Militares.

 

Crespo Martínez, Alfonso

            Tenente coronel falecido en 1966.

 

Gil de Avalle, Benito

            Nado arredor de 1760. Auditor de Mariña do Departamento de Ferrol.

 

Gil de Avalle Valladares, Jacobo (Redondela, 25-7-1783/ ¿?, 1871)

            Fillo do anterior. Mariscal de Campo e Subnspector General de Artillería entre 1835 e 1838,na Habana (Cuba).

 

 

Márquez, Diego Ventura (Redondela, 1784 / ¿?)

            Membro do exército que defendía os dereitos de España en México. Capitán de dragones del Presidio del Príncipe.

 

Pereira, Ignacio Manuel María (Reboreda, 17-11-1784/Arcos, 24-4-1830)

            Señor da Casa de Reboreda e da Casa de Castro (Arcos) na que morreu. Pai de Juan Manuel Pereira (Ver>Persoeiros>Política). Sen preparación militar tomou parte como caudillo de milicianos na loita contra os franceses na reconquista de Vigo e a batalla de Pontesampaio.En agosto de 1809 é nomeado Capitán do 2ºRexemeno de Infantería do Riveiro, máis o pouco tempo concédenlle o retiro por problemas de saúde. A súa sona chegaría durante o Trienio Liberal. Exerce primeiro de vocal e logo de Vicepresidente da Xunta Apostólica de Tui. Nomeado 2º Comandante das forzas Realistas de Galicia, trala captura do “barón”, convértese en Brigadier e, en xaneiro de 1812, en Comandante General de la División del Miño. Anos despois a Regencia de Urgel (contragoberno no exilio) confirmouno como tenente de infantería con antigüedade de 27 de decembro de 1820.

            Soldados gubernamentais devastaron as súas propiedades da Casa de Reboreda para privalo de recursos. O xulgado de Vigo condeouno a morte é o embargo de haberes, e ata se tentou levar á súa muller e fillos a Vigo para obligalo a renderse.

            Rematada a guerra civil o Xeneral Morillo deixao na cidade auriense ó mando do Corpo de Voluntarios Realistas de Galicia, co que se traslada a Lugo e Santiago.En decembro de 1824, ratifícano como comandante e concédenlle a Cruz de Primeira Clase e a de Fidelidade Militar. En abril de 1825 ascende á Xefatura do Rexemento Provincial de Ourense, sendo encargado da vixilancia da fronteira con Portugal en outubro de 1826. Promovido en xaneiro de 1827 á titularidade do de Pontevedra marcha de guarnición a varias cidades galegas ata que en agosto de 1828 é disolto en provincia. En xullo de 1829 accede ó mando do Provincial de Tui.

 

Rodríguez Cotta, Juan (Vilavella-Redondela, ¿? – Asunción (Paraguay), 1705)

            De orixe nobre era fillo de Bartolomé Rodríguez Cotta e Isabel González. Despois de residir en Santiago e Madrid, e sendo capitán partiu para Buenos Aires acompañando ao que sería novo gobernador daquela cidade, do que informa ao Rey por carta o 16 de agosto de 1678. Casou en 1679 con Antonia de la Serna y Salazar, viúva. En Arxentina desempeñou o cargo de Capitán dunha das compañías de infantería da guarnición da praza de Buenos Aires. En 1696 foi nomeado Gobernador e Capitán Xeneral de Paraguay, cargo no que tivo que reprimir a sublevación dos guaycúrues. Faleceu na cidade de Asunción en 1705.

 

Brasón de Leoncio Rubín no Pazo Torres Agrelo. Foto:  Pazos y torres de la provincia de Pontevedra
Brasón de Leoncio Rubín no Pazo Torres Agrelo. Foto: Pazos y torres de la provincia de Pontevedra

 

Rubín de Celis y Oroña, Leoncio (Redondela, 1810)

            Xeneral destacado na Guerra de África. Era tío do xeneral Antero Rubín Homet e gran amigo dos xenerales O’Donnel, Prim e Concha e dos marqueses Vega de Armijo e del Pazo de la Merced.

En 1843 destacouse como brigadier nos sucesos de Barcelona. Convertiuse en Xefe do 2º Corpo do Exército levantado en armas na insurreción de 1846. Constituida a Xunta de Goberno provisional de Galicia, o 15 de abril, el e Miguel Solís, que comandaba o resto do exército, foron nomeados Mariscales de los Ejércitos Nacionales. Deste xeito equiparábase ós dous militares, pero tan só 7 días despois Solís é elexido Capitán General de Galicia. A revolución rematou co fusilamento de Solís despois de rendirse en Santiago. Pola súa partee Leoncio Rubín, que fora incapaz de conquistar Ourense, exiliouse a Portugal polo que foi tachado de traidor á causa polos seus contemporáneos.

