Teatro

 

S. XVIII. Sebastiana Rosa Pereira “La Gallega”. A Precursora.

 

          Para comezar a falar de teatro en Redondela temos que remontarnos ao século XVIII, cando xurde a figura de Sebastiana Rosa Pereira, actriz coñecida como La Gallega. Destacouse actuando en traxedias e dramas, sendo o seu caracter forte polo que os seus compañeiros lle chamaban “Cara de pocos amigos”. Algúns autores a supoñen nada en Lisboa, pero sempre recoñecendo a súa orixe galega e que viviu nesta comunidade ata que comezou a actuar. O que podemos ter por certo é que o seu pai era Benito Lorenzo Pereira y Castro, natural de Redondela, e a súa nai Felipa Martínez Rosales. Sendo os seus avós paternos Benito Pereira e Sebastiana Pereira, naturales tamén de Redondela.

 

          Pereira fixo comedias en provincias, ata que en 1754 representou con éxito “Primeras damas” na corte. En 1756 ingresou como primeira dama na compañía de José Parra. Foron anos de actuacións en Madrid na Cruz e no Príncipe, compartindo éxitos con Águeda de la Calle e María Antonia Castro. O 6 de abril de 1760 pasou á compañía de José Martínez Gálvez, con Juan Ángel Valledor como autor. Na Pascua de Resurrección de 1762 Sebastiana Pereira pasou ó Príncipe, tendo como autora a Águeda de la Calle.

 

          En 1763, a famosa María Ladvenant logrou o posto de autora, favorecida por personaxes influintes. Un grupo de actores, entre eles Sebastiana dirixiron un memorial ó rei. Como resposta a Xunta de teatros encarceou a Nicolás de la Calle e a Gabriel López Chinita. Se a nosa protagonista evitou a prisión foi porque finxiu estar enferma, chegándose a facer sangrar. Aínda así tomouselle declaración, formándose o correspondente proceso por desacato. Despois disto non lle quedou máis remedio que irse a actuar ó teatro de Cádiz, que daquela tiña tanta importancia como o de Madrid.

 

          En 1765 voltou á capital aprobeitando a retirada de Ladvenant, figurando na compañía de Nicolás de la Calle. Ó ano seguinte, pasou á de María Hidalgo, pola volta da súa rival, na que seguiu ata que en 1771 a supresión dunha das compañías da corte obrigouna a ir a Andalucía. En abril dese mesmo ano voltou a Madrid á compañía de Martínez, na que continuaría ata 1776. Nese ano xa no declive da súa carreira pasa a facer papeis de “sobresalienta”, retirándose definitivamente o 3 de marzo de 1779.

 

A nivel personal casou con Antonio Blanco, natural de Balaguer, irmán da cantante Casimira Blanco “La Portuguesa”, actriz da compañía de Parra. Tivo dous fillos: Faustino Ramón e Antonia Blanco, tamén actriz que en 1773 traballou coa súa nai na compañía de Martínez.

 

 

Finais s. XIX - Inicios s. XX

 

A finais do século XIX fórmanse os primeiros cadros de declamación en Galicia. A primeira referencia que atopo na nosa vila é en xuño de 1892, cando debutou en Redondela a compañía dramática dirixida polo Sr. Fraile, pero aínda non puiden confirmar que a compañía fora da nosa vila.

 

Pouco despois, en maio de 1897, o cadro de zarzuela dirixido por Emilio Muñoz, que traballa en Redondela, fai o seu debut en Ponteareas con “La leyenda del monje” e outras obras. En novembro dese ano unha sección de afecceonados de Redondela representan as comedias “En el garlito” e “No hay mujeres”, do santiagués Antonio Fernández Arreo.

 

En plena Guerra de Cuba, abril de 1898, a sección lírico-dramática de afeccionados proxecta dar unha función para cuntribuir ao aumento da flota naval.

 

A principios do século XX, o teatro afeccionado foi promovido polos diferentes colectivos de Redondela. Ata o de agora atopei que seis destas sociedades contaban con cadros de declamación: Centro Científico Deportivo, Círculo Católico, Casino, Liga Popular e Círculo Recreativo, todas de Redondela; e a Sociedad Agraria de O Viso, creada esta última no inverno de 1923 polo mestre Claudio Sotelo Loureiro. As obras celebrábanse nos salóns destes colectivos ou en cines e salas privadas, como o Hotel España ou o Salón Míguez. O grupo do Círculo Católico estaba dirixido por Generoso Muíños e a parte musical corría a cargo do mestre Sotomayor.

