Outros Elementos Etnográficos

Cruz de Aviso á súa Maxestade (Cesantes)

Construida no muro de peche dunha propiedade na que a casa foi sustituida por unha de recente construcción. Nela aparece a inscrición: “IRIS IN CAPITE EJUS 1868 EN MEMORIA DEL BORBON QUE VIEN 23 DE JUNIO DE 1853 EN 27 DE ENERO DE 1852 AVISE DEL PELIGRO A S. M.”. Nun lateral tamen se le as iniciais: “C S P B”. Diríxese á Raíña Isabel II que no 1868 víase na obriga, trala batalla de Alcobea, de exiliarse a Francia

 

A Marca do Rei (Vilavella-Redondela)

A Ponte que cruza o río Maceiras ao entrar no casco urbán de Redondela por Vilavella ten a ambos lados unha balaustrada cun monolito. Eran coñecidas popularmente como “La Marca del Rey” e dise que foron erexidas para conmemorar a visita dun Rei.

Estas pedras pódese apreciar que están gravadas e coa luz axeitada pódese ler “REYNANDO EL SEÑOR”. A parte final, máis deteriorada, poderíase corresponder con “ALFONSO XII”, polo que un estudo técnico en profundidade podería despexar todas as dúbidas, antes de que o paulatino deterioro que sofren borren o pouco que queda.

            O que está claro é que cando menos foi construida no s. XIX, xa que aparece nunha acuarela desta época obra de G. Vivian. Neste cadro pódese apreciar que a ponte contaba con catro arcos. A mediados do s. XX tan só quedaban dous, un polo que pasaba o río Maceiras e outro polo que pasaba o regato que viña do muíño Arañol. Un destes arcos sería tapado por José Otero González “Mañas” para construir a nave que aínda hoxe se pode ver adosada ao Convento de Vilavella, quedando a ponte co seu aspecto actual.

 

A Pantalla (Cesantes)

        Este popular monolito dalle nome ao lugar. Grazas ao blog “Reloxos de sol” descubrín que se trata dun leguario do Camiño Real, ou sexa un fito que marca a distancia en leguas. Os máis comúns teñen un reloxo de sol, sería o caso do que se atopa en Vilaboa, por citar ao que está máis preto e que se pode ver ao lado esquerdo da estrada N-550 se nos diriximos a Pontevedra.

         No caso da Pantalla, citando a esta fonte, trátase dun marco-panel onde se indicaban as distancias entre as distintas cidades. Na actualidade como os demáis leguarios atópase totalmente abandoado e é un total descoñecido, xa que a meirande parte dos propios veciños da zona descoñecen a súa orixe e función.

         O Camiño Real foi mandado construir dende a vila de Padrón a Redondela, en 1793, polo Arzobispo de Santiago, Sebastián Malvar y Pinta. O seu costo ascendería a dez millóns de reais da época. Cincuenta anos despois, en 1847, atópase tan deteriorado que, o daquela novo gobernador civil de Pontevedra, Francisco Paez de la Cadena, ordea a súa inmediata recomposición iniciándose as obras en xullo daquel ano.


 

 

A Casa de Rande (Cedeira)

          No barrio de Rande existe unha casa na Estrada de Cabanas que para a súa construcción empregáronse pedras doutra construcción máis antiga. Na parte da fachada que da á rúa pódese observar, apesares da capa de pintura e o cemento, dúas pedras con inscricións. Unha está ubicada sobre unha das ventás e a outra a pouco máis dun metro do chan e facendo esquina no lado oposto.

        Coa dificultade que supón distinguir a escritura podemos ler (os guións baixos son letras ilexibles) o seguinte:

ISSIMA. JPH CA

NES DE LAGO: _ _ DE ESTA

78_

 

Na outra pedra:

AVE MA

ALLER O

 

          ¿Haberá máis pedras escritas na casa? Habería que inspeccionar as demáis paredes exteriores, pero tamén as interiores para o que seguramente habería que picar as paredes, algo totalmente imposible ao tratarse dunnha propiedade privada.

          ¿De onde proceden as pedras? Unha hipótese sería pensar no priorato de Rande, do que xa nos deixa constancia o Catastro de Ensenada de 1752. Outro documento de 1768 situao no Castelo de Rande, como capela e priorato sendo atendida por un monxe de San Bernardo. Na primeira pedra aparece claramente o número 7, que podería facer referencia a unha data do século XVIII o que coincidiría coa época na que existiu o priorato. Ademáis na segunda ao ler as letras “AVE MA”, o primeiro que ven á mente é “AVE MARÍA”, frase que nos fai pensar nunha construcción de tipo relixioso.

         Como xa dixen isto non é máis cunha posibilidade que tan só unha investigación máis profunda (limpeza das pedras, búsqueda de máis inscricións) podería confirmar.

Por último engadir que na primeira pedra “ISSIMA JPH CA”, podería corresponder a “ILUSTRÍSIMA JOSEPH CA”, sendo “CA” as primeiras letras dun apelido.

 

Actualizado: 12-04-2016

Texto: J. Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Cruces, cruceiros, esmoleiros e petos de ánimas de Redondela. Estanislao Fdez. de la Cigoña. Edit. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía.2005.

 

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.

 

Blog: Reloxos de sol. Descubriendo los relojes de sol de Galicia.

 

Esperanza, La (Madrid. 1844).   02-08-1847, página 2-Camiño Real

 

Catastro de Ensenada de Cedeira

 

Aportacións orais Matilde Fernández.

 

 

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0