Arquitectura Relixiosa.

Igrexas, capelas e conventos.

 

Ademáis da Igrexa e o Convento de Vilavella que contan co seu propio apartado e o Convento de Monxas benedictinas en Trasmañó, atopamos:

 




 

Igrexas parroquiais

 

 

Igrexa Santiago Apóstol de Redondela.

Do século XV sofre varias ampliacións ata o s. XVIII, é un exemplo de gótico tardío. O altar maior foi sustituído a principios dos anos 50 do século pasado. O actual é obra do imaxineiro santiagués establecido en Vigo, Jesús Picón.

 

Igrexa Parroquial de Cedeira.

            Barroca de cruz latina. Probablemente do século XVI foi ampliada en 1743. O encargado da obra será o arquitecto Fernando de Casas e Novoa, que nese momento estaba construíndo a Fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago de Compostela.

           

Igrexa Parroquial Santa María de Reboreda.

            Barroca do s. XVIII, sería construida a partires dunha máis antiga por mandato de Juan de Mondragón e frei García de Mondragón. O retábulo maior, deste mesmo século, foi obra do redondelán Antonio del Villar. A primeira ampliación foi realizada por Juan de Mondragón no século XVI. Unha segunda ampliación foi a levada a cabo por D. Diego de Araujo. O mestre de cantería foi Santiago de Pazos, que reedificou a Capela Maior.

 

Igrexa parroquial de San Pedro de Cesantes

            Enriba da porta principal aparece “AÑO 1763” e nunha parede lateral “ESTA CAPILLA LA MANDO AZER EL LICEDO. YSIDORO COTA SIENDO JUAN PUDO Y BELAS MACULCOA EN EL AÑO DE 1670”.

            En setembro de 1921 derrubouse a cúpula desta igrexa.

 

Igrexa parroquial de San Fausto de Chapela

            Debido ó seu pouco aforo, construiuse unha máis moderna, conservando a antiga.

 

Igrexa parroquial de Santo Estevo de Negros

 

Igrexa parroquial de San Mamede de Quintela

 

Igrexa parroquial de San Román de Saxamonde

            Era a capela do desaparecido Pazo de San Román.

 

Igrexa parroquial de San Vicente de Trasmañó

            Por riba da porta principal lese “AÑO1765”.

 

Igrexa Parroquial de San Martiño de Ventosela.

            Foi construida sendo Bispo de Tui Juan García Benito, durando o seu pontificado dende 1797 e 1825.

 

Igrexa Parroquial de San Martiño de Vilar de Infesta.

            Debaixo do campanario lese “ESTA OBRA SE IZO DE 1783 S. ABAD E. GARCIA”. E xunto a `prta principal aparece “1720”.


Igrexa parroquial de Santa María de O Viso.

            Construida en 1710. No exterior pódense observar lápidas e esculturas funerarias do s. XIX, obra do canteiro local Manuel Vidal “Daniña”.

 

Igrexa parroquial de Cabeiro

 

 Capelas

 

 Capela de Santa Mariña ou das Angustias (Av. Santa Mariña-Redondela)

            Xa existía no s. XVII ocupando  a metade de espazo que a actual. Cara a estrada tiña un cortello con tellado de palla. No XIX preto da capela había unha casa de pranta baixa cunha reixa dende onde escoitaban misa os alenfacíacos. Estes enfermos eran atendidos nun pequeno hospital que había no sitio da Costa da Forca, no Monte do Cuco, e cando ían á misa unha persoa os acompañaba tocando unha bocina para que non se acercara a xente. Tamén aproveitaban ás saídas para lavarse na fonte do Mouro polas súas propiedades curativas. Xa a finais do s. XIX Juan Climaco Seoane, Jenaro Borines Ponte e Santos Esteiro fundaron unha irmandade que contribuiu á reconstrucción do templo en 1871. Ata 1904 a capela pertenceu á parroquia de Cesantes. En 1910 mercouse a figura de Santa Marina, que como todas as que había daquela na capela era obra do artista de Santiago, Núñez.

 

Capela de San Paíño de Santo Paio de Arriba (Reboreda)

            Do s. XVIII foi empregada ata o s. XIX. Nela se celebraba a festividade do santo Paio. Mantíñase coas esmolas dos veciños de Reboreda, de quen era propiedade.

 

Capela de San Vicente de Soutoxuste (O Viso)

            Pertenceu ó morgado do conde de San Román. Formaba parte do Pazo de Soutoxuste, xa desaparecido, sendo desprazada da súa ubicación orixinal. Entre os séculos XVIII e XIX sofreu periodos de abandono.

 

Capela da Virxe do Carme (Cesantes)

            De recente construcción na praia de Cesantes.

 

Ermida da Virxe das Neves ou da Peneda (O Viso)

Construida sobre os cimentos da Fortaleza de Castricán.

 

Ermida da Illa de San Simón. Ver historia da Illa de San Simón.

 

NOTA: A todas estas habería que engadir as capelas do Pazo de Pousadouro e da Casa dos Táboas, ámbalas dúas en Reboreda. (Ver Arquitectura Civil)

 

Redondela Terra de Conventos.

O primeiro mosteiro do que se ten constancia en Redondela foi en 1517 o cenobio Custodia de los Pascualinos de San Simón na illa de San Simón. Si ben e certo que en 1501 xa comezaran as obras do convento de Vilavella, as monxas da orde de clausura San Lorenzo Justiniano non se establecerían ata 1574, permanecendo na nosa vila ata 1932.