 

 

 

 

 

En 1930 a sociedade Veira d’o mar organiza un cadro de declamación que contaba con sección infantil. O nome de Veira dó mar é o título dunha das obras de Reveriano Soutullo (Ver Persoeiros>Redondeláns de Adopción), compositor nado casualmente en Ponteareas e criado en Redondela que foi un dos grandes culpables da popularización na nosa vila das zarzuelas, pasodobres...

 

Lonxe da nosa vila o Centro de Redondela y su distrito, de Arxentina, celebra o 29 de maio de 1932 a Festa da Coca cun festival no que se representou a revista “Redondela enxebre”.

 

 

Postguerra. Anos 40-50.

 

Despois da guerra, sería Amado González Cardama, asesor de propaganda da Organización Juvenil de Falange o que promocionaría a creación do Cadro de Declamación de Frente de Juventudes, dirixido polo procurador Bernardo Fernández Esteiro. Mais a iniciativa non iría máis alá de tres representacións.

 

Tamén destacar a laboura de mestres que desinteresadamente promocionaron o teatro entre os máis xóvenes. É o caso de Paulina Sánchez, que a mediados do século XX organizaba zarzuelas, ballet...

 

A mediados dos anos 50, nace a Agrupación Teatral Redondela, dirixida por Mario Reboredo e con Víctor Ureña ao piano, tamén contaba con sección de ballet.

 

En decembro de 1955, prepárase o Cadro de Declamación do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, que se atopa ensaiando a zarzuela “Los Claveles”. Este grupo en 1958 representaría “Los marqueses de Matute”. O reparto estaría formado por Mª Carmen Muíños Lamas, Fita Brea Acosta, Carmela Martínez Muíños, Mª Rita e Severo Rivas Tojeiro, Mª del Carmen C. Alfonso, Mª de los Dolores L. Urtaza, Lamberto Reboredo Rodríguez, Laureano e Francisco Araujo Martínez e Carlos Alonso Martínez; sendo dirixidos por Mario Reboredo Rodríguez e apuntados por Diego San José.

 

 

 

Un pouco antes, en Buenos Aires (Arxentina) os redondeláns alí establecidos fundan o Cuadro Vocacional Redondela. En 1955 presentan a obra “Rocas y sangre” escrita polo autor redondelán Conde Alvedosa. Forman o grupo: Severo Míguez, Jorge Bujones, Francisco Cayetano, Donato F. Ron, Jesús Fernández, Manuel Cayetano, Olga da Riva, Elvira Rodríguez, Zulema Paz, Nora da Riva, Flor Moysi e Silvia da Riva.

 

 

Finais do s. XX e Actualidade

O Centro Recreativo y Cultural de Redondela ao que se foron sumando os diferentes centros parroquiais, veñen sendo un punto de apoio ao teatro afecceonado en Redondela, creando as máis das veces os seus propios grupos teatrais. Destacar aquí a laboura de Suso Ben, que crea os grupos de teatro Disonada (1989) e Os Viaductos (1996), e Máximo, mestre do Instituto Mendiño, que formou varios grupos teatrais cos seus alumnos.

No 2012 abre as súas portas a Sala Discotasca, local no que o teatro ocupa unha parte importante da súa programación, máis a experiencia dura apenas un ano. Precisamente nesta sala Paulo Medal, acompañado por Almudena Zurita e Fran Machado, presenta Impro K-Baret.

Xandre Vázquez, natural de Vigo pero con familia en Redondela, fundou a compañía

Educateatro, sendo o productor da mesma. Despois de debutar con Os tres porquiños no 2015 estrea a súa segunda obra, Carapuchiña Vermella, á que seguirá Pinocho, obras estas dirixidas ao público infantil e con contidos pedagóxicos. En febreiro do 2016 a compañía local Escuadra17 Teatro, da que tamén forma parte Paulo Medal, presentou a obra infantil O Camiño de Santiago.

A todos estes habería que sumar outros grupos de teatro afeccionado formados en centros recreativos, centro da terceira idade, escolas e institutos; ademáis dos logros individuais como veremos en Persoeiros>Cine, Teatro e Televisión.

