Arquitectura Civil. Pazos e outros.

 

 

Pazos

 

         O único Pazo aberto ao público na actualidade é a Casa da Torre, todos os demáis son de propiedade privada, si ben o Pazo de Torres Agrelo está adicado á hostelería.

 

Casa da Torre (Praza Ribadavia-Redondela)

Edificio renacentista de principios do s. XVI fundada pola familia Prego de Montaos. Pertenceu ós Condes de San Román.

En 1911 o concello aluga a José Contreras González por 1.400 pesetas a Casa da Torre. Nun principio transládanse as oficinas municipais, o xulgado de primeira instancia e instrucción, e destínase a primeira pranta para a escola pública de nenos. En 1918 a escola abandoa o edificio e en 1935 o xulgado fai o propio, quedando a Casa da Torre totalmente empregada para as dependencias municipais do Concello.

Nos anos 50 constrúese a actual Casa do Concello, pasando a Casa da Torre a ser ocupada por unha empresa de autobuses. En 1996 foi adquirida pola Xunta de Galicia, sendo restaurada para adicala a albergue de peregrinos, contando con salas de exposicións e biblioteca.

 

Pazo de Petán ou de Santa Teresa (Rúa Padre Crespo-Redondela)

Fundado no século XVII por García Prego de Montaos y Sotomayor era coñecida nun principio como Granxa de Vilavella. Logo pasaría a  Álvaro Prego de Montaos, abad de Cerveira, que en 1624 otorgou escritura de doación con gravamen de vínculo a favor do seu sobriño Gonzalo de Avalle. Despois esta familia entroncou cos Sotelo pasando o pazo ós Sarmiento de Sotomayor. Destes últimos detacar a frei Sarmiento de Sotomayor, bispo de Jaca e Mondoñedo.

A mediados do s. XVIII era propiedade do fidalgo Francisco Borja Sarmiento, señor xurisdiccional das parroquias de Corzáns e Petán (A Cañiza), de aí o nome do pazo.

En 1904 María Valledor, veciña de Castropol realiza xestións para inscribir este pazo, descubríndose que conservaba dereitos sobre el Fernando Rodríguez Trelles, xa falecido, polo que se inicia a busca dos seus herdeiros.

Anos máis tarde, foi mercado en estado ruinoso polo industrial José Regojo, quen o converteu na súa vivenda e dende entón pertence a súa familia. No 2009 iniciáronse novas obras de reforma no Pazo.

 

Francisco Casimiro Marcó Del Pont fundador do Pazo de Pousadouro. Foto: Ver enlace
Francisco Casimiro Marcó Del Pont fundador do Pazo de Pousadouro. Foto: Ver enlace

Pazo de Pousadouro (Asnelle de Abaixo-Reboreda)

O Pazo de Pousadouro foi fundado en 1740 por Francisco Casimiro Marcó del Pont, derradeiro Gobernador de España en Chile. Era fillo de Buenaventura del Pont y Bori catalán afincado en Vigo, cidade da que chegou a ser alcalde, e que tiña unha casa navieira e comercial do seu nome. Trala morte de Francisco e os seus pais, en 1834 por Real Orden Testamentaria póñense á venda o Pazo de Pousadouro e outras propiedades. No pazo pódese ver o brasón pertencente a esta familia.

http://es.wikipedia.org/wiki/Casimiro_Marc%C3%B3_del_Pont

            A finais do s. XIX, o pazo sería mercado por Fermín Alfaya Milijosa avogado, licenciado en filosofía e letras, que chegou a ser Deputado provincial. A súa neta María (Maruja) Feijoo Alfaya casou co empresario naval vigués Enrique Lorenzo Docampo (fundador de Vulcano). Esta última, deixaríallo en herdanza ós seus tres fillos. Reformado polo arquitecto Gómez Román. No 2008 atopábase en venta. Ademáis de servir de esceario en varias películas, nos últimos anos vense grabando nel o programa de cociña da TVG “Larpeiros”.

