Rueiro de Redondela

 

(Ver tamén Toponimia>Redondela)

 

 

 

Neste apartado recollo o rueiro actual e, en caso de coñecer nomes anteriores dunha rúa, estes aparecerán xusto debaixo.

 

 

 

Pz. da Alfóndiga, 2009. Foto: J. Migueles.
Pz. da Alfóndiga, 2009. Foto: J. Migueles.

 

 

 

R. do Adro (Atrio): Por estar preto da Igrexia de Redondela.

 

  • R. Ramón Franco (durante a II República): Ramón Franco Bahamonde (Ferrol 1896-1938). Político, militar e aviador. Irmán do xeneral Francisco Franco. Xunto con outros 3 tripulantes realizou o "Vuelo del Plus Ultra", realizando o primeiro viaxe en hidroavión entre España e América. http://es.wikipedia.org/wiki/Ram%C3%B3n_Franco

  • Calle del Atrio (ata a II República): Cando menos dende principios do s. XVII.

  • R. Porta da Igrexa: Nun documento de principios do s. XV.

 

 

 

Pz. Alejandro Otero: Nome dado no 2013 como un dos actos do “Persoeiro do ano”. Destacado xinecólogo e político redondelán. Durante a II República xa recibira o seu nome a actual rúa Reveriano Soutullo. (Ver Persoeiros >Política)

 

  • Anteriormente pertencía á rúa Alfonso XII, coa salvedade dos dous periodos seguintes.

  • Pz. de Rosalía de Castro (durante a II República): Poetisa galega.

  • R. Xeneral Rubín. Nome dado en xullo de 1895 e que apenas duraría uns meses. (Ver a rúa actual Xeneral Rubín)

  • Pz. de María Cristina. Nome dado en 1883. Esposa de Alfonso XII.

 

Pz. da Alfóndega: Etimolóxicamente significa locais públicos para a venda, compra e deposito de graos. Nesta praza, existía un tellado con tella do país e estructura de madeira, debaixo se montaban os postos de venta de millo, palla...

 

  • Plaza de la Batalla de Lepanto. En 1971 acordouse nun pleno o troco de nome, para celebrar o centenario deste feito histórico. En 1979 recuperaría o nome orixinal.

  • Plaza Vieja: No s. XVIII.

 

 

 

R. Alfonso XII: Rei de España e bisavó de Juan Carlos I. http://es.wikipedia.org/wiki/Alfonso_XII_de_Espa%C3%B1a

 

  • R. Fermín Galán (durante a II República): Militar español defensor da República que foi fusilado tralo fallido alzamento de Jaca (Huesca) de 1930. http://es.wikipedia.org/wiki/Fermin_Galan

  • NOTA: Son terreos gañados ao mar no s. XIX e probablemente Alfonso XII foi o seu primeiro nome.

 

 

 

R. Amieiro: Tipo de árbore que crece a beira dos ríos. Chamada así por estar a carón do río Maceiras. (Ver R. Canedo).

 

  • Antes do 2005 era un tramo da R. Salgueiral.

 

 

 

Camiño do Apeadeiro (No 2008): Neste camiño se atopa o apeadeiro do ferrocarril.

 

 

 

 

Rúa Cabo dos Fumeiros, 2009. Foto: J. Migueles
Rúa Cabo dos Fumeiros, 2009. Foto: J. Migueles

 

R. Bidueiro: Tipo de árbore propia das zonas húmedas. Por estar cerca do río Maceiras (Ver R. Canedo).

 

  • Nome posto no 2005. Con anterioridade esta rúa e a rúa das Cardosas (na parte máis baixa) non eran mais que un terreo sen edificacións e na súa maior parte sen cultivar, coñecido popularmente como Campo de las Ranas, pola existencia de charcas nas que habitaban moitos destes animais. Pertencían ó barrio do Salgueiral (hoxe nome de rúa), na parroquia de Vilavella.

 

 

 

R. Blanco Amor (No 2008, formaba parte da R. Picota): Eduardo Blanco Amor (1897-1979). Escritor, tanto en galego como en castelán, nacido en Ourense. http://es.wikipedia.org/wiki/Eduardo_Blanco_Amor

 

 

 

R. Cabo dos Fumeiros: Antes dos recheos era un cabo que recibía este nome por ser o lugar onde se ubicaban os fumeiros, edificacións empregadas para afumar as sardiñas. No s. XVII cítase en numerosas ocasións como Peirao e Cabo dos Fumeiros, pero nun documento de 1671 xa aparece como calle de los Cabos de los Fumeiros.