 

Pero falar de teatro nestes derradeiros anos en Redondela é falar de títeres. A Compañía de títeres Tanxarina foi fundada no 1983 por Esther Cabacés, Eduardo Rodríguez (Tatán), Elías Araujo e Marga Maderal. Desta primeira formación tan só continúa Tatán acompañado de Miguel Borines, dende 1984, e Andrés Giráldez. As súas actuacións ademáis de percorrer numerosas cidades españolas leváronos a actuar en varios países tanto de Europa como de América. Dende o ano 2000 os seus integrantes compaxinan esta actividade coa participación en teatro, cine e televisión. Tanxarina recibiu entre outros os premios Xeración Nós, Xiria (a mellor actividade teatral) e María Casares.

 

 

Algunhas actuacións

 

 

 

Actuacións de grupos de teatro afeccionado de Redondela

 

Algúns exemplos de actuacións de afeccionados da nosa vila serían os seguintes:

 

1910, xaneiro. O Cadro de Declamación do Centro Científico Deportivo atopábase ensaiando as seguintes obras: Sin vacaciones, Pido la palabra e Parada y fonda; co fin de presentalas na Sociedade de Agricultores de Teis. O 1 de maio dese ano actuaron tamén no Liceo de Artesanos de Porriño.

 

1910, febreiro. Traballábase para formar o Cadro de Declamación do Casino que estará formado por distinguidas señoritas. Ademáis anúnciase que se farán obras no local de o Casino co fin de poder representar obras teatrais

 

1910, febreiro. O sábado de entroido no Círculo Católico representáronse varias obras. Na comedia “Ganarse la vida” destacou Lupita Sampedro. Tamén estiveron acertados nos seus papeis o señor Muíños Arines e os nenos Manuel Cacheiro, Pedro Otero e Pedro Fontenla. A zarzuela Dios premie la caridad estivo interpretada por Teresa Torrado, Lilita Ibáñez, Josefina Somoza, Sagrario Mos, Carmen Bermúdez e varias nenas que formaban o coro. Para rematar, La tía lechuza foi protagonizada por Lilita Ibáñez, completando o reparto María Amoedo, Teresa Torrado, Raquel Mos, María Díaz, Lupe Sampedro e Josefina Somoza. O mestre Sotomayor acompañou ao piano á señora Ríos, que cantou Una canción gitana da zarzuela de Gaztambide, El estreno de una artista e Penso de Tostti.

 

Ao luns seguinte tamén houbo teatro no Círculo Recreativo.

 

1910, 20 de febreiro. A Asociación de Mariñeiros organizou unha velada artística, literaria e musical no Café América, en beneficio das familias duns mariñeiros que naufragaran en Bouzas, recadándose 900 pesetas. O programa foi o seguinte:

 

  1. Presentación a cargo do avogado Juan Amoedo Seoane.

  2. Rondalla

  3. Poema por Manuel Lustres Rivas, redactor de Faro de Vigo.

  4. Diálogo cómico “Un duelo pared por medio”, polos sres. Severo Rivas Gómez e Ramón Rodríguez Cabaleiro.

  5. Poema por Avelino Rodríguez Lustres, redactor de Faro de Vigo.

  6. Pido la palabra”, comedia, polos señores Crespo Álvarez, Telmo Bernárdez, Lafuente, Maximino Táboas y Mos.

  7. Rondalla.

  8. La huelga de los herreros”, monólogo por Juan Amoedo Seoane.

  9. Parada y fonda” polos xóvenes que forman o cadro de declamación do Centro Científico Deportivo (Eulogio Padín Lorenzo, Antonio Bernárdez Santomé, Jaime Mos y Francisco Criado).

 

 

 

1910, 13 de marzo. Celebrouse unha función teatral no Café América.

 

1910, abril. No Centro Científico Deportivo puxéronse en escea os xoguetes cómicos Las dos infancias e Noche toledana e o monólogo Tío Gervasio. Tamén actuou a rondalla.

 

1910, maio. Velada teatral no Círculo Católico. Para recadar cartos para a festa da Coca, no Café América houbo comedias, poesía e actuacións da rondalla.

 

1910, outubro. Puxéronse en escea varias comedias no Círculo Católico. Nos entreactos, o mestre Marcos Sotomayor interpretou varios temas ao piano.

 

1910, 30 de outubro. O Centro Científico Deportivo organizou unha velada no Café América no que actuou o cadro de declamación desta sociedade, co que actuaron mulleres por primeira vez. Puxéronse en escea as comedias Ojito derecho (Celsa Sánchez Cadavieco, Carmen Muíños, Ramón Muíños, Casiano Crespo, José Taboas Pardo, Ramón Otero e Leodegario Bujones), dos irmáns Quintero, e Entre doctores (José Taboas, Ramón Otero e Leodegario Bujones), dos señores Abate e Díaz. Ramón Rodríguez recitou o monólogo El Indulto. Tamén participou a rondalla Armonía, dirixida por Marcos Sotomayor. Interpretou o pasodobre Cabo primero, o vals-boston Cuando el amor muere, o fado Liró e a mazurca Gloria a las mujeres. O propio Sotomayor tocou o piano que acababa de mercar esta sociedade acompañado por un violinista de Vigo. Para rematar, o baile prolongouse ata as tres da mañá.

