A Ruta da Auga. Cedeira - Cabeiro.

           Sendeiro lineal de 3 km. Pista forestal ampla cun pequeno tramo de asfalto ó final do recorrido. Sen desniveis de consideración discorre paralelo ó val do Maceiras, chegando ata o barrio Igrexa de Cabeiro e terminando na estrada Redondela-Peinador. Conta con dúas áreas de descanso:

A primeira, na parroquia de Negros, é un mirador que conta cunha fonte, bancos e mesas. Neste punto temos a opción de acercarnos ata o Castro de Negros, collendo unha costa bastante pronunciada sinalizada como tramo do sendeiro das Greas. O castro está sen excavar, polo que só se pode observar parte do muro exterior, a disposición en terrazas do terreo e  indicios de casas soterradas. Ademáis trátase dun castro que sofre continuas agresións cun poste de alta tensión e outro de seguimento aéreo. O máis destacado son as vistas ó atoparnos nun lugar elevado.

E a segunda, xa adentrándonos en Cabeiro, consta dunha fonte con dous bancos.

 

¿Cómo chegar?

            Sairemos do mesmo punto que no tramo Cedeira-Vigo, pero esta vez no sentido contrario. 

            Saímos en coche de Redondela cara a Vigo. Pasamos de largo o acceso á estación de ferrocarril e a 200 metros collemos á esquerda. Seguimos esta estrada ata ver un lavadoiro e unha fonte, neste cruce xiramos á dereita. Ó comezo da subida podemos observar na marxe dereita á entrada ó Pazo de Torrecedeira. Seguimos subindo ata as últimas casas e collemos o camiño do lado esquerdo. No seu inicio atoparemos os muíños do Pardo.

 

Estado actual.

            No 2008, a sinalización é correcta no inicio do camiño, logo dispomos dunha sinalización kilométrica pintada no chan, a maior parte non será visible en pouco tempo, sería mellorable con carteis de madeira. No último tramo a sinalización desaparece por completo. Por contra o estado do camiño e as áreas de descanso é moi bo.

 

Conclusións.

            É unha mágoa que a actuación neste tramo non recolla a recuperación dos muíños do Pardo, de propiedade privada. Si ben hai numerosos muíños no concello, é o único conxunto deste tipo na vila.

 

Texto e fotos: J. Migueles

Actualizado: 14-11-2008

Escribir comentario

Comentarios: 0