 

  • Antes do 2005 esta rúa formaba parte da R. Picota, pero popularmente era coñecida como Os Canastros polos hórreos que existen no lugar. Tamén era chamado Calexón da Conecha, probablemente por vivir alí algunha persoa con ese alcume.

  • Campo do Pexegueiro. Nome dado cando menos dende finais do s. XVIII e durante o s. XIX. Chamado así polo río Pexegueiro.

 

 

 

R. Campo das Redes: Xa existía no s. XVIII. Lugar donde os mariñeiros secaban e reparaban as redes.

 

 

 

R. Canedo: Canedo ou canaval, lugar poboado de canas. Do mesmo xeito que as rúas Amieiro e Bidueiro cercanas ó Maceiras, no 2005, o Concello decidiu poñer nomes de árbores e prantas que nacen a beira dos ríos nestas zonas de nova construcción.

 

  • 2ª Travesía Ernestina Otero: Antes do 2005.

 

 

 

R. do Carballo: Había un carballo nun campo cercano ao cruceiro chamado, do mesmo xeito, do Carballo. Neste lugar celebrábanse no século XVII os concejos abiertos, ou sexa, os plenos do goberno municipal aos que podían asistir os veciños que o desexaran. Neste tramo o río Alvedosa tamén era conocido como río Carballo polo menos ata o s. XVIII.

 

  • Antes do 2005 era un tramo da Rúa Adro.

 

 

 

R. das Cardosas: Fai referencia ó cor morado das amoras das silvas que poboaban o camiño (Ver R. Bidueiro). Este nome só se empregaba para o tramo de Cedeira que vai dende a estrada nacional ata Outide, a parte baixa foi nomeada deste xeito no 2005.

 

 

 

Camiño do Carrascal: Nome do monte. Do castelán carrascal. Sitio poboado de aciñeiras pequenas.

 

  • Antes do 2005 pertencía á R. Loureiro.

 

 

 

R. Castelao: Daniel Rodríguez Castelao. Político, escritor e dibuxante gráfico. Estivo moi ligado a Redondela onde deu numerosos mitins, e tamén nos deixou o debuxo de Xan Carallás. http://es.wikipedia.org/wiki/Castelao

 

  • Antes do 2008 formaba parte da R. Picota.

 

 

Rúa Cruceiro, 2009. Foto: J. Migueles
Rúa Cruceiro, 2009. Foto: J. Migueles

 

 

R. Casto Sampedro: Casto Sampedro Folgar. Avogado que impulsou os estudios arqueolóxicos en toda a provincia. A rúa leva o seu nome dende 1943. Ver>Persoeiros>Educación e Investigación.

 

  • R. Lorenzo Carballo: Cando menos durante os anos 20 do pasado século. O mestre Lorenzo Carballo Otero (Pontevedra, 1830) foi director da escola de instrucción primaria de Redondela. Actuou como enfermeiro durante as epidemias de cólera de Cambados (1853) e Redondela (1865). En 1872 foi proposto para a Cruz de María Victoria de segunda crase. Xubilouse en 1891.

 

 

 

Pz. da Constitución: Dedicada á Constitución Española.

 

  • Pz. 18 de Julio (durante o goberno de Franco): Día do alzamento nacional, principio da Guerra Civil.

  • Pz. da República (durante a II República)

  • Pz. de Montero Ríos. Político vigués e gran cacique galego no s. XIX. O nome foi dado en xullo de 1895 e tan só duraría uns meses.

  • Pz. da Constitución de 1812.

  • En 1910 recheo da Praza, anteriormente era unha marisma.

  • Pz. do Mercado. A finais do S. XVIII, por ser o lugar de venta.

  • Praza do Estaleiro. Xa existía no s. XVII. Era a parte da praza que está ao inicio da Rúa Reveriano Soutullo. Era o lugar onde se construían e reparaban as embarcacións porque ata alí chegaba o mar.

 

 

 

R. Cooperativa: Urbanización construída mediante a constitución dunha cooperativa.

 

  • 1ª Travesía Padre Crespo: Antes do 2005.