 

Pazo de Pousadouro (Reboreda). Vídeo de Xoán Arco da Vella

 

Pazo ou Casa de Reboreda (Reboreda)

 

Data do século XVII, foi fundada por García Prego de Montaos. Está unido á Igrexa Parroquial de Reboreda mediante un paso elevado. Este pazo pertenceu entre outros a Ignacio Manuel Pereira e o seu fillo, Juan Manuel Pereira.

 

Manuel Bárcena, o primeiro Conde de Torrecedeira. Foto: Ver enlace
Manuel Bárcena, o primeiro Conde de Torrecedeira. Foto: Ver enlace

Pazo de Torrecedeira (Cedeira)

Construido no s. XVII pola familia Pestaña Chamucero, que exercía o señorío xuridiscional de Cedeira, no lugar coñecido como O Corredor. Foi reformado no s. XVIII.

Entre outros foi propiedade de Manuel Bárcena y Franco, que foi alcalde de Vigo, senador, fundador da Caixa de Aforros de Vigo e polo Real Despacho do 3 de xaneiro do 1891 a Raíña Rexente concédelle o título de Conde de Torrecedeira, de aí o nome do pazo.

http://www.camaravigo.es/es/manuel-barcena-y-franco-el-fundador.html

Este propietario acometeu outra reforma en 1888, encargándo a obra ao arquitecto francés Michel Paczevich quen deseñou a ala oeste. Pouco tempo despois instalouse nel o primeiro teléfono de Redondela, que comunicaba o Pazo de Torrecedeira coa casa que o seu dono tiña en Vigo, sen posibilidade de outras comunicacións.

Hoxe en día, o actual conde de Torrecedeira comparte a propiedade de este pazo con varios familiares.

 

Pazo de Torres Agrelo (Reboreda)

A orde franciscana establecida na Illa de San Simón trasladaríase en 1746 ao lugar de Vista Real de Agrelo en Cesantes, onde fundarían o Convento de San Antonio de Vista Real de Agrelo. Este convento sería destruido polos franceses en 1809.

Atopei unha noticia de 1834, na que se da conta que trala morte dos donos do Pazo de Pousadouro, por Real Orden Testamentaria ponse á venda o Bosque de Agrelo que contaba “con murallas” entre outras propiedades.

En 1865, o Mariscal Leoncio Rubín de Celis (Ver Persoeiros>Militares), natural de Redondela, construe o Pazo de Torres Agrelo, no que aínda se pode observar o seu brasón.

En 1888, Montero Ríos alúgalle a propiedade á viúva do comerciante vigués  José Carreras, para que disfrute coa súa familia do vran o presidente do Congreso, Cristino Martos.

En setembro de 1890 Norberto Velázquez Barrio, alcalde de Vigo, organiza neste pazo un acto de recibimento aos xefes e oficiais da escuadra española fondeada na ría.

En 1907 o médico madrileño Sebastián Recaséns pasa a tempada de vrán coa súa familia no Pazo de Torres Agrelo. Lamentablemente falece o seu fillo, Manuel Recaséns Serrano, de 12 anos, nun accidente de caza.

En 1910 aparece nos xornais a noticia de que o pintor Joaquín Sorolla quería alugar este pazo para pasar o verán, pero non atopei constancia de que chegara a  instalarse.

En maio de 1914 foi adquirido por Concepto López Lorenzo, quen rebautizou o pazo co nome de La Tapera, que en algúns países de América significa casa en ruínas e abandoada, e que hoxe en día non se emprega. Emigrante enriquecido na Arxentina,  foi fundador e principal accionista de Tranvías Eléctricos de Vigo e tamén aportou capital á empresa de electricidade Electra Popular de Vigo y Redondela (Ver Historia>Empresas), polo que estivo moi ligado ao desenrolo industrial da cidade olívica. En 1918 faleceu accidentalmente durante a tala dunha árbore nesta propiedade. Era sogro de Carlos Gunche, enxeñeiro de orixe arxentino, e avó de Raúl Carlos Gunche López, quen sería nomeado alcalde nos anos 40. Concepto López falecería de forma tráxica en 1918 durante a tala dunha árbore nesta propiedade. (Ver Historia>Empresas>IME S. A.).

