Toponimia popular.

 

 

Redondela

 

O Cajadouro: Chámase así, popularmente, ás inmediacións dos pilares do viaducto novo (Pontevedra-Vigo) entre a Ribeira e a Picota. O motivo é por ser o lugar onde moita xente facía as súas necesidades, especialmente os días de feira.

 

 

 

A Curva de Juan José (tamén Curva de Cachudo): Na unión das rúas Santa Mariña e Xeneral Rubín. Era o nome do dono da casa que facía esquina.

 

 

 

A Praza de Concha Velasco: Actual praza Alejandro Otero. Bautizada recentemente así porque instalaron nela unha fonte que votaba auga por fóra, na época no que na televisión emitían o anuncio dun producto para as perdas de urina protagonizado pola actriz Concha Velasco.

 

 

 

A Ruta do Colesterol: Paseo na Marisma polo que discorren moitos xubilados. Tamén chamado “o Parlamento” polas trascendentais discusións que alí teñen lugar.

 

O nome de Ruta do Colesterol tamén se aplica á Ruta da Auga por toda a xente que vai a camiñar, correr ou andar en bicicleta.

 

 

 

A Xunqueira dos Porcos: Nos anos 20, antes do recheo da Alameda e o desvío do Alvedosa, entre o río e a estrada había un campo de herba e frores. Nel pastaban porcos e ovellas, de ahí o nome. 

 

 

 

Cesantes

 

Couto do Mexo: Lugar onde a xente acostumaba facer as súas necesidades.

 

A Curva de Pé de Pote: Na saída de Redondela cara a Pontevedra, hoxe en día é un vial que une a estrada nacional co acceso ó Pazo de Torres Agrelo. Debe o seu nome ó alcume do dono dunha empresa de autobuses que había á beira desa curva.

 

 

 

Reboreda

 

A Curva de Raxado: En Reboreda, curva moi pechada onde se atopaba a Taberna de Raxado.

 

 

 

O Viso

 

A Curva do Maricón: Curva na estrada que baixa do Viso porque, ó estar mal peraltada, se entras rápido “marchas de cu”.

 

 

 

Calella do vello Axuntamento. 2009.
Calella do vello Axuntamento. 2009.

 

Antigos nomes das calellas de Redondela.

            Antigamente, as calellas de Redondela eran coñecidas polo nome ou alcume dalgunha das persoas propietarias dunha das casas que as formaban. A maior parte destes nomes xa non se empregan na actualidade. Tamén dicir que en lugar do normativo “calella” na vila sempre se empregou o castelanismo “calexón”.

Calella das Chiquiñas. Entre a Rúa Prata e a R. Ribeira.

Calella de Don Basilio. Entre a R. Prata e a R. Ribeira. Chamado así por haber nela a botica de Basilio Bernárdez Otero, pai de Telmo Bernárdez. Nome engadido ó rueiro no 2008.

Calella da Gata. Entre a Rúa Adro e a R. Isidoro Queimaliños.

Calella da Guidiña. Entre a R. Ribeira e a R. Prata.

Calella da Pepita. Entre a R. Prata e a Praza Santiago Apóstolo.

Calella de Povedo ou de Simón. Une Reveriano Soutullo con Isidoro Queimaliños. Recibe o nome da “zapatería de Povedo”, sendo Povedo o alcume do dono. Este negocio chegou a ter, máis ou menos, 15 empregados, despois foi herdada polos fillos do dono que o pecharon cando se xubilaron.

Calella da Saljeira. Une a rúa Prata coa rúa Loureiro.

Calella de Teodora. Xunto á R. Isidoro Queimaliños.

Calella do vello Axuntamento. Entre Isidoro Queimaliños e Reveriano Soutullo.

Calella de Xan Xan. Une Xeneral Rubín coa Rúa das Regateiras.

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 12-04-2016