Política.

Javier Alfaya. Foto: Ver enlace
Javier Alfaya. Foto: Ver enlace

 

Alfaya Rodríguez, Francisco Javier Ulpiano (Redondela 31-6-1956)

Emigrou a Brasil en 1963 con tan só 7 anos. Estudou Arquitectura na Universidade Federal da Bahia-UFBA. Cursa mestrado en História e Teoria da Arte, Escola de Belas Artes, UFBA. Presidente do Diretório Acadêmico de Arquitetura, 1977, secretario xeneral e presidente do Diretório Central dos Estudantes-DCE, UFBA, 1979. Diretor de Cultura da União Nacional dos Estudantes-UNE, 1980 e presidente, UNE, 1981-1982.  Xefe do departamento de Assessoria Parlamentar da Assembléia Legislativa da Bahia (1986-87). Suplente do deputado estadual polo Partido Comunista do Brasil-PCdoB, 1987-1991. Elexido vereador (concelleiro) en Salvador, 1989-1992, reelexido en 1993-1996, 1997-2000 e 2001-2004, renunciou no 2003. Suplente de deputado federal, 1999-2003. Deputado estadual por Bahía, 2003-2007; reelexido en 2007-2011. 

http://www.al.ba.gov.br/v2/biografia.cfm?varCodigo=24
http://www.mme.org.br/

 

Foto: Arquivo Alén Nós
Foto: Arquivo Alén Nós

Amoedo Seoane, Juan (Redondela)

Irmán de Manuel (Ver Persoeiros>Outros) e descendente de John O’Dogherty (Ver Persoeiros>Adopción)

Avogado de profesión, chegaría a ser decano do Colexio de Avogados de Vigo. Redactor dos xornais de Redondela “La Idea” e “La Opinión” (Ver Historia>Xornais). É unha das figuras principais do agrarismo galego de princípios do século XX, formando parte da agrupación “Los Jóvenes Turcos” (Ver Historia>Colectivos Principios S.XX). Participou activamente nos movimentos antiforais.

En 1914 e 1916 presentouse a deputado a cortes por Redondela co respaldo das sociedades agrarias, sendo derrotado polo caciquismo da época nas figuras de Francisco de Federico Martínez e o seu fillo, nunhas eleccións cheas de irregularidades. Nas seguintes convocatorias participaría activamente a prol da candidatura do Sr. Zulueta (Ver Cargos Públicos>Deputados a Cortes) por Redondela. Nesta época convértese no xefe provincial do Melquiadismo, o que non lle impide presentarse en 1923 como candidato reformista por Póvoa de Trives, onde tampouco tivo sorte, denunciando novamente numerosas irregularidades.

A súa carreira política tocaría fondo cando en 1933 se alían radicais, reformistas e monárquicos contra as forzas de esquerda. O rexeitamento por parte das forzas agrarias chegou ata tal punto que, nun mitin en Redondela no que exercía como orador xunto a Emiliano Iglesias e Millán, foron tan duramente increpados que tivo que acudir a garda civil a controlar a situación.

           

Bernárdez Santomé, Telmo (Redondela, 10-04-1885/11-11-1936 A Caeira (Pontevedra)

            Médico municipal e alcalde de Redondela.

A principios do s. XX era redactor dos xornais de Redondela “La Opinión” e “Gente Nueva” (Ver Historia>Xornais). Licenciado en menciña o 7 de maio de 1907., formou parte de “Los Jovenes Turcos” (Ver Historia>Colectivos principios S. XX) Implicado na causa agraria, en abril de 1910, co tamén médico Pereira, acompañou a unha comisión de agriultores, nunha visita en Pontevedra ao Governador Civil, sr. Boente, co fin de pregarlle o despacho do reglamento da nova sociedade agrícola de Soutomaior. Nomeado fiscal municipal suplente en 1910 e xuíz municipal suplente en 1917.

Tralas elección de 1915 convértese en concelleiro de Redondela. En outubro dese ano participa activamente na Vi Asemblea Agraria en Redondela. O caciquismo da época impediu o seu nomeamento como alcalde en 1922, sendo nomeado Buenhijo Pérez Sobrino ante o enfado dos 13 concelleiros agrarios que eran maioría, e quedando Telmo Bernárdez como 1º tenente alcalde. Non sería ata o 14 de febreiro de 1923, cando foi elexido por unanimidade da corporación alcalde de Redondela. Tentou daquela presentarse a deputado provincial sendo anulada a súa candidatura por incompatibilidade co cargo de alcalde. Poucos meses despois sería  destituido da alcaldía tralo golpe de Estado de Miguel Primo de Rivera.