En 1925 pertencía a José María Cruces Álvarez natural de Maceira (Covelo) que fixo fortuna establecendo unha fábrica de fariña preto de Lisboa, co nome de Cruces & Barros, polo ano 1915. Nos anos 20 ampliou os seus negocios coa empresa, Harinera Gallega Ltda, domiciliada en Vigo e con fábrica en Peñaranda de Bracamonte (Salamanca).

En xuño de 1931 o pazo saiu a subasta pública porque os seus herdeiros: María de la Concepción, José Manuel Joaquín e Jaime Cruces y Cruces; non podían facer fronte ó pago dun préstamo que recibiran por 100.000 pesetas. En 1937 era propiedade de José Luis Iturria.

O pazo sería empregado como hospital polo exército alemán durante a II Guerra Mundial e refuxio na Guerra Civil.

En 1998 pertencía aos irmáns Javier e María Eugenia Iturria y Rodríguez-Eztenaga. Actualmente é propiedade da familia Marcote e está adicado á hostalaría. http://www.torresagrelo.com/

 


 

 

Outras Casas destacadas

Antigo Concello (R. Reveriano Soutullo/R. Isidoro Queimaliños)

            Primeira Casa do Concello de Redondela. Na fachada da R. Isidoro Queimaliños conserva un escudo de Redondela coa data da súa construcción, 1788. Anteriormente, o solar era ocupado por un alfolí (almacén de sal). Na segunda metade do s. XIX, probablemente por quedarse esta casa pequena, o concello foi trasladado á Casa da Torre.

            Ademáis de empregarse coma Concello, foi Delegación de Abastecementos, na posguerra, e a primeira sede do Conservatorio. Actualmente acolle diversos servicios públicos como o OMIX e a Oficina do consumidor.

 

 

O Cairo (Cedeira, estrada Redondela-Vigo)

 

            Parece ser que o nome provén do apelido dun antigo propietario. A casa datada do século XVIII, foi ampliada en altura na década dos anos 40 do pasado século. Pertencía a José Fernández Domínguez a principios do s. XX. Trala morte da súa viúva, acontecida en 1929, pasa a pertencer a dúas das súas fillas.

 

 

Casa da Alfóndiga (R. Isidoro Queimaliños-Redondela)

Preto da Casa da Torre, foi construida no s. XVI polos Prego de Montaos. Destaca polos brasóns da súa fachada. Recibe este nome da praza da Alfóndiga (lugar de venta de graos).

 

Casa do Carballo (Rúa Carballo-Redondela)

            Pertenceu aos Táboas pasando aos Ochoa no s. XVII. A mediados do s. XVIII era propiedade de Pedro Ochoa Orcasitas. Tiña unha torre que foi derrubada hacia o 1870.

 

Casa do Cristo de Limpias (Rúa Cabo dos Fumeiros-Redondela)

Presenta dous brasóns. Un día que pasaba unha procesión por diante comezou a chover, polo que refuxiaron a imaxe do Cristo nesta casa que daquela tiña unha taberna, de aí o nome.

Ó seu carón existía unha capela que nos anos 40 estaba abandoada e era empregada como vivenda por un portugués. Desapareceu anos despois coa construcción dun edificio.

 

Casa Masiell (Preto da Estación de Redondela)

            Situada a carón da estación vella de Redondela, recibe o nome do seu primeiro propietario, Antonio Masiell, odontólogo establecido en Vigo de ascendencia francesa. Atribúese o seu deseño ao arquitecto Michel Pacewicz arredor de 1917.

 

Casa dos Queimaliños ou dos Pregos Montaos (R. Isidoro Queimaliños-Redondela)

            Destaca polo brasón da súa fachada. Nela viviu o médico Isidoro Queimaliños Queimaliños que lle deu nome á rúa (Ver Toponimia>Redondela).