 

 

 

R. Cruceiro: Nun terreo privado había un cruceiro. Recibe este nome cando menos dende o s. XVIII.

 

  • R. Ramón Otero Milleiro (durante a II República): Deste redondelán tan só atopei un xornal no que aparece defendendo aos mariñeiros da vila.

 

 

 

Calella de Don Basilio: Nome recibido popularmente por ter alí a súa botica Basilio Bernárdez Otero, pai de Telmo Bernárdez (Ver Persoeiros>Política).

 

  • Antes do 2008 formaba parte da R. Prata.

 

 

 

Rúa dos Eidos. Foto: J. Migueles, 2009.
Rúa dos Eidos. Foto: J. Migueles, 2009.

 

 

R. Eduardo Pondal: Eduardo Pondal (1835-1917). Poeta, tanto en galego coma en castelán, nado en Ponteceso (A Coruña).

 

http://es.wikipedia.org/wiki/Eduardo_Pondal

 

  • Ata o 2008 formaba parte da R. Picota.

 

 

 

R. dos Eidos: Pola división do terreo en eidos (fincas pequenas). Ata a ordeación parroquial de 1904 pertenceu a Reboreda.

 

 

 

R. Ernestina Otero: Ernestina Otero Sestelo. Catedrática de pedagoxía na Escola de Maxisterio de Pontevedra en 1915. Déronlle o seu nome á rúa en 1991. Ver>Persoeiros>Educación e Investigación.

 

  • Av. Alvedosa: Nome do río que descorre ao seu carón.

  • Antes da urbanización desta beira do río o máis probable é que se correspondera co topónimo Banda de la Marea.

 

 

 

R. Esfarrapada: Etimolóxicamente: 1. Que está moi gastado e rachado. 2. Que está feito farrapos. 3. Farrapento, que está vestido con farrapos. Este nome xa existía cando menos dende o s. XVII, así como o Alto da Esfarrapada. No XVIII tamén se facían as distincións da Calle del Medio de la Esfarrapada, Plaza de la Esfarrapada, Esfarrapada de Arriba ou Calle de Arriba.

 

 

 

R. do Espíritu Santo: Pola existencia dunha capela chamada do Espíritu Santo da que aínda se poden observar restos. Cando menos dende principios do S. XVI.

 

 

 

R. Figueiral: Pola antiga existencia de figueiras no lugar.

 

  • Detrás de la Iglesia. No Catrasto da Única, 1792.

 

 

 

Pz. Fonte do Mouro: Praza de recente urbanización. Recibe o nome dunha fonte na que aparece a figura dun mouro. Existe a teoría de que pode pertencer a un grupo escultórico máis grande no que estaría representado o Apóstolo Santiago, coñecido popularmente como Santiago Mata-mouros.

 

Regojo
Fábrica de Regojo.

 

 

R. do Hospital: Porque no solar onde se atopa o cemiterio vello houbo un hospital. Ver>Edificios e espazos públicos

 

  • 1ª Travesía Rúa Eidos: Antes do 2005.

  • Nos papeis de Casto Sampedro xa aparece no s. XVII: Sitio y calle del Piollo, tras el Hospital

 

 

 

R. Isidoro Queimaliños: Nado en Redondela o 22 de outubro de 1850, faleceu o 7 de decembro en 1904 na casa que o vira nacer. Médico moi implicado cos menos favorecidos, subdelegado de sanidade, político liberal e xornalista. Alcalde de Redondela. Faleceu o 7 de decembro de 1904 ós 55 anos de pulmonía. En 1905 por subscripción popular levantouse un mausoleo na súa tumba e pouco despois puxéronlle o seu nome á rúa na que vivira.

 

  • R. Reveriano Soutullo (durante a II República): Ver actual R. Reveriano Soutullo.

  • R. do Val ou do Valle: Xa no s. XIV recibía este nome.

  • R. Obispo Iglesias. Nome dado en xullo de 1895 e que apenas duraría uns meses. Adicado a Dámaso Egidio Iglesias Lago, natural de Vilavella (Redondela), bispo de Ourense. (Ver Persoeiros>Relixión).

  • NOTA: Esta rúa tamén era coñecida popularmente como rúa da Herba, porque, como na praza da Alfóndiga vendíanse productos agrícolas (millo, graos...).

