro vocalista desta época era Santos, natural de Arcade e residente en Redondela. Deuse a coñecer en 1960 con “Estrellas del Jazz”, logo cantaría na orquestra “Gran Casino” e, en 1970, pasaría a formar parte do grupo “Los Supremos”. Anos despois convertiríase en director da Banda de Música de Arcade.

 

Case todas estas orquestras con compoñentes redondeláns soían ser contratados para as festas da Coca. A continuación citarei a outras agrupacións desta época que participaron nas distintas festas do noso concello e dos que descoñezo se tiñan algún integrante da nosa vila: Orquesta X (Pontevedra), Orquesta Poceiro, Orquesta Montes (Pontevedra, grupo no que cantaba Suso Vaamonde), Brasil, Sintonía (Nigrán), Arosa, Miami...

J. A. Blas Piñón vocalista de París de Noia Foto Xoán A. Soler-La Voz de Galicia
J. A. Blas Piñón vocalista de París de Noia Foto Xoán A. Soler-La Voz de Galicia

Dende aquela son moitos os redondeláns que teñen formado parte de orquestras.  Por exemplo a Orquestra Paraíso sempre contou nas súas filas con varios redondeláns como o seu cantante Manolo. A famosa Orquestra París de Noia ten entre os seus compoñentes a Jose Antonio Blas Piñón, vocalista.

http://www.parisdenoia.es/blas.asp

            

            Outro gaiteiro que formou parte de varias orquetras é Sito Muíños que dende 1997 está no Grupo América como teclista.

            http://www.sitomuinos.com/

 

Murgas

 

          Como no caso dos gaiteiros é difícil atopar datos antigos das murgas porque nos programas das festas non se soían citar nin os nomes das mesmas. Citar que para as festas da Coca de 1909 foi contratada unha murga de Carballino e tres anos despois unha de Domaio e outra de Pazos de Borbén. Xa en 1930 actúan as murgas de Salceda e Coiro.

Das de Redondela destacar a:

 

Los Alegres

            Eran de Vilar de Infesta e actuaban alá polos anos 60 do pasado século.

 

Os Quintelas en Covelo Foto www.flickr.com
Os Quintelas en Covelo Foto www.flickr.com

 

Os Quintelas

            Esta murga fundouse no 1954 é mantívose en activo ata 1980, no 2005 volverían a reagruparse despois dun parón de máis de 20 anos.

            Primeira formación: Julio (tocando o saxo) e Generoso (daquela a caixa), na compaña dos veciños de Quintela: Luis (gaita), Manuel (saxo), Xose (bombo) e Carlos (clarinete).

            Formación no 2008: Xesús (organizador e bombista), Julio (saxo tenor), Raúl (saxo alto), Generoso (batería), Antonio (clarinete e saxo), Javi Castro (acordeón e órgano) e Xaquín “Xocas” (clarinete e gaita).

            Outros componentes: Carlos "O Roxo", Ramón "Presley", Morantes, Manuel, Ernesto, Suso Ben...

A Asociación Musical de Murgas Tradicionais (AMUMT) elexiunos mellor agrupación no 2007.

 

 

Fanfarria Takicardia

 

Formación con algún compoñente de Redondela. Son habituais no Festival Internacional de Títeres.

 

 

 

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Aportacións Alejo Amoedo Portela

 

Galiciana => El Pueblo Gallego, El Correo de Galicia

 

 

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 22-01-2017

Escribir comentario

Comentarios: 0