 

Casa reitoral de Redondela

            Foi construida despois de que a antiga casa fora queimada polos franceses en 1809. A actual casa atopábase en ruinas, ata que a finais dos anos 80 foi restaurada. Conserva na súa fachada un brasón dos Prego de Montaos coa data de 1641 que anteriormente se atopaba no muro de peche da finca parroquial.

 

Casa reitoral de O Viso

            Nun dos seus muros pódense observar numerosas lápidas e tampas esculpidas polo canteiro localManuel Vidal “Daniña”. Da súa autoría tamén é a parte vella do cemiterio de O Viso. Coñecido tamén por ser un famoso gaiteiro, faleceu na década dos 20 do século pasado, sendo xa ancián.

 

Casa dos Sestelos (Redondela).

            Xa existía no s. XVIII. Nela viviu o compositor Reveriano Soutullo (Ver Redondeláns de Adopción).

 

Casa dos Táboas (Asnelle-Reboreda)

            Esta casa posee a Capela da Nosa Señora da Conceición, construida en 1752 por Baltasar de Táboas, do Santo Oficio da Inquisición, e a súa dona Antonia de Otero. Nela pódese ver o brasón dos Táboas.

 

A Chicharra (A Formiga-Cedeira, estrada Redondela-Vigo)

Casa de estilo modernista alcanzou certa sona nos anos 20 do século pasado ao aparecer en diferentes revistas e por ser empregada na rodaxe da película “Carmiña, flor de Galicia” (Ver Curiosidades de Cine). Entre os seus donos estivo a pintora viguesa Elina Molíns Fernández Chao, viúva de Ramón Menacho. Logo foi propiedade de Gerardo Campos (Vigo 1881-1964), presidente da empresa Tranvías Eléctricos de Vigo e visionario da ponte de Rande.

 

A de Gándara (Cedeira, estrada Redondela-Vigo)

Chamada así por ser propiedade de José de la Gándara Sestelo, destacado empresario de finais do século XIX e principios do XX. Propiedade dividida en dúas: unha adquirida polo gañador dun premio de lotería e a outra por unha empresa de catering. Nesta última atópase a antiga casa familiar de principios do s. XX que imita o estilo dos antigos pazos.

 

Maruxa ou Casa de Ponce de León. (Rande-Cedeira, estrada Redondela-Vigo)

No lintel do portalón de acceso á finca aparece a data de 1937, que probablemente sexa a da súa construcción. Foi propiedade de Ponce de León, Gobernador de Pontevedra nos anos 40, década na que foi visitada pola esposa do xeneral Franco e a súa filla en periodos vacacionais.

 

Monterraso (Cedeira, estrada Redondela-Vigo)

A casa de Monterraso foi obra do arquitecto Michel Pacewicz cara a 1890. Esta propiedade conta con outras dúas vivendas que se atopan en ruínas e que eran empregadas polo servizo. Destaca pola súa leira con árbores tanto autóctonas como foráneas que ofrecen unha espectacular combinación de cores en outono. Era propiedade do señor Peña Roffignac casado con Carmen de Andrés García, irmá de Dolores, esposa do Conde de Torrecedeira. Tralo seu falecemento a casa converteuse en residencia de vran da súa viúva e fillos, que residían en Santiago. Precisamente un destes fillos, Miguel de la Peña de Andrés, falece en 1968 cando pasaba as vacacións na finca.

 

Pazos e casas desaparecidos

Casa de Quintela

Os donos desta casa entroncaron coa Casa de Salgado, de Baiona, ao casar Rosalía Núñez de Araujo con Juan Salgado. Para obter máis información sobre esta casa habería que estudar en profundidade a documentación da: “Relación de las fundaciones, testamentos y agregaciones de bienes relativos a la casa de Quintela [¿San Mamed de Quintela (Redondela, Pontevedra)?] desde el año de 1516 hasta el de 1787, cuando testa Javier Enríquez Sarmiento de Valladares, V marqués de Valladares”.