  • NOTA: Dende principios do s. XVII era chamada tamén R. do Medio porque as casas pares pertencían a Reboreda e as impares a Redondela. Logo chamaríase R. do Medio a actual Reveriano Soutullo probablemente por chamarse así esta rúa no periodo da II República. Aínda se pode observar o límite de Reboreda gravado nunha pedra da Casa da Alfóndiga.

  • R. da Porta da Vila: Aparece como rúa a finais do s. XVIII. Era a porta principal da muralla que rodeaba Redondela, estaba situada ao inicio da rúa Isidoro Queimaliños, no cruce con Cruceiro e Telmo Bernárdez.

 

 

 

Pz. José Figueroa: José Figueroa Montero (Redondela 11-07-1880 / Vigo, 15-09-1912). Emigrante en Brasil con éxito no sector da hostalaría, presidiu a Asociación de Hijos de Redondela. Grazas á súa iniciativa construiuse no concello unha escola. Trala súa morte, o 17 de setembro de 1912 se lle deu o seu nome á praza. (Ver Persoeiros>Outros)

 

 

 

R. José Regojo: Empresario nado en Pontevedra e zamorano de adopción. En Redondela fundou a fábrica textil que levaba o seu nome e que, co tempo, converteriase no motor económico da vila. Faleceu o 14 de xaneiro de 1993 en Vigo. Ver>Persoeiros>Empresarios

 

  • Coa chegada da democracia e ata a súa denominación actual era un tramo da R. Padre Crespo.

  • R. General Mola (durante o goberno de Franco): Militar español. Nado en 1887, falecido en 1937. Un dos líderes da rebelión militar do 36 que deu comezo á Guerra Civil. http://es.wikipedia.org/wiki/General_Mola

  • R. Telmo Bernárdez (durante a II República 1931-1936). Ver a actual Rúa Telmo Bernárdez.

  • R. José del Río: Nome dado en 1927. Nomeado fillo adoptivo de Redondela en 1925. Comandante de infantería natural de Baiona, nomeado delegado guvernativo por Redondela en decembro de 1923, tralo golpe de Estado de Primo de Rivera. (Ver Curiosidades 8)

  • Travesía de Villavieja: Xa aparece no s. XIX, anteriormente formaría parte da actual Padre Crespo..

 

 

 

R. Juan Manuel Pereira: Deputado por Redondela, Enviado Extraordinario e Ministro Plenipotenciario no Imperio da China e nos Reinos de Siam e Annam, Gobernador Civil de Pontevedra e Deputado ás Cortes por Ponteareas. Ver Persoeiros>Política

 

  • Barrio dos Pasales (antes de 1931). Esta rúa pertencía a Reboreda, ata que polo arranxo parroquial realizado polo Bispo en 1904, pasa a pertencer a Redondela.

  • R. dos Fornos: Cando menos dende 1521 e ata o s. XVIII. Rúa onde había varios fornos de pan.

  • Calle de la Puente: Nome co que aparece no s. XVII.

 

 

 

R. da Leña: Nome recuperado no 2008. Xa se empregaba no século XVIII, como Plaza de la Leña, sendo a praza a que está fronte a entrada á rectoral, actualmente R. Adro. Era onde se vendían leña e piñas

 

 

 

R. Loureiro: Nome de árbore con follas empregadas coma condimento ou remedio medicinal. Nome dado cando menos dende 1521.

 

  • Pz. do Leite: Chamada así por ser un punto de venda de leite. Estaba ubicada no punto da rúa Loureiro onde hoxe se conservan varias casas con soportais. Co tempo o punto de venta trasladariase durante varios anos ao cruce das rúas Isidoro Queimaliños, Cruceiro e Telmo Bernárdez.

 

 

 

Padre Martín Sarmiento
Padre Martín Sarmiento, óleo de M. Cousiño. Foto: www.moonmentum.com

 

 

R. Maceiras: Por estar ó carón do río Maceiras. Chamado así porque por el baixaban as mazás que caían das maceiras de San Estebo de Negros.

 

 

 

R. da Marisma: Pola súa situación na zona de marisma hoxe prácticamente desaparecida.

 

  • Nome posto no 2008, anteriormente pertencía á Av. Mendiño.