O seu prestixio como médico queda patente cando en 1925 para estudar a modificación do reglamento do Colexio de Médicos da provincia, nomeouse unha ponencia formada por Martín Lago Paz, de Vigo; Manuel Paz Varela, de Mos; e Telmo Bernárdez, de Redondela. En 1932 reuníronse en Vigo os médicos da Compañía del Norte, chegando ao acordo de constituir a Asociación de Médicos de los Ferrocarriles del Oeste, sendo elexido Telmo Bernárdez, como médico da Sección de Redondela, para levar as aspiracións dos alí reunidos a unha asamblea que se celebrará o día 30 en Salamanca.

En 1926 pasa a presidir o Casino de Redondela (Ver Historia>Colectivos principios S. XX) e posteriormente foi nomeado Subdelegado de Sanidade. Ademáis foi Delegado do Estado na Confederación Hidrográfica do Miño e Vocal suplente rexional do Tribunal de Garantías Constitucionais. 

Participa activamente na campaña de Luis de Zulueta para deputado a cortes por Redondela-Pontecaldela. Convertiuse en presidente do Centro Republicano de Redondela, estando presente na constitución da Federación Republicana Gallega. Durante a República pasou a militar en Izquierda Republicana, da que chegou a ser Xefe provincial. En abril de 1936 foi nomeado Compromisario pola circunscrición de Pontevedra na elección do segundo presidente da República. En maio dese ano, representou ao Concello no plebiscito sobre o Estatuto Galego. Logo presentariase como Deputado pola provincia de Pontevedra, non conseguindo o escano. Tralo alzamento do 19 de xullo, acudiu a Pontevedra a informarse da situación. Ao seu regreso tranquilizou á xente, tanto en Arcade e Redondela, e persuadiu aos máis alporizados para que marcharan ás súas casas.

Tralo inicio da Guerra Civil, estivo preso en Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra. Finalmente sería fusilado na Caeira (Pontevedra) o 11 de novembro de 1936. Estes feitos levaron á súa familia ao exilio. Déronlle o seu nome á actual rúa José Regojo en 1931 e en 1979 á rúa actual.

 

López Vázquez Ballesteros, Ramón María (Vilavella 29-05-1807/ ¿?, 1868)

            Colexial de Fonseca. Membro da Audiencia de Cáceres en 1833. En 1839 era Maxistrado Decano da Audiencia Territorial de Oviedo. Membro do Partido Moderado. Elexido Deputado a Cortes pola circunscripción de Pontevedra en 9 ocasións (as 4 últimas polo distrito de Tui) entre 1837 e 1851. Senador Vitalicio 1861-1862. O 30 de outubro de 1857 é nomeado Presidente da Sala do Tribunal Supremo de Xustiza, xubilándose en 1869. Supernumerario da Orde de Carlos III en 1846 e Gran Cruz en 1864. Comandante.

 

López Vázquez Ballesteros, Joaquín.

Irmán do anterior. Deputado a Cortes 3 veces pola provincia de Pontevedra (1843-44 e 51) e 1 pola de Ourense (1844). Supernumerario da Orde de Carlos III en 1830.

Rogelio Martínez. Foto Ver enlace.
Rogelio Martínez. Foto Ver enlace.

 

Martínez Barreiro, Rogelio (Cesantes, 4-10-1923)

Tivo que exiliarse no 1941, sendo aínda adolescente, estableceuse en Uruguai despois de pasar por Francia e Arxentina. En Montevideo reencontrouse co seu pai, mariñeiro que no 1936 se atopaba fóra de España, negándose a voltar pola súa ideoloxía Republicana. Pasou por diferentes traballos ata conseguir o título de maquinista naval co que puido empregarse nun pesqueiro. Foi membro do comité central do partido Comunista uruguaio. Publicou en España unha crónica en tres tomos sobre o exilio español en Uruguai: “Los exiliados españoles en Uruguay”. Ed. Endymion ISBN: 978-84-7731-450-9

http://www.elpais.com.uy/07/10/20/pciuda_309323.asp

Otero Fernández, Alejandro (Redondela 14-12-1888 / México26-6-1953)

Médico xinecólogo, profesor desta especialidade na Universidad Central de Madrid. Despois seía catedrático de Obstetricia na Universidade de Granada, da que sería nomeado rector o 29 de novembro de 1932. Socialista e membro da UGT foi Concelleiro na cidade de Granada, Deputado a Cortes por Granada e Pontevedra (1931) e Subsecretario de Armamento durante a Guerra Civil. Exiliouse a Francia, onde formará parte do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), e México, onde se convertiu no Xefe do Servicio de Xinecoloxía do Hospital Español e foi membro fundador da Sociedade Mexicana de Obstetricia e Xinecoloxía, da Unión de Profesores Universitarios Españoles no Extranxeiro e un dos médicos da Casa Presidencial mexicana. En canto á súa actividade política foi vicepresidente do Partido Socialista en México. Ofrecéronlle voltar a España, ó que se negou mentres gobernara Franco. Faleceu en 1953, ó ano seguinte os seus restos serían trasladados ó cemiterio dos Eidos.