A seguinte noticia que atopo é cando entre 1849 e 1851, sendo brigadier, dirixe unha sociedad de militares que publica a Biblioteca Militar Portátil.  Era una colección de 25 tomos que recollía as mellores obras antiguas e modernas, nacionais e extranxeiras pertencentes á arte da guerra.  

En outubro de 1854 foi trasladado da Comandancia de Pontevedra á de Alacante.

O 20 de agosto de 1856, é relevado como Brigadier Comandante Xeneral do mando civil da provincia de Almería. O 14-7-1858, xa como Mariscal de Campo é nomeado 2º Cabo de Castilla la Vieja. Entre 1859 e 1860 o xeneral Leoncio Rubín participou na Guerra de África na que sustituiu ó xeneral Prim ó mando da División de Reserva. O 27 de enero 1863 é nomeado Capitan General de Extremadura. E o 18-7-1865 Capitán General de Granada, cargo que deixaría un ano despois.

No referente á política  foi Deputado ás Cortes polo distrito de Pontecaldelas en 1854 e reelexido en 1863 e 1864. En 1865 foi elexido deputado a cortes por Vigo, sendo reelexido en 1869.

  En 1860 concedéuselle a Gran Cruz de Carlos III. En Redondela construiu o Pazo de Torres Agrelo no que se conserva un brasón coas súas armas.

 

Rubín Homent, Antero (Evasio) (Redondela, 3 decembro 1853-Ourense, 1935)

Fillo do xeneral Evasio Rubín. Aos 14 anos ingresou no exército como soldado voluntario falsificando a súa partida de nacemento. Participou na III Guerra Carlista, nas Guerras Pequena e Grande (Cuba) e na Guerra de Independencia de Cuba.

En 1869, con tan só 16 anos marcha voluntario por primeira vez a Cuba como cadete, voltando un ano despois como Cabo primeiro. De volta en España prosegue os estudos militares en A Coruña. Cadete de corpo no Reximento de Murcia, cooperou a sofocar a insurrección republicana do arsenal do Ferrol, sendo ascendido polo seu comportamento a Alférez e acadando a Cruz Vermella ao Mérito Naval.

Preséntase tamén voluntario á campaña do Norte contra a insurrección carlista, participando nas batallas de Estella e Somorrostro. Polo seu heroico comportamento nestas accións é ascendido e nomeado Comandante Militar de Tui.

En decembro de 1894 é ascendido a Tenente Coronel. Meses despois solicita o pase a Cuba e aos poucos días de chegar a illa, no Potrero de Las Varas con 700 homes enfrentouse a 3.000. Despois de ser ferido nunha perna, montou no seu cabalo levando ao seu batallón á victoria. Foi recibido coma un heroe á súa volta, sendo ascendido a Xeneral de Brigada. Unha vez reposto das súas feridas, embarcouse novamente cara a Cuba. Alí distinguiuse en varias accións, recibindo aCruz Vermella de 1ªclase do Mérito Militar.

En 1904 é nomeado Xeneral da Primeira Brigada da Primeira División. En 1908 é ascendido a Xeneral de División e ese mesmo ano é nomeado Inspector das Tropas de Galicia. En febreiro de 1910 é nomeado Subinspector de Zaragoza. En 1911, Inspector General de las Comisiones Liquidadoras. Tamén foi Gobernador Militar de A Coruña, Zaragoza e Bilbao.

En 1915 problemas de saúde obríganlle a deixar o cargo de Conselleiro do Consello Supremo de Guerra e Mariña. En 1917 foi nomeado Capitán Xeneral da 8ª Rexión Militar (Asturias, León e Galicia). Baixo o seu mandato realizouse a construcción do Cuartel Militar de Campolongo (Pontevedra). Pasou á reserva en 1923.

Entre as medallas e condecoracións que recibiu podemos citar: Gran Cruz Roja del Mérito Militar; Cruces de María Cristina, Isabel la Católica, Encomienda de Número de Carlos III e varias portuguesas; Grandes Cruces de San Hermenegildo, del Mérito Naval e del Dragón de Annán; e medallas de Alfonso XII, Alfonso XIII e guerras de Cuba.