 

 

 

R. Meixón Frío: Meixón pode ter o significado de “lugar de reunión”. Nome dado cando menos dende o s. XVII.

 

 

 

Av. Mendiño: Trobador galego do S. XIII ou XIV. Ver>Persoeiros>Literatura

 

  • Paseo Francisco de Federico (durante a II República, só parte da Av. Mendiño). Antes e despois deste periodo, recibía este nome a R. Padre Crespo.

  • En 1912 realizouse a construcción da estrada á praia cruzando a Marisma, posteriores recheos darían lugar á avenida.

 

 

 

R. do Muíño: Pola existencia dun muíño no río Alvedosa. Nome posto no 2008.

 

 

 

R. Muro: (Ver Barrios). A finais do s. XX pertencía a Quintela, pasando en 1904 a pertencer a Vilavella.

 

 

 

R. 8 de Marzo: Día da muller traballadora. Nome dado no 2005 a esta rúa que anteriormente estaba ocupada pola Fábrica de Regojo (Ver Empresas) e forma parte do Barrio do Salgueiral.

 

 

 

R. Padre Crespo: Fraile mercedario e investigador de heráldica e xenealoxía. Ver>Persoeiros>Educación e investigación. O nome foi dado o 18 de xullo de 1968 coa asistencia do homenaxeado e a presenza do Governador Civil. Ese día inaugurouse a biblioteca municipal, na que se expuseron as súas obras.

 

NOTA: Do mesmo xeito que a rúa Padre Sarmiento, esta rúa é mal galeguizada como Pai Crespo. No Diccionario Xerais da Lingua atopamos: padre 2. Tratamento de respecto que se lles da ós frades ou sacerdotes da relixión católica (o padre Sarmiento).

 

  • Calle Vieja: Nome popular que aínda hoxe se emprega para designar ó tramo comprendido entre o viaducto vello e a Praza Rivadabia.

  • Travesía de Francisco Federico: Despois da II República recupérase este nome.

  • R. Nicolas Salmerón (durante a II República): Presidente do poder executivo durante a I República. http://es.wikipedia.org/wiki/Nicol%C3%A1s_Salmer%C3%B3n

  • Travesía de José del Río. Comandante de infantería que coa chegada ao Goberno de Primo de Rivera foi nomeado delegado gubernativo en Redondela en decembro de 1924. Un ano despois foi nomeado fillo adoptivo do Concello. Pouco despois deixará o cargo de delegado ao ser nomeado Gobernador de León. Dáselle o seu nome á rúa en outubro de 1928 tralo seu repentino falecemento.

  • Travesía de Francisco de Federico. Francisco de Federico Martínez. Nado en Madrid e cuñado do Marqués de Riestra. Foi elexido Deputado ás Cortes por Redondela en 1893 e 1898. Mantívose no cargo ata a súa morte en 1910, sendo sustituido polo seu fillo, Francisco de Federico Riestra. Tamén ostentou os cargos de Ministro de Fomento e vicepresidente do Congreso. Déronlle o seu nome á rúa en novembro de 1895. Durante a II República déuselle este nome á actual Av. Mendiño. Ver>Cargos Públicos>Deputados a Cortes

  • Calle de Elduayen. Político vigués, que se presentara candidato a deputado a cortes por Redondela en 1872. Nome dado en xullo de 1895, durando tan só 3 meses.

  • Calle de Villavieja (a principios do s. XX): Xa aparece esta denominación a mediados do s. XIX.

  • Calle del Campo de las Monjas: A finais do s. XIX.

  • Calle Principal. No s. XVII.

  • Rúa Real ou Val Real: Chamada así por formar parte do Camiño Real, coincidía cun tramo da vía romana e do camiño portugués. Parte de Vilavella comprendida dende a Pz. Ponteareas (incluida) ata a Pz. Ribadavia (actualmente rúas Padre Crespo e José Regojo).

 

 

 

R. Padre Sarmiento: Pedro José García Valboa. Naceu en Vilafranca do Bierzo (León) o 9 de marzo de 1695, falecendo en Madrid o 7 de decembro de 1772. Os 15 anos ingresou na Orde dos Bieitos, adoptando o nome de Martín Sarmiento. Precursor no estudio da lingua galega no século XVIII, adicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2002.

 

http://es.wikipedia.org/wiki/Fray_Mart%C3%ADn_Sarmiento

 

  • Con anterioridade pertencía ao Paseo da Xunqueira.

