O Convento de Vilavella

Redondela
Foto: J. Migueles, 2008.

             O Convento de Vilavella construido no s. XVI e reformado a mediados do s. XX, atópase na praza Ponteareas de Redondela. Actualmente funciona como restaurante.

 

Convento Vilavella. Nevada 1987
O Convento de Vilavella. Nevada a mediados dos 80. Foto: J. Migueles

 

Historia.

 

A construcción do Convento de Vilavella foi financiada polo arcipreste de Cerbeira e, anteriormente, párroco de Vilavella, García Prego de Montaos. Realizouse nos terreos da antiga igrexa parroquial, quedando a igrexa aberta ós veciños, pero co novo coro alto e o acceso ó campario reservado para ás monxas. No exterior da sacristía da igrexa aínda podemos observar o brasón dos Prego de Montaos e debaixo unha inscripción, hoxe ilexible, que di: Este mosteiro hizo García Prego arcediano de Cerbeira. As obras comezaron en 1501 e remataron en 1554. Nel estableceuse a orde de clausura de San Lorenzo Justiniano en 1574, tomando o nome de Convento da Nosa Señora da Purificación. Sofreu un incendio no 1864, perdéndose a parte do coro onde se atopaba o órgano.

Cando unha monxa tomaba os hábitos o seu pai debía dar unha dote, xa fora en forma de cartos, casas ou leiras. Tamén recibían propiedades mediante cesións ou herdanzas. Todo isto explica que xa a principios do s. XVII a maior fonte de ingresos do convento era o cobro de foros por arrendamentos de terreos e vivendas en: Nespereira, Quintela, Saxamonde, Negros, Cedeira, Vilavella, Cesantes, Arcade, Soutomaior, Amoedo, Pazos, Reboreda, Guizán, Cela, Meira, Moaña... Os pagamentos poucas veces se realizaban en cartos e as máis das veces facíanse en millo, trigo, centeno, viño, galiñas...

"Naranjillo" elaborado seguindo a receita das monxas. Foto J. Migueles, 2011
"Naranjillo" elaborado seguindo a receita das monxas. Foto J. Migueles, 2011

         Outra fonte de ingresos eran os bordados e a elaboración de deliciosos doces: cabello de ángel, toronja, nueces... En 1603 o Concello de Pontevedra encarga á superiora Inés Avalle Mariño unhas confituras para agasallar ó Arcebispo Maximiliano de Austria de visita nesa cidade. En 1867 representaron a España na Exposición Universal de París con: doces en almíbar, de azahar, laranxa, naranjillo, cabello e noz. O precio era de 0’5 a libra e consumíanse máis no extranxeiro que en España. Nesa ocasión as súas creacións eran acompañadas polas da redondelá Petronila Rodríguez Criado: doces, limoncillo, toronja, mazá, naranjillo, cabello e noz. O precio era o mesmo e o consumo dalgunha consideración tanto no interior coma no interior. Voltando ás lambetadas das monxas, nesa época tiña moito éxito o doce de caldo de azucre que en 1895 comeza a levar un selo de garantía para evitar as imitacións que se vendían na nosa vila. A principios do s. XX estes doces eran envasados en barriliños de madeira por Manolito Barral e Camilo “de Vilavella”.

Inscripción, 2008. Foto: J. Migueles
Inscripción, 2008. Foto: J. Migueles

A orde abandoou as instalacións en 1932. O convento foi arrendado a José Regojo, Florencio Soto e José Docampo que o empregaron coma empresa elaboradora dun doce de froitas. No pleno celebrado o 16 de maio de 1936 a Corporación Municipal acórda solicitar ao Estado a cesión do Convento de Vilavella, que nunca se levaría a cabo polo o inicio da guerra. En 1942 vendeuse a José Otero González (Mañas), dono dunha fábrica de conservas chamada JOB (iniciais do seu pai José Otero Bilbao), de aí as inscripcións coas iniciais JOG e JOB nos escudos das fachadas. O Bispado de Tui tamén vendería daquela a casa parroquial sita na rúa Padre Crespo, por non ser empregada polo párroco José Sátiro Redondo Cal.

O novo propietario realizou modificacións estructurais no monasterio. Renunciou ó coro alto e ó acceso ó campanario a cambio dunha tribuna, que aínda existe, na parte dereita da igrexia. Empregou as instalacións coma vivenda e tamén coma oficinas, almacén, taller mecánico e carpintería para a súa empresa.

