Cruceiros e petos I.

Base do Cruceiro da Peneda, 2009. Foto: J. Migueles
Base do Cruceiro da Peneda, 2009. Foto: J. Migueles

 

              Crese que a orixe dos cruceiros está na cristianización dos miliarios romanos, colocando cruces sobre eles. O seu significado é o de honrar a memoria dos mortos. Unha posible clasificación sería:

·     Cruceiros de Término. Marcan os límites dunha parroquia ou lugar.

·     Cruceiros de Encrucillada. Nos cruces dos camiños.

·     Cruceiros das Pontes.

·     Cruceiros de parada. Neles paran ou dan a volta as procesións.

·     Cruceiros devocionais. Mandados construir por un particular.

·     Cruceiros penitenciais ou expiatorios. Construído como penitencia.

·     Cruceiros ou cruces de mortos. Construidos no lugar no que houbo unha morte tráxica.

Ofrenda dunha laranxa na Cruz  do Cristo da Nuca (Reboreda), 2009. Foto: J. Migueles
Ofrenda dunha laranxa na Cruz do Cristo da Nuca (Reboreda), 2009. Foto: J. Migueles

 

            Como curiosidade, se visitades o Monte da Peneda (O Viso), atoparedes un cruceiro cun inquedante gravado na súa base. ¿Habería piratas na Peneda?

            En realidade a caveira sobre as tibias cruzadas é un motivo decorativo corrente nos cruceiros. Simboliza a morte. Pode aparecer tanto na base, o cruceiro que tratamos é un exemplo, como no capitel.

En canto ós petos de ánimas, reciben este nome porque normalmente neles aparecen representadas as ánimas dos mortos que sofren o fogo eterno. Construíanse para recoller esmolas coas que pagar misas ou facer ofrendas. É tradición deixar nos petos, e as veces nos cruceiros, como ofrenda velas, frores e tamén productos da terra con formas extranas como patacas, froitas...

No concello de Redondela ademáis de outros moitos en propiedades privadas  atopamos os seguintes:

 

 

Cabeiro

Cruz da Encrucillada da Igrexa (Igrexa): Atópase no adro da igrexa, ata 1959 estaba nunha encrucillada a uns 100 metros, onde daba a volta a procesión de San Xoán.

Cruceiro do Cemiterio (Igrexa)

Cruceiro do Centro Cultural (Igrexa): Realizado por Jose Luis Posada Romero no 1995, durante un cursiño de cantaría do Concello de Redondela. Ten un Cristo.

 

 

Cedeira

O Cruceiro (Cruceiro): Reparado varias veces por golpes de vehículos. Antigamente tiña a imaxe dun Cristo.

Cruceiro da Raíña (Aldea): de 1898, foi restaurado tras ser derrubado no 1997 por un camión. Ten un Cristo baixo INRI e a Virxe María orando.

Peto das Ánimas da Raíña (Aldea): Ten unha inscrición que di: “DEVOCION DE JUAN GONZÁLEZ”. Tratariase de Juan (González) de Xouvea, benefactor de Cedeira.  Probablemente construido no mesmo ano que o cruceiro. No retablo aparece San Antón de Padua co neno en brazos e un anxo liberando a unha das 3 ánimas que están entre as lapas.

Cruz do Eido Vello (Aldea): Descuberto no 2003 no muro de peche da leira Eido Vello.

Cristo da Murada (Rande. Estrada Redondela-Vigo): No Inventario Municipal de Redondela aparece como feito no 1800. Atópase dentro dunha propiedade privada por mor do ensanchamento da estrada, anteriormente estaba enriba do muro. Erexida polo accidente dun carruaxe no que viaxaba un cura. Na base esta inscrito: “(ilexible)...POR LO QUE MANDARON PONER ESTA YNSINIA D. ITACIO GONZALES Y CONSORTE COMO HEREDEROS SUYOS”.

Peto de Ánimas da Carretera (Aldea. Estrada Redondela-Vigo. Privado): Realizado por Manuel Sobrado en 1940 pola promesa feita por Clementa Carballo Cereijo ao librarse o seu fillo de loitar na Guerra Civil. Ten dous retablos. No máis alto, aparece Cristo na cruz flanqueado pola Virxe María e San Francisco. No segundo unha das 4 ánimas é salvada por San Antón colléndose ó cordón do seu hábito.

Cruz (A Portela): Atópase enriba do muro dunha propiedade privada preto do peirao da Portela.