 

 

 

 

Paseo do Pexegueiro: (2005) Nome do río.

 

 

 

R. Picota: Pola existencia dunha picota ou rollo, insinia da autoridade señorial. Era o sitio onde se ataban aos delincuentes ou aos responsables das obras gremiais mal feitas, para expoñelos á vergoña pública.

 

  • R. del Rollo. Nome dado no Catastro de la Única (1792).

 

 

 

 

 

Pz. Ponteareas: Irmanamento co concello de Ponteareas.Nome dado o 17 de xuño de 1973 coincidindo coa celebración da festa da Coca.

 

  • Anteriormente, formaba parte da actual rúa Padre Crespo.

  • Campo de las Monjas. A finais do s. XIX. O motivo é que parte da praza eran terreos que, ata os anos 60 do pasado século, pertencían ao Convento de Vilavella.

 

 

 

R. Prata: O nome pode estar asociado co oficio de prateiro. Xa aparece con este nome en 1521.

 

 

 

R. Prego de Montaos: Familia nobre que tivo gran importancia en Redondela. O seu brasón atópamolo na Igrexa de Vilavella, na casa Reitoral de Redondela, na Casa da Alfóndiga, na Casa da Torre, no Pazo de Petán, na Casa do Cristo de Limpias, na Igrexa de Reboreda e no Pazo de Reboreda. Un dos persoeiros máis destacados desta familia foi García Prego de Montaos. Ver>Persoeiros>Nobreza

 

  • 1ª Travesía Praza Ponteareas: Antes do 2005.

 

 

 

R. Raimundo Cal: Naceu en Redondela o 22 de setembro de 1940, falecendo en Vigo o 22 de xaneiro do 2003. Mestre represaliado. Pertencía ó partido galeguista e fixo campaña a prol do Estatuto. Foi detido en 1948 por formar parte do Socorro Rojo, colectivo que axudaba ás familias dos presos políticos, sendo condeado a 6 anos de cárcere. Nas primeiras eleccións municipais democráticas (1979) foi elexido concelleiro polo Partido Comunista.

 

 

 

R. das Regateiras: Fai referencia ás vendedoras de peixe.

 

 

 

Rúa Padre Crespo, 2009. Foto: J. Migueles
Rúa Padre Crespo, 2009. Foto: J. Migueles

 

 

R. Reveriano Soutullo: Naceu o 11 de xullo de 1880 en Ponteareas pero pasou gran parte da súa vida en Redondela, de donde era orixinaria a súa familia materna, faleceu o 28 de outubro de 1932. Compositor de zarzuelas, pasodobles...; que recibiu un premio especial de composición otorgado polo Conservatorio Nacional en 1906. Ver Persoeiros>Redondeláns de adopción. O nome foi dado o 18 de xullo de 1968 coa asistencia da viúva do homenaxeado, Victoria San Emeterio, e a presenza do Governador Civil.

 

  • R. Rivero (durante o goberno de Franco):

  • R. Alejandro Otero (durante a II República): Médico xinecólogo Rector da Universidade de Granada, Concelleiro na cidade de Granada. Deputado socialista por Granada e Pontevedra e Subsecretario de Armamento. Ver Persoeiros/Política.

  • En xuño de 1910 o Concello acorda darlle o nome do recén falecido, Cándido Otero, deputado provincial. Non teño constancia de que se fixera efectivo. Ver>Deputados Provinciais

  • R. del Rivero. Recupera o nome antigo.

  • R. de Federico. Adicado ao político Francisco de Federico. Nome dado en xullo de 1895 e durante pouco tempo. En 1896 recibe este nome a actual R. Padre Crespo.

  • R. del Rivero: Xa aparece con este nome no s. XIV por ser lugar de paso dos que traían o viño do Ribeiro para embarcar no porto de Redondela.

  • NOTA: Coñecida popular e incompresiblemente como rúa do Medio, porque en realidade era Isdoro Queimaliños a rúa chamada así porque as casas pares pertencían a Reboreda e as impares a Redondela. A confusión pode deberse a que esa rúa foi chamada Reveriano Soutullo durante a II República.

 

 

 

Pz. Ribadavia: Irmanamento co concello de Ribadavia. Púxoselle este nome durante as festas da Coca de 1953. Uns meses antes en Ribadavia fíxose o propio dándolle o nome de Redondela a unha das súas rúas.