 

1910, decembro. O Centro Científico Deportivo organizou un festival no Café América no que participaron a Banda Municipal e a Rondalla. Levouse á escea a humorada cómico-lírica Los Africanitos. Outra obra, Los tres, estivo tan ben interpretada por Soledad Rodríguez, José Táboas e Jaime Mos, que tiveron que repetila. Outros actores que participaron foron: Adelaida Rodríguez, Ramón Rodríguez, Leodegario Bujones, Manuel Pérez e Bernardino Míguez. O coro estivo composto por Arcadia Pérez, Josefa Villanueva, Saladina Sanmartín, Celsa Sánchez, Carmen Muíños, Otilia Fervenza, María Rodríguez, Camilo Figueroa, Augusto Míguez, Roberto Sánchez, Casiano Crespo, Manuel Comesaña, Manuel López e Manuel Crespo. O diálogo O miñato e mais a pomba interpretado por Carmen Muíños e José Taboas. E a zarzuela Como está la sociedad. Os mestres de música e escea foron Marcos Sotomayor e Tomás Lago.

 

1910, decembro. No Círculo Católico representouse a zarzuela La lámpara de la virge, actuando as señoritas: Elena Cacheiro, Ester Cacheiro, Felisa Pozo, Ramona Fernández e María Arines; os homes: Eduardo Cuntín, Manolo Cacheiro e Rafael Cacheiro; e no coro as nenas e nenos: Mercedes Cacheiro, María Muíños, Soledad Sánchez, Paulina Sánchez, Carmen Bermúdez, Justa Mos, Hermitas Mos, África Otero, José Lago e Álvaro Sampedro. A comedia Avisos del cielo (Elena Cacheiro e Álvaro Sampedro). O sainete Miedo ridículo (Eduardo Cuntín, Severo Rivas, Ramón Lafuente e Manolo Cacheiro).

 

 1911, febreiro. O Centro Deportivo de Redondela programou unha velada dramática na que se puso en escea Las Campanadas e La leyenda del beso.

1912, xaneiro. A petición de moitos socios no Círculo Católico, dirixidos por Generoso Muíños e coa colaboración do mestre Sotomayor, representouse a zarzuela Los tres gorriones interpretada pola Srta. María Arines, os señores Rivas e Lafuente e a xóven Manuela Barros. O coro de doncellas estaba formado por Lucila Serín, Merceditas Cacheiro, Eufrasia Escariz, Beatriz Pérez, África Otero, Pilar Otero e Purita Arines. Completouse o programa coas zarzuelas El maldito dinero e Torear por lo fino, postos en escea por: Ramona Otero, María Arines, María Sánchez, Manuela Barros, Sr. Lafuente, Sr. Rivas, Manolo Cacheiro, Sr. Adán, Fermín Arines e Sr. Cuntín.

1912. Un cadro infantil de declamación ofrece unha velada teatral para recadar fondos para a Festa da Confraría do Señor de Vilavella. O mesmo farían os cadros do Círculo Católico e Centro Científico Deportivo que realizaron unha aportación para a Festa da Coca.

1912, novembro. O Círculo Católico organizou unha velada na que se representaron: El gorro frigio, Los asistentes e La viejecita; sendo moi aplaudidos todos os artistas. Formaban o cadro de declamación as señoritas María e Pura Arines, Barros, Escariz, Soledad, Josefina e Ernestina García, Pilar e África Otero, Abalde e Pérez; e os señores Eduardo e Evaristo Cuntín, Ramón e Fermín Arines, Villaverde, del Campo, Leirós, Adán, Becerra, Soto, Sánchez e outros.

1913, maio. O Centro Científico Deportivo representou no Circo Teatro da praza de Vicenti, en Pontevedra, as obras: Molinos de viento, Amor ciego e La huelga de los herreros.

1914, outubro. Os socios do Círculo Católico atopábanse ensaiando a zarzuela Los Madgyares, que habería de representarse na inauguración do seu novo local.