 

 

 

Cesantes

Cruceiro do Adro da Igrexa (San Pedro): Na base lese “PUSO ESTE EL AÑO 1693”. Atopábase no valado leste do cemiterio. Movido no 1976 polo párroco Francisco Alvite Lago, por mor da ampliación do cemiterio.

Cruceiro do Torreiro (San Pedro): Atopábase no valado leste do cemiterio. Movido no 1976 polo párroco Francisco Alvite Lago, porque o orixinal foi destrozado por un vehículo. A cruz do orixinal restaurouse e consérvase no soportal da casa reitoral.

Cruceiro da Casa Reitoral ou do Cura (San Pedro): Atópase na leira da casa reitoral. Tamén se atopaba no valado leste do cemiterio. Movido en 1976 polo mesmo párroco por mor da ampliación do cemiterio.

Cruceiro do Cemiterio (San Pedro): Tamén se ubicaba no valado leste do cemiterio ata que foi cambiado ó interior do mesmo no 2005. Este cruceiro e os anteriores formarían parte dun via crucis.

Cruceiro do Monte Gordo (San Pedro. Propiedade particular): Feito nos anos 30 do pasado século en lembranza dun home que morreu ó cair dun piñeiro cando recollía piñas.

Cruceiro do Cobreiro (Illote Cobreiro): Inaugurado o 10 de setembro de 1958 en lembranza dos 43 falecidos da Garda de Franco nun naufraxio o 22 de agosto de 1950. Ten unha pedra adosada coa inscrición hoxe ilexible: “CAMARADAS DE LA GUARDIA DE FRANCO PRESENTES 1950-1958”. Na cruz presenta un Cristo é, na parte traseira, a Virxe da Peregrina.

Cruceiro e Peto das Ánimas da Ponte de Esteiro (O Coto): Esnaquizada por un vehículo nos anos 60 do pasado século. Os restos foron semienterrados en 1990 cando se asfaltou a estrada. Pódense observar 3 ánimas en actitude orante talladas en pedra.

Peto de Ánimas da Macarella (Outeiro das Penas. Estrada Redondela-Pontevedra. Privado.): O nome ven do alcume dos anteriores donos. Debaixo do retablo pódese ler unha inscrición moi parecida a do Peto do Cemiterio de Redondela: “UNA LAGRIMA POR UN MUERTO SE EBAPORA UNA FLOR SOBRE SU TUMBA SE MARCHITA UNA ORACION POR SU ALMA LA RECOJE EL SEÑOR”. O retablo é de pedra pintada, mostra a San Francisco entre nubes sobre varias ánimas.

Esmoleiro da Virxe do Carme (A Punta, Praia de Cesantes)

            Atópase na moderna capela da Virxe do Carme. Nunha placa metálica aparece en castelan e en galego: “ESTA IMAXE DA VIRXE DO CARME DONARON OS VECIÑOS DE CESANTES COA COLABORACIÓN DA COMISIÓN DE FESTAS DO ANO 1992-1993 CESANTES 16-7-1993”.

 

 

Chapela

Cruceiro do Torreiro (Igrexa): Destrozado no 1975 por un camión, tan só se conserva a base do cruceiro orixinal, o resto fíxose novo. Anteriormente estaba ubicado a uns 15 metros e tiña unha imaxe de Cristo.

Cruceiro do Folón ou do Alto da Encarnación (Camiño do Folón): Presenta a inscrición “AÑO DE 1766”. As gradas desprendéronse por golpes de vehículos e no 2008 restaurouse e reubicouse moi preto da súa antiga ubicación no inicio do Camiño do Folón. Segundo se recolleu en Seren nº2 do veciño José Pérez Presa, anteriormente atopábase na leira propiedade da familia Tapias-Aranda de Vigo. Na cruz hai un Cristo baixo INRI e a Virxe dos Dores, e no varal Santiago Apóstolo sobre unha cunca para auga bendita.

Peto de Ánimas da Subida á Igrexa (Subida a Igrexa-Laredo): Situado no peche dunha casa que se coñeceu como a finca do Brasileiro. Ten a inscrición: “ACORDAOS DE NOSOTROS”. O retablo está formado por San Francisco entre dous anxos e debaixo 3 ánimas.

Cruz de home morto das Catro Pontes: No límite entre Chapela e Vigo, xunto ó viaduto das Catro Pontes. Ten a seguinte inscrición: “12-10-1985 FALLECIERON LOS JOVENES JOSE LUIS HORTAS VIDAL GUMERSINDO MARTINEZ BARREIRO LUCIANO BLAS DARROZA Y EUGENIO IGLESIAS FONTAN DE CESANTES”.