 

  • Popularmente, é coñecida como A Farola e, antigamente, tamén era chamada como a praza de Las Tres Luces (nome hoxe perdido), pola colocación dunha farola no centro da praza.

 

 

 

Av. da Ribeira: Ver Barrios.

 

  • R. Jose Antonio (despois da guerra): Adicada a Jose Antonio Primo de Ribera (1903-1936). Político español. Uns dos fundadores da Falange Española.

  • R. de García Hernández (En 1930 e durante a II República): Ángel García Hernández. Militar español defensor da República que sería fusilado tralo fallido alzamento de Jaca (Huesca) de 1930.

  • R. Severino Martínez Anido. (Nome dado o 21-04-1929). Militar natural de Ferrol. Nomeado fillo adoptivo de Redondela en 1925 por conceder os fondos para as obras do Alvedosa. Nesta época (dictadura de Primo de Rivera) ocupou os cargos Director Xeneral de Seguridade e Subsecretario do ministerio da Gobernación. Tristemente lembrado pola represión que exerceu como Gobernador civil de Barcelona e por ser o creador da lei de fugas. (Ver Curiosidades 8)

  • C. de la Ribera

 

 

 

R. Rita Otero: En abril do 2015 dáse o nome de Rita Otero Fernández, esposa do empresario José Regojo e que fora nomeada Persoeiro do Ano 2014, a un tramo da R. Padre Sarmiento.

 

 

 

R. Salgueiral: Ver Barrios.

 

 

 

R. San Xoán de Arcal: Probablemente porque no lugar de Arcal atpábase a capela de San Xoán Bautista, propia das monxas do Convento de Vilavella.

 

  • A Canteira: Pola existencia dunha canteira. Dela sacouse a pedra coa que se canalizaron o río Alvedosa e o Maceiras.

 

 

 

Av. de Santa Mariña: Ver Barrios.

 

  • R. Calvo Sotelo: Durante o goberno de Franco. Político (1893-1936). Foi Director Xeral da Administración e Ministro de Facenda durante a dictadura de Primo de Rivera. O seu asesinato converteuno nun mártir e precipitou a Guerra Civil. http://es.wikipedia.org/wiki/Calvo_Sotelo

  • R. Antonio Orellana: Entre 1930 e 1937. Antonio Orellana Pereira. Nado en Soutomaior. Avogado Agrarista e Republicano, foi secretario no xulgado de Soutomaior, concelleiro e secretario no concello de Redondela, masón e mentor do grupo de xóvenes con aspiracións políticas “Los jóvenes turcos”. Tamén foi xornalista sendo director de La Escoba, director interino de El Pueblo e redactor de El Alvedosa, Gente Nueva, La Opinión e La Propaganda.

  • Av. Santa Marina. Ata a ordeación parroquial de 1904 pertenceu a Cesantes. No s. XVII xa aparece como Campo de Santa Mariña.

 

 

 

Pz. Santiago Apóstolo: Nome do santo patrón da Igrexa de Redondela. Nalgúns documentos aparece como Pz. de San Iago.

 

  • Pz. de la Rivera. Nome co que aparece no catastro de Unica, en 1792.

  • Antes do nome oficial era coñecido como Lugar das Regateiras, nome dado recentemente a unha rúa cercana.

 

 

 

Pz. da II República: Recoñecemento para os perdedores da Guerra Civil. Anteriormente, formaba parte do paseo da Xunqueira.

 

 

 

R. Subida á Estación: Subida á estación de tren,s antigamente ubicada preto do viaduto vello (Ourense-Vigo).

 

 

 

Paseo da Xunqueira, 2009. Foto: J. Migueles.
Paseo da Xunqueira, 2009. Foto: J. Migueles.

 

 

Camiño da Tafona: Recibe o nome dunha fonte. Probablemente foi chamada así pola existencia dalgunha panadaría ou muíño cercano.

 

  • 2ª Travesía Padre Crespo: Ata o 2005.