 

1915. No Centro Científico Deportivo púxose en escea a zarzuela Maña de los ángeles dirixida polo profesor Sr. Velaz e interpretado por África Cabaleiro, José Martínez, Benita Otero, Ramón Rodríguez, Aurelio Adán, Juan Docampo, Eulogio Padín e Antucho Bujones. En setembro dese ano no mesmo centro actuou a compañía de zarzuela e opereta dirixida polo Sr. Sanz.

 

1916, maio. No Centro Científico Deportivo celebráronse dúas veladas teatrais, sendo posta en escea La Tosca polo cadro de declamación desta sociedade. O salón quedouse pequeño e nas dúas funcións os xóvenes foron aplaudidísimos, distinguíndose a xoven África Otero no papel de Tosca, e os xóvenes Josesito Táboas e Antonio Bernárdez.

 

1916, novembro. O cadro de edclamación do Centro Científico Deportivo da dúas funcións representando El coro de señoras e El tambor de granaderos. Pola súa banda o cadro dramático do Círculo Recreativo desprázase a Arcade para representar La Pasionaria.

 

1916, decembro. No Nadal, sendo presidente do Centro Científico Deportivo Saturno Cal, organízouse unha velada teatral para recadar fondos a prol dos máis necesitados.

 

1921, 8 de decembro. O sacerdote Manuel Martínez e o procurador Generoso Muíños organizaron un festival para recadar fondos para o Aguinaldo del soldado. Celebrouse no Círculo Recreativo e actuaron o cadro de declamación e un novo orfeón dirixido polo propio Manuel Martínez. A cantidade acadada ascendeu ás 324 pesetas.

 

1921, 19 de decembro. Celebrouse no Círculo Recreativo unha velada teatral a prol dos pobres. Púxose de novo en escea Cristobalón e o xoguete cómico en dous actos Un drama de Calderón, de Muñoz Seca e Pérez Fernández. Actuou tamén o orfeón interpretando cancións tradicionais galegas e Canción del soldado.

 

1921, 19 de decembro. No Centro de Mariñeiros celebrouse unha velada a beneficio do "Aguinaldo do Mariñeiro", No festival participaron o orfeón da vila e un coro formado por fermosas xóvenes.

 

1922, febreiro. Celebrouse unha función na Liga Popular a beneficio da Asociación de Beneficencia. As obras postas en escea foron Flor de los Pazos, Cartas son cartas y papeles son papeles e El brazo derecho. O grupo de intérpretes afeccionados estaba formado polas señoritas: Maruja Mandado, Marcelina Docampo, Paulina Sánchez, Esmeralda Cal e Isabel Villar; e os xóvenes: Ramón Feijoo, Antonio Bujones, Paulino García, José Lago, César Campos, Pío Baltar, José Docampo, Amado Picón e o neno Bernardo Sánchez.

 

1922, marzo. No Círculo Recreativo, en marzo o cadro de declamación puxo en escea o drama de José Echegaray, De mala raza. Tomarán parte na velada o orfeón da vila e un terceto de piano, violín e frauta, que actuará nos entreactos.

 

1922, setembro. Actuaron no Balneario de Mondariz o orfeón e o cadro de declamación do Círculo Recreativo, xogándose ademáis un partido de futbol entre un equipo de Redondela e outro daquela vila. O cadro interpretou o drama De mala raza e o diálogo Macanás no más.

 

1922, novembro. No salón do Círculo Recreativo de Arte y Cultura, celebrouse unha velada teatral a cargo do cadro de declamación poñéndose en escea o drama de José Zorrila, Don Juan Tenorio.

 

1922, decembro. O cadro de declamación da Liga Popular deu comezo aos ensaios do drama de Dicenta, Juan José, que foi representado a prol dos pobres. Os principais papeis serán interpretados polos Sres. Taboada e Campos, e as simpáticas Carmen, Concepción e Concha Docampo.

 

1922, decembro. O cadro de declamación do Círculo Recreativo tamén ofreceu neses días unha función teatral a beneficio dos máis necesitados. Leváronse a escea as comedias La cartera del muerto e Noticia fresca. Destacaron nos seus papeis Carmen Casal e os señores: Martínez e Bujones Baltar.

 

Foto: cedida por Charly
Foto: cedida por Charly

 

 

1923, outubro. Comezaron os ensaios do Cadro de declamación do Círculo Recreativo, dirixido por Generoso Muíños Arines. A finais dese mes levouse a escea a comedia En clave de sol. En novembro teñen que aplazar a representación do drama de Zorrilla Don Juan Tenorio por enfermidade do actor afecceonado Joaquín Martínez. A obra é un éxito polo que volve a representarse en Redondela e estréase en Porriño, onde xa teñen actuado en varias ocasións.

