Emigrantes

Busto de Bernardo Fernández López. Homenaxe 2007 Foto: anteriores.eldiariocba.com.ar
Busto de Bernardo Fernández López. Homenaxe 2007 Foto: anteriores.eldiariocba.com.ar

Fernández López, Bernardo (Redondela, 1852)

En 1868 emigrou a Villa María, provincia de Córdoba, Arxentina. Moi preto fundou a cidade de La Playosa. Rexistrouse oficialmente o 1 de xullo de 1904, se ben se considera que foi fundada en outubro de 1903. Hoxe en día esta poboación conta con algo máis de 2.000 habitantes. Nesta vila, ademáis de adicarlle unha rúa, erixíronlle un busto ante o que aínda se conmemora o día da súa fundación. Ademáis converteuse en benefactor de Villa María, como así llo recoñeceu o xornal “La Lucha” en xullo de 1910 por medio dun artigo acompañado da súa foto.

Xa maior voltaría a Redondela, onde descansaría na súa posesión “VillaRedondela”.

A súa filla, María Teresa Fernández Vogino, casouse con Enrique Martínez Berrotarán, quen foi vicepresidente de Arxentina e que ocupou a presidencia interinamente (Ver Persoeiros> Redondeláns de Adopción).


Figueroa Montero, José (Redondela 11-07-1880 / Vigo, 15-09-1912)

Trala morte do seu pai, veuse na obriga de emigrar e o 20 de maio de 1894 marchou a Río de Janeiro (Brasil). Comezou en traballos humildes na hostalaría e acabou sendo propietario de 3 restaurantes. Presidiu a Asociación de Hijos de Redondela creada  en Río de Janeiro (Brasil) en 1910, e o Casino Español, na mesma cidade. Destacouse no Brasil pola súa iniciativa en todos os asuntos rexionais, entre eles a de recadar fondos para construir un hospital en Redondela.

Involucrouse na vida política da nosa vila formando parte de Los Jóvenes Turcos (Ver Colectivos e asociacións ata inicios s. XX).

Nunha das súas visitas a Galicia prométese coa señorita Carmen Membiela, mais pouco despois da voda falece repentinamente en Vigo o 15 de setembro de 1912. Tan só dous días despois, o 17 de setembro de 1912, unha céntrica praza de Redondela recibiu o seu nome. En 1918 inaugúrase na Xunqueira o Grupo Escolar José Figueroa, edificio cedido pola Asociación de Hijos de Redondela na súa honra.

 

Giráldez Pazó, Avelino (Redondela)

            Emigrou a Villa María (Arxentina) onde fixo fortuna. De volta en Redondela, chegaría a ser alcalde do noso Concello en dúas ocasións ademáis de concelleiro durante varios anos. Tamén presidiría varios colectivos:  Junta local de Caminos Vecinales del distrito de Redondela, Asociación de Beneficencia, Cuerpo de Exploradores, Liga de Propietarios… Presidente honorario do Círculo Recreativo.

            A finca da súa opulenta mansión situada preto da casa do concello converteuse nos anos 20, no lugar onde se celebraban banquetes e homenaxes como os recibidos polo delegado do goberno, José del Río Jorge.

 

Benigno F. González-Foto Galeguismo e sociedade na Redondela da II República
Benigno F. González-Foto Galeguismo e sociedade na Redondela da II República

González, Benigno F. (Trasmañó)

            Emigrante retornado que gastou os seus aforros en melloras para a súa parroquia. Ademáis de axudar ós veciños con menos recursos, arreglou un camiño, construiu unha casa-escola e unha edificación para a Sociedade Agraria de Trasmañó “La Predilecta”.

Despois da súa morte, en febreiro de 1934 fixéronlle unha homenaxe. A debandita sociedade esperou na estrada ás demáis sociedades agrarias do distrito, ao ex-diputado a Cortes Alfonso R. Castelao e ao secretario do Partido Galeguista Alejandro Bóveda. Precedidos da banda de música de Redondela e das bandeiras republicana e galega, dirixíronse á casa natal do homenaxeado na que Castelao deu unhas verbas e descubriu unha lápida na súa memoria. Logo, gardaron uns minutos de silencio. Máis tarde, sería Alejandro Bóveda o que falaría na escola seguido da interpretación do himno galego cantado por nenos e nenas da parroquia.  

 

González Táboas, Manuel (Redondela, 1911)

En 1928 era presidente do Casino Español de San Lorenzo de C. Grande (Paraguai).

Movilla Rodríguez, Casimiro (O Viso)

Na “Asociación Galaica de Socorros Mutuos de Lisboa”, figuran en 1906 como comerciantes de ultramariños, Casimiro Movilla e irmán.

En 1911,  xa en Brasil, era vicecónsul de España e Maceio. Nomeado alcalde de Redondela en 1923, tralo golpe de estado de Primo de Rivera. Deixou axiña o cargo alegando ter que regresar a Brasil. En xullo de 1932, volta a asumir a alcaldía de Redondela, cando o alcalde Florencio Soto asistiu á asamblea de redacción do Estatuto Galego.

Movilla Rodríguez, Emilio (Soutoxuste-O Viso)

Irmán do anterior. En decembro de 1908 constituiuse en Lisboa a agrupación Juventud de Galicia. O redondelán Emilio Mobilla Rodríguez, formaba parte da xunta directiva como tesoureiro. Tamén participa como compoñente da rondalla desta sociedade.

Padín Lorenzo, Eladio (Redondela)

En 1926, secretario do Centro Galaico de Pará.

 

 

Sequeiros Da Riba, Constantino (O Viso)

            Emigrou a Río de Janeiro (daquela capital de Brasil) onde acadou unha posición acomodada como comerciante a principios do século XX. Eloxiado na prensa da época pola súa laboura naquel país como presidente da Cruz Vermella en Brasil e na directiva de varias sociedades  de Río de Janeiro como o Casino Español, do que tamén foi presidente,ou o Centro Gallego. Coa súa esposa tomou parte activa en iniciativas como a suscrición en beneficio das familias dos reservistas e dos mortos na guerra de Melilla. Tampouco se esqueceu do Viso, onde pasaba largas tempadas, realizando doacións á sociedade agraria e ás comisións de festas.

                       

           

Sotelino Táboas, Antonio (O Viso)

            Rico comerciante de Río de Janeiro, que nunca se esqueceu da súa parroquia natal. No Viso casou en 1928 con Josefina Táboas López e alí construiu unha imponente mansión. Colaborador asiduo das festas parroquiais, tamén prestou a súa axuda á Sociedade Agraria do Viso e sufragou o remate das obras do palco da música. Tamén colaborou no proxecto da construcción dun hospital en Redondela, que finalmente daría lugar á construcción do Grupo Escolar José Figueroa.           

Ante a imposibilidade de poñelos a todos, continuación engado unha galería con fotos doutros emigrantes:

Texto: J. Migueles

Actualizado: 01-06-2015

Escribir comentario

Comentarios: 0