Os Miliarios de Redondela.

Redondela
Miliario de Cesantes na Casa da Torre, 2009. Foto: J. Migueles

Un miliario é un marco de pedra que sinalaba as millas (milia passum de equivalencia variable entre os 480 e 642 metros) nas calzadas romanas. No s. XIX o redondelán Casto Sampedro Folgar, un dos fundadores da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, catalogou miliarios en Cesantes (2), Saxamonde, Quintela e Vilar de Infesta, trasladándoos ó museo de Pontevedra para a súa consevación. Isto, non o conseguiu co miliario de Vilar, coñecido como Miliario de Antas, pola oposición dos veciños, o que nos permite observar ó único miliario in situ da vila.

No 1999, un dos miliarios de Cesantes foi cedido á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e desde aquela está exposto na Casa da Torre, albergue de peregrinos de Redondela.

Máis información sobre os miliarios de Redondela en: http://www.ipdca.com/internovas/

 

Miliario de Antas (Vilar Infesta), 2008. Foto: J. Migueles
Miliario de Antas (Vilar Infesta), 2008. Foto: J. Migueles

O Miliario de Antas

Este marco é o único que se pode visitar in situ en toda a provincia de Pontevedra. Formaba parte da vía XIX que unía Braga con Astorga, pasando por Lugo, sendo erixido entre os séculos I e III d. C. Sinala o límite entre Vilar e as parroquias de Mos: Louredo e Guizán. Neste miliario apenas se conservan as inscripcións romanas, pero si que presenta cazoletas e cruces gravadas na Idade Media e ou na Idade Moderna.

 

¿Como chegar?

Desde Redondela, en coche, colleremos a saída  cara a Porriño. Ó chegar ó alto dos Valos (a 3 Km.) xirar á dereita cara ó aeroporto de Peinador. Seguir a estrada ata chegar a unha rotonda (no lugar de Santiaguiño). Tomar o camiño da esquerda e a escasos 50 metros, na beira esquerda, atopamos unha entrada ó camiño de Santiago sinalizada con esculturas. Aquí temos dous opcións: seguir a pé ou seguir en coche pola estrada paralela. A 200 metros, aproximadamente, está o miliario. Dispón dun cartel explicativo colocado polo colectivo Alen Nós e, un pouco máis lonxe na estrada, outro con fotos da intervención arqueolóxica realizada no 2007.      

 

Estado actual (2008).

No camiño non hai ningún sinal que indique a ubicación do miliario. Isto é unha mágoa porque calquera información turística non serve de nada si a xente non sabe como chegar, de feito a meirande parte dos redondeláns descoñecen a súa existencia. Por outro lado, o panel informativo está situado fóra do camiño de Santiago e, probablemente, moitos peregrinos pasan por diante sen miralo.

 

Miliario de Antas en Google Maps:

Texto: J. Migueles

Actualizado: 3-4-2010

Escribir comentario

Comentarios: 0