 

1924, xaneiro. O cadro do Círculo Recreativo representou: La mala ley e Tranquilo y sereno.

 

1924, febreiro. Fundouse a sociedade Redondela Foot-ball Club, no mesmo local que ocupara a Liga Popular. Ese mesmo mes, púxose en escea a obra do poeta santiagués San Luis, titulada O fidalgo.

 

1924, marzo. O Círculo Recreativo programou unha serie de veladas teatrais a cargo do seu cadro de declamación, representando obras como "La mala ley", "La clave de sol" ou "Tranquilo y sereno".

 

1924, maio. O mesmo cadro presenta o drama de López Pinillos, La otra vida, e a comedia de Vital Aza, Los dos tocayos.

 

1924. De cara ao Nadal preparaba unha velada a prol dos pobres o recén creado cadro da Sociedad Agraria de O Viso, que estaba dirixida polo mestre Claudio Sotelo, que ademáis era presidente de dita asociación.

 

1925, maio. Celebrouse unha velada na Sociedad Agraria de O Viso, que estivo moi concurrida.

 

1925, xuño. O local da Sociedade de Agricultores do Viso quedouse pequeno para a cantidade de público que asistiu á velada teatral. Comezou o festival coa comedia "De pesca", interpretada polos nenos Amelia Míguez e Luis Parada. Logo "Macanas no más", de Pepe Tafall, estivo representada por Valentín López e Domingo Giráldez. Despois a señorita Belarmina Cabaleiro e os señores Porfirio Pereira, Ramón Martínez e Valentín López, levaron a escea "La aficción", de Piamuga. Finalmente o presidente da sociedade, Claudio Sotelo, presentou ao queridísimo paisano, Manuel Soto, violinista procedente do conservatorio D'andrea, de Buenos Aires, que foi acompañado ao piano polo profesor de música do Colegio de P. P. Jesuítas, de Vigo, José Iglesias.

 

1926, abril. O cadro de declamación da Sociedade de Agricultores do Viso, tributará unha homenaxe ao seu director, o mestre da escola de nenos desta localidade don Claudio Sotelo Loureiro, ao seu regreso das oposicións a escolas que se están a celebrar en Santiago.

 

1926, decembro. Na escola particular de Erundina Pérez, celebráronse dúas veladas teatrais ás que asistiron moitas persoas invitadas.

 

1930, 3 de maio. Aactuou o cadro de declamación da sociedade Veira d’o mar no Salón García a prol das familias dos náufragos de Bouzas e Redondela. Levouse a escea o diálogo de Rodríguez Elías, O miñato e mais a pomba, interpretada polos nenos Josefina Rodríguez e Generoso Becerra Bujones; e a comedia de Linares Rivas, Fantasmas.

 

 

1940, 21 de novembro. Promovida pola Organización Juvenil da Falange, representouse no Cine Imperial a comedia de Linares Rivas Lo pasado, o concluído o guardado. Interviron as señoritas Blanquita de Castro Arines, Jesusa Cabaleiro, Gela Vidal Avalle, Fermina de la Rosa e Maruja Cardalda Táboas; e os mozos Enrique Couñago, José Paz Villar, Carlos Torrado, Amado González e Santiago Fernández Soto, sendo apuntados por Serafín Gesteira Fernández e dirixidos por Bernardo Fernández Esteiro. Tamén participou a rondalla Los Calaveras. Tivo tanto éxito que houbo que repetir a función e meses máis tarde sería posta en escea en Pontecaldelas.

 

           1940, decembro. Representouse El Hogar de Fernández del Villar. Actuaron Blanquita de Castro Arines, Jesusa Cabaleiro, Maruja y Fermina de la Rosa, Maruja Cardalda, Gela Vidal, Isolinita Míguez e Manolita Pazos; acompañadas por Serafín Gesteira, Carlos Torrado, José Paz Villar, Enrique Couñago, Santiago Fernández e Carlos Contreras. Ademáis o xoguete cómico de Vital Aza De tiros largos, con Blanquita de Castro, Maruja de la Rosa, Berto Reboredo e Serafín Gesteira, apuntados por Manuel Míguez.

 

           1941, 30 de marzo. Interpretouse no Salón Nacional, propiedade de Paulino García, a obra de Linares Rivas La mala ley e La leyenda del beso de Reveriano Soutullo, con Finita Criado e Juan N. Cardama como figuras e a actuación da rondalla Los Calaveras.