Tralo seu falecemento, a súa dona, acompañada por dúas criadas, permaneceu no convento ata a súa morte a finais dos oitenta. A edificación foi herdada polos seus sobriños. Estes, adosaron ó mosteiro unha nave para facer unha empresa chamada Figueiral primeiro, e despois Coomundo. Botaron unha placa no segundo piso da parte máis próxima do convento (o chan de madeira xa se fundira anos atrás) e adicaron este piso a exposicións dos seus productos: roupa, canas de pescar... Logo, a parte do mosterio quedou en desuso e a nave alugouse a unha empresa fabricante de adhesivos, que no 2007 se trasladou a Amoedo. O convento permanecería valeiro ata que, no 2003, alugárono, con dereito a compra, á empresa Ramale Hostelería e agora e utilizado coma restaurante. http://conventovilavella.com/

Brasón dos Prego de Montaos.
Brason dos Prego de Montaos, 2008. Foto: J. Migueles

A continuación engado o resumo de dous documentos que, creo, son moi interesantes:

Resumo da acta de fundación do Convento da Vilavella

            Álvaro da Babarcia (abade de San Pedro de Crecente), Lope Prego (abade e San Estebo de Ribadumia), Rui Dobarro (Tenente de xuíz da vila de Vilavella e o Coto de Saxamonde, sustituíndo ó xuíz Juan Prego), Alonso Lozano (Procurador Xeneral de Vilavella) e os veciños de Vilavella:

            Juan Prego (o mozo), Francisco López, Francisco Rodriguez, Diego Fernández, Gaspar González, Juan Rodríguez Docabo, Juan Fernández Zapatero, Juan Duarte, Pedro Amado, Martín de Mera, Fernando Yañez, Rodrigo de Castelo, Cristóbal Fernández, Basto Lome Fraguero, Alonso Freire e Gerónimo Fernández.

            Todos, conceden amplo e bastante poder a Lope Martínez e Sebastián Rodríguez (procuradores en Tui) para xestionar ante a M. I. Señor Don Miguel Muños, Bispo da Cidade e Bispo de Tui, a creación dun Monasterio. O obxectivo sería recoller as mozas de término que abundan en dita vila e alrededores; e aumentar o culto divino. Reducido a misas cada 15 días e sen administrar Sacramentos.

            Este Mosterio, e para isto se lle pide permiso ó Sr. Bispo, edificarase nos terreos da igrexia. Será financiada por García Prego de Montao, cura e clérigo de Vilavella e, máis tarde, Alcipreste de Cerbeira. Quen está disposto a gastar 3 ou 4.000 ducados. Renunciando ós frutos, rentas e proxectos, subvencións ou donacións, emolumentos, funeralia, dereitos e pertenencias. Indo estes in perpetum a parar ó sustento do Monasterio.

            Nombrarase un capelán para o seu auxilio espiritual e o da Parroquia. A igrexia quedaría coma parroquial igual que antes.

Convento de Vilavella. Redondela
Convento de Vilavella, 2008. Foto: J. Migueles

Resumo das anotacións de Martina Figueroa Senra esposa de Manuel Otero Lago (Sacristán das Monxas do Convento de Vilavella).

            O 26 de Febreiro de 1932 marcharon as monxas da orden de San Lorenzo Justiniano de Clausura do Convento de Vilavella, fundado por Prego de Montao hai tres séculos.  O Convento foi vendido polo Bispo D. Antonio García y García co consentimento da abadesa, Pilar Rubín (da Rioxa), que contaba con 47 anos en 1933. Ademáis da madre superiora abandonaron o convento:

- 6 monxas:

            - Rosario: galega, 49 años.

            - Ángeles: castelá, 50 anos.

            - San José Troncoso: 84 anos.

            - San Pedro: galega: 79 anos.

            - María: 78 anos.

            - Dolores: 72 anos.

- 2 legas: de 60 e 68 anos.

 

            Trasladáronse ó Convento das Franciscanas de Tui. Ós 9 días faleceron de pena as madres San José e San Pedro. Poco despois, foron ó Convento das Mercedarias de Ferrol, onde morreron as restantes.

 

            Para rematar as súas anotacións Martina Figueroa engadiu: “Nadie las echó y aquí todas las querían, pero el mal acierto de una abadesa lo deshizo todo. Dios se lo tendrá en cuenta”.

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 14-5-2012

 

BIBLIOGRAFÍA.

 

Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela): Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530

 

Anotacións de Martina Figueroa Senra esposa de Manuel Otero Lago (Sacristán das Monxas do Convento de Vilavella).

 

Google books. Exposicion Universal de 1867: catálogo general de la sección española. España. Comisión Regia Exposición Universal, 1867

 

http://www.csbg.net/ :

 

www.hemerotecadigital.bne.es

 

Pares. Portal de archivos españoles. Ministerio de Cultura. Gobierno de España.

 

http://pares.mcu.es/ : Memorial cobrador de rentas del Convento de Villavieja (varios años).

 

Un voraz incendio en Redondela. Por Avelino Rodríguez Elías. Publicado en 19540228 El pueblo gallego

 

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Iris de Galicia, El Ejemplo, Galicia, Diario de Vigo, El Pueblo Gallego, El Ideal Gallego.

 

 

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0