A nivel político definiuse como agrarista, sendo elexido Gobernador Civil de Oviedo (1901), Deputado ás Cortes por Quiroga (Lugo) (8-3-1914) e Senador pola provincia de Zamora (1921-22). Por dúas ocasións fracasou na loita co caciquismo local no intento de ser Deputado a Cortes pola súa vila natal, a pesares do contar co apoio das Sociedades Agrarias, a Sociedade de Mariñeiros e a Sociedade de Obreiros. Cando se coñeceu o resultado das eleccións de 1910 vestido de paisano, ensinando a súa faixa de Xeneral e co apoio de Fernando Alfaya Pérez evitou que as tropas cargaran contra os mariñeiros e traballadores que se manifestaban na actual Praza da Constitución.

En 1927 acordouse darlle o seu nome a unha rúa en Redondela, mais non se fixo efectivo ata o 21-4-1929. Fixeron o propio en A Coruña, Monforte, Pontevedra e Tui. Tamén foi nomeado fillo adoptivo de Redondela, A Coruña e Tui.


Sampedro Fontenla, Francisco (Redondela, s. XIX)

            Antepasado directo de Casto Sampedro. Capitán Provincial de Tui en 1816. Na Guerra da Independencia tomou parte nas accións de Santiago, Pontesampaio e Ponte Caldelas. Máis tarde, Coronel condecorado en S. Marcial, en 1813 e Tolosa (Francia), en 1814.

 

Pazo de Orban, pertenceu Francisco Taboada Foto: www.absolutourense
Pazo de Orban, pertenceu Francisco Taboada Foto: www.absolutourense

Taboada y Ulloa, Francisco (Redondela 10-8-1648)

            Sucesor da Casa de Orbán. Militar que ós 20 anos marcha a Flandes onde alcanza a graduación de Maestre de Campo. De volta a España convértese en Gobernador de la plaza de La Coruña, cargo que desempeñou durante moitos anos. No arquivo do Pazo de Santhomé de Freijeiro consérvase unha carta, con data do 5-8-1706, na que o rei Luis XIV de Francia lle agradece o envio duns documentos.

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 06-04-2015

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Miniatura de Francisco Sampedro y Fontenla, héroe de la Guerra de la Independencia. Artigo en museodepontevedra.es de:Natalia Fraguas Fernández

 

Conservadora del Museo de Pontevedra

 

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)

 

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

 

SEREN: Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

Unidade didáctica. Persoas que dan nome as rúas e prazas de Redondela. Xose Manuel Moreira Docampo. (Inédito. Fondos da Biblioteca de Redondela)

 

Boletín de la Real Academia de la Historia: Volúmenes 76-77

 

Ilustrados en la Nueva España: los socios de la Real Sociedad... – Pág. 260. María Cristina Torales Pacheco - 2001

 

A Revolución galega de abril de 1846. Temidos e respectados. Manuel Mera

 

Wikipedia>Miguel Solís

 

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego, La Oliva, El Diario de Santiago, Almanaque Gallego, La Región, El Compostelano, Galicia, El País, El Correo de Galicia, La Integridad, El Diario de Pontevedra, El Norte de Galicia, El Regional, La correspondencia gallega, El Áncora, Fomento de Galicia, El Miño

 

Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => La Correspondencia de España

 

Google books=>

 

Diario de los sucesos de Barcelona en setiembre, octubre y noviembre de 1843‎ - Página 60Escrito por Unos Testigos Presenciales - 1843

 

Boletín de la Revista general de legislación y jurisprudencia ..., VoL. 6‎ - Pág. 269

 

Ignacio Miquel y Rubert, Madrid (Spain). Colegio de abogados - 1856

 

Diccionario general de bibliografía española‎ - Página 275 Volumen 1. escrito por Dionisio Hidalgo, Manuel F. Hidalgo - 1862

 

Gaceta del notariado español‎ - Página 440 Vol. 7. 1858.

 

Diario de un testigo de la guerra de África  Escrito por Pedro Antonio de Alarcón. Luarna ediciones 2009.

 

Boletín de la Revista general de legislación y jurisprudencia: periódico ...‎ - Página 61Vol. 18. Ignacio Miquel y Rubert, José Reus y García, Madrid (Spain). Colegio de abogados –1er semestre 1863.

 

Faro nacional‎ - Página 91Colegio de Abogados de Madrid, Real Academia de Jurisprudencia y Legislación (Madrid), Sociedad de Socorros Mutuos de los Jurisconsultos (Madrid) - 1865

 

La justicia: revista peninsular y ultramarina de legislación, jurisprudencia y administración pública Vol. II 2º semestre 1866

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0