 

           1943, 13 de novembro. O cadro artístico de Educación y Descanso actuou no Cine Redondela dando vida á comedia dos señores Paso e Sáez, titulada ¡Papanatas!. Destacar a laboura da señorita Lela Otero, que con Pilita Rodríguez e Pablo Ibarzabal, levou o peso da representación. A festa rematou con un vals, bailado polas artistas.

 

           1951, 28 de decembro. O Concello, en colaboración coas delegacións locais da Sección Femenina e o Frente de Juventudes, organiza un festival no Cine Redondela a prol dos nenos e anciáns acollidos ao Auxilio Social con motivo da festividade de Reis. Actuaron os grupos de coros e danzas da Sección Femenina, e o grupo teatral e a rondalla do Frente de Juventudes, completándose o programa coa proxección dunha película.

 

1952. Co fin de recadar fondos para a Festa da Coca escenifícase Los novios de mis hijas de Leandro Navarro e Un drama de Echegaray, ¡ay! de Luis Tejedor e Luis Muñoz Lorente. Actuaron Blanquita de Castro, Olimpia Conde Garnelo, María de los Ángeles Lueiro Urtaza, Margot González, Mary López Cardama, Pilarita Iglesias Ribadulla, María del Carmen Tejo Rodríguez, Lupita Sánchez Míguez, Lourdes, Figueroa Camiña, Rita Ramonet Figueroa, María del Carmen Blanco Lorenzo, Álvaro Casal Tuche, Luis Cuntín Táboas, Alfonso Conde Garnelo, Manuel B. Núñez, Laureano Araújo, Rodrigo Lueiro Urtaza, Jorge Vázquez Villasanta, Carlos Vázquez Fervenza e Roberto López Hortas; dirixidos por Mario Reboredo Rodríguez. Actuou a Rondalla de Educación y Descanso. A obra repetiuse en Porriño.

 

 

1954, 18, 19 e 20 de febreiro. Para recadar fondos para os pobres da vila, celebráronse no Cine Redondela varias funcións teatrais, poñéndose en escea a comedia entres actos dos irmáns Quintero, Las de Caín. A obra foi interpretada por un conxunto de mozas e mozos da nosa localidade. Completaba o programa un vello afeccionado que contribui con varios recitais de O Fidalgo.

            1955, xuño. Celebrouse no cine Fantasio a primeira función benéfica da Agrupación Teatral Redondela, dirixida por Mario Reboredo e co acompañamento ao piano de Víctor Ureña. Púxose en escea a comedia de Carlos Llopis Nosotros, ellas y... el duende. Os cantantes Jaime Tornero e Joaquín Migueles entonaron a romanza La tabernera del puerto, El niño judío e varias canción lixeiras. Pecharon o programa os cadros de ballet que interpretaron Dominó e Pavana. O éxito foi tal que se repetiu a actuación ao día seguinte.

            1958, setembro. O cadro de declamación do Centro Recreativo e Cultural dirixido por Mario Reboredo Rodríguez, puso en escea Los Marqueses de Matute.

 

 

Actuacións de compañías foráneas

            1892, xuño. Debutou no coliseo de Redondela a compañía do Sr. Fraile.

1895, setembro. Unha compañía de títeres ofreceu dúas ou tres funcións en Redondela, tendo pouco éxito.

            1901, maio. O xoves último anunciouse a toque de cornetín e bombo unha función ao aire libre de xogos de prestidixitación. Dispoñíanse os cómicos a entrar en acción, cando unha lexión de rapaces, alporizados pola tardanza, recibiron ós da troupe cunha descarga a queima cabeza de pedradas que deixaron o circo completamente deserto.

1901. Permaneceu en Redondela durante as festas, o Sr. Barbagelata, dono dunha brillante exposición de feras, que contaba entre outros con tres fermosos leonciños e un corpulento león do Cabo.

1910, 2 e 3 de abril. No salón do Café América actuou o ventrílocuo señor Sobra.

1910, agosto. Actuaron na praza Constitución durante varios días unha compañía de cómicos. Neste mesmo mes fixeron varias funcións na praza de Abastos unha compañía de acróbatas.

1910, 11 de setembro. Actuou no Casino o transformista Enrico Deusen, días despois fariao no Círculo Católico.

1919, marzo. O cadro artístico compostelano A Terriña presentou en Redondela o drama O Fidalgo.