A principios dos anos 30 deuselle o seu nome a unha rúa en Redondela (actual rúa Reveriano Soutullo), que rápidamente foi cambiado co xiro da situación política en España. O 2013 foi declarado polo Concello de Redondela “Ano Alejandro Otero”, entre os actos celebrados vólveselle a por o seu nome, desta volta a unha praza, que formaba parte da Rúa Alfonso XII.


Pereira de Castro, Juan Manuel (Reboreda, 24-5-1820 / Barbañas (Ourense), 15-4-1896)

Fillo de Ignacio Manuel Pereira (Ver Persoeiros>Militares). Señor da Casa de Reboreda, pazo no que naceu e se criou (Ver Arquitectura civil), e da Casa de Castro (Arcos-Ponteareas).

Progresista e republicano comezou a súa andaina política sendo derrotado en 1846 ao presentarse para deputado a cortes por Pontecaldelas. Resarciuse ao ano seguinte sendo elexido Deputado ás Cortes por Ponteareas (1847-50). Neste periodo  instrúese un proceso contra el, acusado de “haber dirigido en el mes de agosto de 1848 una proclama a los habitantes de Galicia y al ejército, incidiéndole a la rebelión contra el gobierno instituido”. Para o bienio progresista (1854-56) é elexido Gobernador Civil de Pontevedra. Non termina o seu mandato porque ao pouco de ser nomeado, a protesta da súa actuación por máis de 300 vigueses, en representación dos diversos estamentos sociais e económicos da cidade olívica, provocan a súa destitución.

Encarceado o 19 de maio de 1868 no cárcere de San Antón, acusado de conspiración por reunirse o ano anterior co xeneral Prim en Londres. Estaban a preparar a Revolución de 1868, máis coñecida como a Gloriosa. Coa victoria de Prim e o pronunciamento da Coruña o día 29, sería posto en liberdade, presidindo a Xunta de Goberno daquela cidade. Esta xunta sería sustituida ao día seguinte polo que non chegaría a exercer dito cargo.

En 1868 a proposta dos veciños adícanlle unha rúa en Ourense. Ao ano seguinte é nomeado Governador Civil de Zamora (1869-71).  O 30-10 de 1869 foille concedida a Gran Cruz de Isabel La Católica, en cumprimento da lei vixente e votada polas cortes constituintes. Rexeitou outras distincións como a Cruz de Carlos III, que en 1871 lle ofreceu o Ministro de Estado, por ser concedidas por iniciativa dun cargo público e non darse as condicións na elección que se daban na anterior.

En marzo do 1871 accede ao cargo de Deputado a Cortes por Redondela, deixandoo en agosto por ser nomeado Enviado Extraordinario e Ministro Plenipotenciario no Imperio da China e nos Reinos de Siam e Annam. A resultas das viaxes propias do seu cargo recibe o Gran Cordón, concedido pola Coroa de Siam, e publica en 1883 Los Países del Extremo Oriente, libro que amosa os costumes, paisaxes e tradicións destes pobos. No antigo Casino de Redondela existía unha foto na que podía verse a Juan Manuel Pereira sobre un elefante branco.

Neste periodo sería nomeado Senador por Pontevedra (1871-1872) e Ourense (1872-1873), cargos que non exerceu por atoparse fóra de España. Trala abdicación de Amadeo I de Saboia, renuncia como embaixador, non sendo admitida durante o governo de Estanislao Figueras (11-2 ao 11-6-1873).

Coa chegada da I República, en 1873 voltaría a ser elexido Deputado a Cortes por Redondela, sendo agora sí, admitida a súa dimisión na embaixada. No 1875, coa restauración da dinastía borbónica, retírase da vida política fixando a súa residencia en Ourense e pasando os veráns no Pazo de Reboreda. Faleceu na súa casa de Barbañas (Ourense) aos 76 anos, sendo enterrado en Reboreda.

En1931, durante a II República, adicóuselle unha rúa en Redondela. En 1962 Otero Pedrayo publicaría a novela O Señorito da Reboraina baseada na súa vida.

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 25-05-2015

Escribir comentario

Comentarios: 2
  • #1

    juan carlos (viernes, 28 diciembre 2012 20:31)

    Me gustaria recivir informavion de ignacio manuel pereira de castro.
    Gracias.

  • #2

    Anecdotario (viernes, 25 enero 2013 16:19)

    Escribeme ao e-mail, senon non podo contactar contigo.