Outra orde que se instalou na illa de San Simón foi a dos monxes benedictinos de San Juan de Poio en 1596, que abandoarían a illa pola volta en 1601 dos pascualinos. Estes trasladaríanse en 1746 ó lugar de Vista Real de Agrelo en Cesantes, onde fundarían o Convento de San Antonio de Vista Real de Agrelo. En 1768 estaba formado por arredor de 30 monxes. Este convento sería destruido polos franceses en 1809.

No Catastro de Ensenada de 1752 faise referencia ao priorato de Rande, que dependía do Cenobio de Armenteira. Nun documento de 1768 situao no Castelo de Rande, que era capela e priorato sendo atendida por un monxe de San Bernardo. Nesta época había en Río Frío (Chapela) monxes bernardinos. Tamén en Cidadelle se atopaba a Casa Grande que foi durante un tempo residencia de frades con capela.

En 1984 inaugúrase un convento de monxas benedictinas en Trasmañó, sendo o primeiro que se abre en España dende a Idade Media. A comunidade estaba integrada por 20 monxas procedentes do mosterio de “La Transfiguración del Señor” en A Guarda. A meirande parte delas eran galegas. A maior, Soledad Rodríguez, tiña 97

anos e a máis xoven, 19. As monxas confeccionaban xerseis e gorros para os mariñeiros e elaboraban galletas caseiras con ovos e nata. É o único que segue en uso en Redondela na actualidade, seguen a vender doces e dispoñen de albergue.

 

Capelas desaparecidas

 

Redondela
Restos da Capela do Espíritu Santo, 2009. Foto: J. Migueles

 

Ermida de Santa Tareixa de Xesús (Cedeira). A mediados do s. XVIII pertencía ó fidalgo D. Fernando de Castro e Mosoco.

 

Ermida da Virxe do Socorro (A Portela-Cedeira). Da nome á Punta Socorro. No s. XVIII era propia das monxas xustinianas de Vilavella, a donde pertencía este barrio. quen tiveron pleito co párroco de Cedeira por causa de estar situada no distrito da súa freguesía; de feito, nas visitas episcopais incluíase dentro da Vilavella.

 
Ermida da Encarnación (Chapela). Da nome ao Alto da Encarnación.  Pertencía á linaxe dos Araujo (Riofrío). Xa existía a mediados do séc. XVII. En 1923 edificouse unha casa sobre as súas ruínas.


Ermida de Nosa Sra. da Concepción (Asnelle-Reboreda). Erixida no ano 1752 por D. Baltasar de Taboas, familiar do Santo Oficio da Inquisición, e a sua dona Antonia de Otero.

 

Ermida de San Boaventura (Reboreda). En 1754 era padroado lego de María de Souto, veciña de S. Salvador de Queimadelos

 

Capela de San Xoán Bautista (R. San Xoán de Arcal-Redondela). Era propia das monxas do convento Vilavella, a onde pertencía o lugar.

 

Capela da Nosa Sra. do Carme (Redondela). A súa fundación complétase no testamento da veciña de Nigrán, Dona María Calvo, en 1740

 

Capela do Espíritu Santo (Rúa do Espíritu Santo-Redondela). Aínda se conservan restos. En 1781 se atopaba en mal estado polo que se retiraron as imaxes á igrexa parroquial.

 

Capela ¿? (R. Cabo dos Fumeiros-Redondela). Xunto á Casa do Cristo de Limpias. Nos anos 40 do século pasado atopábase abandoada e servía de vivenda a un portugués coñecido como señor Juan, que falecería nela. Gañábase a vida vendendo leña e traballando como xornaleiro. A capela desaparecería cando se construiu un edificio.

 

Capela ¿? (A Lamosa-Trasmañó). En 1673 o fidalgo Gaspar Méndez de Sotomayor, fundaba na súa casa grande da Lamosa unha misa na honra da Virxe de Guadalupe. Na segunda metade do s. XVIII esta capela atopábase prácticamente abandoada.

 

Capela do Pazo de Petán (R. Padre Crespo-Redondela). O señor desta casa tamén era  patrono da capela maior da igrexa de Vilavella.

 

Ermida do Anxo Custodio (O Viso): Erixiuse na primeira metade do XVIII por iniciativa do párroco D. Lucas Vicente Fidalgo nun terreo da comunidade. A finais deste século xa se atopaba en ruínas.

 

Ermida de Santo Tomás de Aquino (Alxán-O Viso). No pazo ou casona fundada por  Antonio Rodríguez e que no s. XVIII pertencía aos Pereira. A mediados do s. XVIII xa non se empregaba.

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 14-05-2015

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Guía didáctica para escolares:

 

Nº 1. A Igrexa de San Andrés de Cedeira. M. Chamoso Lamas e Fernández Cochón.

 

Nº3. Arquitectura e urbanismo en Redondela. Alfonso Sotelo Ramos.

 

Internovas. Historias de Redondela (http://www.ipdca.com/internovas/). As vellas ermidas redondelanas (Unha aproximación histórica). X. Miguel González.

 

SEREN

 

Nº 1, 2, 4 e 5. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no Concello de Redondela. Carlos A. Antuña e J. A. Orge.

 

 

 

Nº2. Documentos sobre o templo de San Martiño de Ventosela (Redondela). Avelino Bouzón Gallego.

 

Nº2. O santuario, romaría e confraría de Nosa Señora da Peneda (O Viso), 1650-1920. Juan Miguel González Fernández.

 

Diocese de Tui-Vigo

Galiciana http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Compostelano, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Pueblo Gallego...

 

 

http://www.csbg.net/

 

1840 Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ria y alrededores

 

1768 España sagrada theatro geographico

 

 

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0