1921, xuño. Actuou no Salón Recreativo a compañía dramática Eguidanos, “cosechando muchos aplausos y no menos cuartos”.

1922, xaneiro. Debutou no Círculo Recreativo a compañía do primeiro actor Sr. Coronel, poñendo en escea o drama de Guimerá, Tierra baja. Levado polo éxito actuou varios días.

1924, febreiro. No Círculo Recreativo actuou a compañía de Enrique Martí.

1926, maio. Organízanse a diario grupos para ir en coche a Vigo para asistir ás representacións no Teatro Tamberlick do glorioso actor español, Morano.

1926, outubro. Na Praza de Abastos unha compañía de teatro facía as delicias do numeroso público que diariamente acudía ao seu espectáculo.

1927, maio. No local social da Sociedade de Agricultores do Viso celebrouse un festival a cargo do cadro de declamación de Arcade.

1928, xullo. Polas noites entreténse o público na praza Constitución coas funcións que ofrecen uns cómicos.

1929, maio. Actúa por primeira vez en Redondela a Agrupación Artística de Vigo. O cadro de declamación estreará un diálogo do escritor Rogelio Riveiro. Tamén estreará o xoguete de Rodríguez Moledo, Castrapadas. Nun dos entreacotos o coñecido concertista Abelardo Díaz, dará unha audición de guitarra. O Coro Gallego interpretará un selecto repertorio de cantos rexionais, entre eles a escea coral e baile do segundo acto de Maruxa.

            1930, 1 de abril. No Salón do antigo Círculo Mercantil, unha compañía de opereta presenta con éxito La del Soto del Parral e, ao día seguinte, Los Gavilanes sendo tamén moi aplaudida.

             1930, 3 de abril. A compañía dirixida polo actor Juan Navarro puso en escea as obras La viejecita e El Santo de la Isidra. Ao día seguinte representou El niño judío.

             1930, 1 de xuño. Actuou no Salón García a compañía viguesa Xestas e Froles, representando a comedia de Linares Rivas, Cobardías e o drama Una limosna por Dios. Rematou a velada coa actuación dos paiasos Hermanos Clody.

              1931, agosto. Durante varias noites unha compañía ambulante celebrou funcións de varietés.

 1932, xullo. No Cinema Artístico unha compañía representa as obras Chicharra e Banda de trompetas, namentres, na Praza da República unha compañía ambulante representou funcións para todos os públicos.

             1932, agosto. Unha compañía ambulante representou polas noites funcións de varietés na Praza de Abastos.

1933, maio. Actuaron na praza Figueroa durante varios días un grupo de cómicos que ofreceron bonitos números de circo.

1933, setembro. Uns artistas de teatro pasan varios días en Redondela, sendo aplaudidos por todas as obras do seu variado repertorio.

1934, maio. A compañía de teatro Guerrero pretendía representar no Cinema da Travesía (actual rúa José Regojo) a obra El Divino Impaciente de Jose María Pemán, pero o representante da Sociedade de Autores, Jesús Sánchez Otero, prohibiu a representación por non ter o permiso correspondente, tendo que interpretar Los cinco lobitos.

1934, agosto. Actuaron uns comediantes na Praza da República sendo moi aplaudidos pola orixinalidade das súas actuacións e porque casi todos os traballos son en galego.

             1935, abril. No Nuevo Cinema actuou durante varios días a notable compañía de teatro Gómez-Aparicio. En todas as obras que representou recibiu numerosos aplausos da nutrida concurrencia.

             1956, En decembro. Actuación do grupo de teatro de Educación y Descanso de Vigo.

             1958, maio. Pouco antes das festas da Coca instalouse no Paseo da Ribeira o Teatro Fernando-Isabel.

             1961. No programa das festas da Coca recóllese a actuación de Maese Villarejo y sus muñecos.

              1970. Nas festas da Coca actúa o teatro-guiñol de "Tina Franci".

 

Texto:J. Migueles

Actualizado:20-01-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Don Ramón de la Cruz y sus obras. Ensayo biográfico y bibliográfico. Emilio Cotarelo y Mori.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El regional diario de Lugo, El Correo de Galicia, La correspondencia gallega (Pontevedra), El Diario de Pontevedra, Gaceta de Galicia, Marín, La Noche, El Noticiero de Vigo, El Pueblo Gallego, El Regional (Lugo), La voz de la verdad, El ideal gallego, La Integridad diario católico

Céltiga

El Heraldo de Madrid

Aportacións Suso Ben e Luisa Cayetano

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0