 

 

 

Negros

Cruceiro e Peto de Ánimas de Pregal (Pregal): No 1968 o novo trazado da liña do ferrocarril obrigou a trasladalo á beira da estrada Redondela-Peinador e, no 1980, foi desprazado uns 50 metros. O peto non conserva o retablo.

Cruceiro do Castro de Negros: Levantado no 2004.

 

 

Quintela

Cruceiro do Adro da Igrexa (Quinteiro): No 2000 foi desprazado 3 metros despois de ser derrubado varias veces por vehículos. Na restauración engadíronse as dúas gradas e retirouse unha mesa de pedra que había preto do cruceiro para facer as veces de altar.

Cruceiro do Cemiterio (Quinteiro): Cando nos anos 50 se construiu este cemiterio se trasladaron a el os restos do arredor da igrexa e probablemente tamén este cruceiro.

Cruz do Igrexario (Igrexario-Quinteiro): Atópase en ruinas no medio do monte. O lugar é coñecido como Igrexario porque nel había antigamente unha capela co seu cemiterio.

 

 

Reboreda

Cruz do Cristo da Nuca (A Quintana): Atópase enriba do muro de peche dunha finca. Recibe o nome de Pepa “a Nuca”, que a finais do s. XIX vivía enfronte da cruz.

Cruceiro e Peto Esmoleiro da Carretera (Santo Paio de Abaixo): O conxunto ten gravado o ano da súa construcción “1953”, sendo feito polo veciño desta parroquia Cándido Mouriño Lago. Posteriormente a anterior dona da propiedade anexa, Dolores Sestelo Veiga de Ponteareas, mercou a cruz coas imaxes. Amosa un Cristo baixo INRI e a Piedade na parte traseira. Os retablos son de azulexo policromado, típico en Portugal, e representan a San Antón e á Virxe María. Foi desprazado 3 metros no 2003 por mor do ensanche da estrada.

O Cristo de Abaixo (A Quintana): Realizado no 1953 por Cándido Mouriño Lago. Presenta un Cristo baixo INRI e unha Piedade.

Cruceiro do Adro da Igrexa (A Quintana): Ten inscrito “A DUOCI. DEL ABAD JULIO D 1770”, ou sexa, a devoción do abade. Mostra un Cristo baixo INRI coa cabeza xirada cara a un pequeno San Francisco, e pola parte traseira a Virxe das Dores.

Cruceiro de Santo Paio (Santo Paio de Arriba): Atopábase enriba dunha rocha ata que no 2002 co ensanche da estrada, se adosou ó novo muro de peche da propiedade contigua e se lle engadiron dúas gradas. A cruz, cun Cristo, foi obra de Cándido Mouriño Lago no 1953.

O Cristo de Arriba (A Quintana): Presenta a mesma inscrición que o Cruceiro do Adro da Igrexa: “ADUOCI DEL ABAD AÑO DE 1770”. Na cruz aparece Cristo e a Santa Custodia.

Cruceiro do Cemiterio (A Quintana): Trasladado a este cemiterio no 1946 dende outo punto da parroquia. Ata o 2005 atopábase na entrada do cemiterio xunto a unha mesa de pedra, reubicándose na nova ampliación.

Cruceiro do Camiño Fondo ou da Miñoteira (A Miñoteira-Asnelle de Arriba): Perdeu a cruz hai moitos anos, atopándose dentro dunha propiedade privada.

Cruceiro do Xogo dos Bolos ou das Rendeiras (Asnelle de Abaixo): Según Estanislao Fernández, nos anos 70 un canteiro local chamado Rairiz repuxo a cruz, da que carecía naquela época, cumprindo a promesa que fixera se curaba unha perna que rompera. E según J. A. Orge e C. Antuña, nos 60 a cruz esnaquizada fora sustituida por outra feita polo veciño Enrique Freaza.   

Cruceiro e Peto de Ánimas da Carambola (A Carambola): En ruinas. Consérvase o retablo de pedra que amosa a San Francisco e un grupo de ánimas. O conxunto foi esnaquizado por un vehículo na primeira metade do s. XX. Cando se fixo o cemiterio, foi reemprazado por outro cruceiro tamén destruido nos anos anos 70.

Texto: J. Migueles

Actualizado: 23-04-2009

Escribir comentario

Comentarios: 0