 

Casa Grande da Lamosa (Trasmañó)

Fundada en 1673 polo fidalgo Gaspar Méndez de Sotomayor.

 

Casa de Mañó (Quintela)

Fundada por Gutierrez Falcón de Sotomayor (ou Gutiérrez Falcón de Oya) a finais do s. XVI. Descendentes seus foron señores de Parderrubias (A Merca-Ourense) e marqueses de Bendaña, título otorgado a Rodrigo Antonio Falcón de Ulloa y Ribadeneira (Real despacho 27-10-1692), bisneto de Don Gutierrez.

O escudo desta casa coas armas dos Falcón e Sotomayor pasou a formar parte dos fondos do Museo de Pontevedra cedido por Francisca e Carolina Míguez Esteiro en 1927.

 

Casa Solarenga de Riofrío (Chapela)

No barrio Riofrío na freguesia de Chapela, pertenceu á linaxe dos Araujo. Aquel que fora Señor de Riofrío tiña o privilexio de levar unha das 12 varas do palio na procesión do Corpus Christi, en Vigo. Na Igrexia de San Fausto de Chapela, os membros desta linaxe poseían asento ao lado da Epístola, sepultura propia e estaban exentos do tributo “de pechos”. Rodrigo de Araujo y Vasconcelos, nado en 1250, sería o primeiro Señor da casa solarenga de Riofrío. Entre os seus descendentes estivo Diego de Riofrío y Ulloa, chamado “El Bueno”, que serviu aos Reis Católicos na conquista de Granada. Parece ser que tan só se salvou o brasón trala caída do muro desta propiedade.

 

Fortaleza de Castrizán (O Viso)

            Construida no Monte da Peneda en 1477 polo arzobispo de Santiago Alonso II de Fonseca, co fin de vixiar de preto o castelo de Soutomaior, propiedade de Pedro Madruga que daquela se atopaba preso. Estaría formada por unha torre e probablemente por outras construccións menores, rodeado todo o conxunto por un muro defensivo.Pouco tempo despois Pedro Madruga xa en liberdade destruiu esta fortaleza da que aínda se poden observar os cimientos e parte do muro defensivo.

(Ver tamén Historia> S. XV)

 

Pazo de San Román (Saxamonde)

            Aínda se conservan restos do pazo con añadidos e modificacións posteriores, ademáis da capela que é a igrexa parroquial de Saxamonde.

            Cítase como “Palacio y Fortaleza de Saxamonde”, cando pertencía a Gregorio de Valladares (s. XV) e foi incendiada por Álvaro de Cadaval “el Viejo”, merino en Tui por Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro Madruga). Polo que García Sarmiento “el Rojo”, xenro de Gregorio, pleiteou co de Cadaval, quen debeu pagar 30 ou 40 maravedís para reparar os danos causados.

            Entre os que viviron neste pazo destacan Luis Sarmiento de Valladares, primeiro marqués de Valladares, ou José Sarmiento de Valladares, Virrei de México (Ver Persoeiros>Nobreza).

 

Pazo de Soutoxuste (O Viso)

Deste pazo aínda se pode ver a torre entre casas e añadidos de recente construcción. Tamén se conserva a capela, que é a de San Vicente de Soutoxuste, que foi desprazada da súa ubicación orixinal.

Foi propiedade de Esteban Barbeito Padrón. A súa linaxe procedía da casa de Piñeiro (Corzáns-Salvaterra do Miño). Destes Barbeito descenderon os da praza da Ferrería de Pontevedra, donos da casa chamada “Casa de las Caras”. Outro descendente sería Antonio Mauricio Troncoso de Lira Sotomayor y Barbeito, o famoso “abade do Couto” da guerra da Independencia e defensor de Tui e Vigo.

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 15-10-2015

Escribir comentario

Comentarios: 0