 

 

 

R. Telmo Bernárdez: Luis Telmo Bernárdez Santomé. Nado o 10 de abril de 1885 na mesma casa que o Xeneral Rubín. Médico de profesión, en 1923 foi elexido alcalde de Redondela, posto que desempeñaría ata 1936. En abril de 1936 foi nomeado Compromisario coa encomenda de elexir ó segundo presidente da República. Delegado Gubernativo en Redondela e Xefe provincial de Esquerda Republicana. Tralos sucesos do 18 de xullo de 1936 percorreu as rúas de Redondela tranquilizando e convencendo aos veciños de que non opuseran resistencia. Posteriormente, sería detido e encarceado en Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra, sendo fusilado o 12 de novembro de 1936 na estrada de Campañó. Déronlle o seu nome á rúa José Regojo en 1931 e en 1979 á rúa actual.

 

  • R. Pablo Iglesias (1930 e durante a II República): Pablo Iglesias Posse. Político, fundador do PSOE. Inaugurada o 4 de maio de 1930 por iniciativa da Socidade Obreira da vila. http://es.wikipedia.org/wiki/Pablo_Iglesias

  • R. Oriente: Debe o nome á súa orientación. Pertencía a Reboreda, ata que polo arranxo parroquial de 1904 pasou a Redondela.

 

 

 

Pz. da Torre: Está situada na parte traseira da Casa da Torre. Creada cando o edificio foi adquirido pola Xunta de Galicia.

 

 

 

R. Vilaflores: Nome do lugar.

 

  • Antes do 2008 formaba parte da R. Picota.

  • No s. XVII aparece a rúa de Miraflores. Outros topónimos desta época serían: Barrio de Miraflores, Sitio de las Congostras de Miraflores.

 

 

 

R. dos Vimbios: Era o lugar onde se vendían os vimbios para atar as viñas.

 

  • 1ª Travesía Ernestina Otero: Antes do 2005.

 

 

 

Av. Xeneral Rubín: Militar e político. Déronlle o nome á rúa o 21 de abril de 1929. Ver Persoeiros/Militares.

 

  • Antes de 1929 parte da Rúa Ribeira.

  • Rúa Nova ou de Pedro Romay. Cando menos dende principios do s. XVII. Tamén aparece como Calle Nueva de la Rivera. Nel se atopaba o outro peirao da vila e a Plaza del Pescado.

 

 

 

Paseo da Xunqueira: Era unha zona de marisma pobrada de xuncos coma o seu nome indica. Este nome foi mal castelanizado como La Junquera, cando en realidade a traducción correcta sería Juncal ou Junqueral. Aparece xa como Calle de la Junquera no Catastro de la Única (1792) e en documentos anteriores como Campo de la Junquera.

 

 

 

 

Sen Ubicar

 

 

 

R. de la Carnicería: Cara a 1333.

 

R. Ameixeira. No S. XVIII. Zona Esfarrapada.

 

Barrio de San Francisco. Zona Esfarrapada.

 

Pz. do Pan: S. XVII

 

Calle del Vicario: No Catastro de la Única (1792).

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 26-12-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

 

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

 

Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.

 

Guía didáctica para escolares:

 

Nº3. Arquitectura e urbanismo en Redondela. Alfonso Sotelo Ramos.

 

Nº5. Aproximación á toponimia do Concello de Redondela. Álvaro Iriarte Sanromán

 

Nº7. Don Casto Sampedro Folgar. Xosé Filgueira Valverde.

 

Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra

 

SEREN

 

Nº3. A vila de Redondela na Idade Media (S. XIII-XV). Xosé M. Sánchez Sánchez.

 

Os Nomes da Ría de Vigo II. Gerardo Sacau Rodríguez. Instituto de Estudios Vigueses (Fundación Provigo).2000.

 

Unidade didáctica. Personas que dan nome as rúas e prazas de Redondela. Xose Manuel Moreira Docampo. (Inédito. Fondos da Biblioteca de Redondela)

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003. Páx. 62-63. Rúa Pablo Iglesias-Paseo Fermín Alfaya.

 

Catastro de Ensenada de Redondela e Vilavella

 

Aportacións: Xosé Docampo, Matilde Fernández

 

Diccionario Madoz

 

Arquivo familiar. Documentos S. XIX.

 

Pares>Archivo Histórico Nacional> Monasterio de Santa María de Melón.

 

Pares>Memorial cobrador de rentas do Convento de Vilavella (1699-1779)

 

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia, La Correspondencia Gallega, La Idea

 

Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Heraldo de Madrid, Diario de avisos de Madrid

 

La Voz de Galicia